martes, 22 de outubro de 2013

Lendo a Delibes

Hoxe 18 de outono encetamos un relato de Delibes na xuntanza dos pitufos do primeiro ciclo da ESO no Club de Lectura. Con anterioridade xa leramos algo de Cunqueiro (de Xente de aquí e de acolá) e algo de Conde (de Mementos de vivos). Escollimos un dos meus relatos favoritos, “Los nogales”. Ademais, estamos no tempo das noces. Díxenlles que o próximo venres, no que continuaremos porque, claro, hoxe non dou tempo, lles hei traer noces da horta para comungar mellor co autor e co tema. Usei o verbo comungar porque me parece especialmente apropiado. Cando un comunga come e comunícase mellor e máis intimamente con. Así nós, se comemos noces mentres temos na mente a vida do Nilo pai, Nilo fillo e a Miguel sempre connosco.

Estabamos no departamento, na planta baixa do insti, onde tan ben combinan a pedra (o gas radón) e a madeira vella. Á nosa dereita, un inmenso moble de castiñeiro algo moito petiscado da couza. Ao fondo a alta fiestra que dá ao patio onde eu xoguei de nena ao baloncesto tantas veces. Amamos o instituto. Non se pode pedir moito máis na vida. A ver se logramos que mellore Joaquín lendo, ten que vocalizar con clareza.

Los nogales é un relato cru, cervantinamente saudadoso. A vida é como é: as cousas son como son, e o pai non pode evitar o seu destino. A conformidade co fillo parvo custa. Custa aceptar o que non queremos que sexa e mais é, e por se fose pouco, hai que amalo igualmente.

Cando lemos a parrafada con zeta do Nilo fillo rimos pero somos capaces de entendelo.

Sobre todo, este relato déixanos xogar moito coas palabras. Hai unha riqueza absoluta de palabras novas. Eu xa non relembraba o que significa cariedones. Nilo ‘el viejo’ tenlle medo aos ‘pájaros ratoneros’, aos esquíos e aos ‘cariedones’. Somos sete en total, dúas profes do equipo do Club de Lectura e cinco rapaces e ningún dos sete coñece esa palabra. Dime Cristina, a pequena, profe, eu creo que ten que ser unha especie de esquío. Eu digo, máis ben unha especie de roedor. Logo vexo no DRAE que é un insecto especializado en comer noces. O pai sobe ás nogueiras para o ‘apaleo’. Explico que non sempre fai falta varealas, na terra do meu home (Deza) por exemplo, non o fan. Entón di a outra Cristina que na terra dos seus (Pol) tampouco o viu facer nunca.

No relato de Delibes hai palabras estupendas e un montón delas non veñen no dicionario da Real Academia Española. Velaquí están: cucar, escucar, escucador, sazonar (referido a unha criatura humana), pájaro ratonero, marrotar, pico-relincho, esgarfiadas, nueces mollares, pajariteras. Afortunadamente, algunhas son variantes doutras máis coñecidas e vanse deducindo os significados. A máis bonita é cucar. Cucan as noces cando empezan a regañar (un proceso que vai en paralelo á maduración) na propia árbore e eu supoño que é voz onomatopeica. Imito o crac sen erre. Caq! (hai que pronunciar sen que apenas soe a vogal, só as oclusivas). Escucar debe ser sinónimo do galego esconchar. Os conchos de Delibes teñen o envoltorio manchadizo verde aínda. Na terra da miña nai, Valdeorras, seguen sendo conchos cando regañan e o perden.

Esta inabarcable riqueza de palabras, esta imposibilidade de que todo caiba nun dicionario heino aproveitar máis cos de segundo de bacharelato. Para reforzar esa estimulante idea de que a linguaxe é poderosa, define ben a tendencia ao infinito da creatividade do ser humano. Etcétera. Seguiremos outro día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario