Hoxe temos o privilexio de poder dialogar cunha eminencia.
A nosa
entrevistada brilla con luz propia na Lingüística española e mais europea.
-Preséntate, por favor.
-En fin, Charo, en fin..., máis me soa a cardeal da curia romana... Meu
pai utilizaba moito a palabra «lumbrera» (con certa retranca, ás veces).
Son Milagros Fernández Pérez, nacín en Albarellos de Monterrei
(Ourense), son profesora dende novembro de 1981 na Facultade de Filoloxía da
Universidade de Santiago, na que exerzo como catedrática de Lingüística Xeral.
Imparto docencia de Lingüística e Psicolingüística nos estudos de
grao e máster, investigo en diferentes esferas da Lingüística aplicada, e teño
tamén algún tempo adicado a responsabilidades de xestión universitaria.
-Ti es catedrática da USC desde bastante nova, non si?
-Son catedrática dende xuño de 1998. Profesora funcionaria (Titular de
Universidade) dende outubro de 1986. Defendín a Tese de Doutoramento en xaneiro de
1983. E rematei os estudos de Licenciatura en xuño de 1978.
Creo que a cadencia de promoción é aceptable. Teño a sensación de ter
traballado arreo, sempre con ganas e iniciativa, e movida por inquietudes de
coñecemento.
-Parafraseando o clásico aforismo latino nada humano me é alleo,
de ti tamén se pode dicir que ningunha póla da árbore lingüística che é allea:
dominas as regras básicas da gramática chamada xenerativa, sabes dos
fundamentos do funcionalismo europeo, es experta en lingua de signos, podes
adentrarte mellor cá maioría de nós nos segredos da constitución interna do
cerebro, dedicas parte do tempo aos estudos sobre a linguaxe infantil... En que nivel te atopas
máis cómoda ou con que te identificas mellor?
-A miña curiosidade lévame por rutas variadas. Resulta
chocante que a curiosidade non estea ben vista. Nos anos '70 unha rapaza que se
facía preguntas non sempre era ben recibida. E aínda hoxe no Diccionario de
la RAE figuran
definicións con apreciacións negativas sobre a curiosidade (1. f. Deseo de saber o
averiguar alguien lo que no le concierne. 2. f. Vicio que
lleva a alguien a inquirir lo que no debiera importarle. 3. f. Aseo, limpieza. 4. f. Cuidado de hacer
algo con primor). Alomenos, hai algún xeito de
«ser curiosa» que si parece positivo, e que pode canalizar o desexo de
comprender o funcionamento das cousas
polo feito de ser «esmerada», e «cuidadosa».
Como dicía, móveme a necesidade de afondar nas diferentes vertentes da
linguaxe para debuxar a visión global. Creo que resulta imprescindible dispor
dunha imaxe do conxunto para mellor poder achegarse ás partes. Quizais por isto
non participo de cultivar só un método nin de seguir os postulados dunha escola
concreta. E isto non significa que sexa «galega que nen sobe nen baixa», mais
ben é prudencia antes que indecisión (o que, por certo, é aplicable ao dito
prexuicioso sobre os galegos «indecisos», «inseguros», «vacilantes», o que somos
é prudentes, sensatos e discretos).
A idea de que o coñocemento sobre as linguas non procede dun único
enfoque nin da aplicación dun método en exclusiva acompáñame dende hai tempo. Entendo
que facer ciencia significa construír con pezas de distinta procedencia
teórica. Nin o estruturalismo esgota a análise fonolóxica, nin a gramática xenerativa completa a descrición
sintáctica, nin o distribucionalismo consome os ocos posicionais, nin tampouco
a glosemática alcanzou a converterse na teoría axiomática da linguaxe. Facer
ciencia en lingüística equivale a conxugar enfoques, ponderar métodos e sobre
todo orientar as pesquisas cara a unha meta. Resumindo: depende de qué busques
e qué pretendas para decidir o xeito de abordalo e as técnicas para describilo e
analizalo.
A orientación dos meus intereses investigadores cara á
fala singular e non-canónica (en proceso de adquisición e en situación de merma
e disfunción por causa de patoloxías) vén marcando o meu rumbo de traballo
dende a segunda metade dos '90.
A Lingüística do «sistema» de Coseriu, da «langue»
saussureana, desenvolta ao redor do canon da lingua escrita e modulada sobre a
figura do emisor, non tomaba en consideración as producións de fala peculiares
no desenvolvemento da linguaxe ou nos casos de disfunción. Formular pesquisas
descritivas sobre emisións verbais non canónicas constituía un reto para
abordar investigación non-rutinaria e novidosa. Os materiais verbais peculiares
producidos realmente (tanto se trate de nenos como de persoas con algún tipo de
trastorno verbal) esixen observación minuciosa, con itinerarios descritivos
diferentes e moitas veces multidisciplinares, para afondar no coñecemento e
comprender a súa mecánica. As premisas básicas do valor da fala infantil e da
fala mermada descansan na significación comunicativa das condutas verbais dos
nenos e das persoas con algunha disfunción. Os datos que estes falantes aportan
constatan a súa eficacia na interacción. Así que unha lingüística de corte
comunicativo debe contemplalos. Os grandes repertorios de datos sobre fala
especial abundan na importancia daquela premisa. Precisamente, no meu
traballo indagador destes últimos 15
anos hai que sinalar o fito de ter elaborado un corpus de fala infantil (o corpus
koiné de fala infantil), que contén datos de linguaxe en proceso de
desenvolvemento (adquisición do castelán e con algunhas mostras de
desenvolvemento do galego) abondo ilustrativos da eficacia comunicativa nas
primeiras etapas. Os datos do inventario constatan que aproximarse á fala
infantil significa deseñar moldes comunicativos distintos aos canons do sistema
baseado no modelo de lingua
estándar.
Máis en
concreto, a base koiné contén datos lonxitudinais de fala de nenos na franxa de
idade entre os 22 meses e os 4 anos. É unha galería ampla de interaccións espontáneas
en entornos de escola infantil de 34 nenos e 37 nenas, gravadas en soporte
audiovisual e logo transcritas nun soporte informático internacional que se
coñece co nome de CHILDES. O corpus koiné de fala infantil é un repertorio de
166 transcricións que se pode consultar no sitio da web: (http://childes.psy.cmu.edu/data/Romance/Spanish/). O recorrer a grandes repertorios de fala infantil
ten matizado (e case que desterrado) a concepción universalista e instantánea
que vincula a adquisición da lingua a unha predisposición e a un coñecemento
innato propio da especie. No seu lugar, deféndese a convenencia de recoñecer
que todos os nenos falan, mais que non todos o fan do mesmo xeito nin todos
amosan o mesmo grao de destreza, razón pola que se volve imprescindible prestar
atención ás súas producións verbais.
-Unha das últimas veces que falamos ao vivo, estabas preparando un
interesante artigo para publicar na Universidade de Murcia sobre o sexismo na
linguaxe, na lingua que usamos diariamente. Que nos dis a este respecto?
Erradicar o sexismo é unha utopía inalcanzable, ou?
-Está claro que a lingua é un reflexo da sociedade. As representacións
ideolóxicas e de desequilibrio móstranse nos comportamentos, e non se pode
esquecer que os usos lingüísticos son conduta. Así que se hai sexismo na
linguaxe é porque hai desaxustes sociais. Esta é cuestión moi complexa e
delicada, sobre todo porque a repercusión dos desequilibrios leva en moitos
casos á violencia de xénero. E case que dá reparo simplificar e quedármonos na
lingua...
Entendo que o camiño para cambiar relacións de poder e de dominio está
na educación, e que é proceso longo no que interveñen moitos actores. Hai que
cambiar mentalidades, representacións que están moi arraigadas, e que na
maioría das veces só se mostran de xeito sutil. A través da lingua pódense promover
cambios. Os que se buscan, segundo parece, ao redefinir nos Dicionarios aquelas
entradas léxicas con connotacións desprezativas cara ás mulleres (por exempro, s.v.
zorro/zorra). Pero máis que nada aqueles cambios que, sen dúbida, se deberan
dar no plano discursivo, cando en marcos conversacionais se perciben
desequilibrios, como os que denotan intervencións que poñen en dúbida a
capacidade (“¿estás segura do que dis?”), que manipulan o pensamento ou as
reaccións (“agora vas dicir que era o que esperabas”), que monopolizan a
conversa ou truncan a quenda..., e que traslocen xerarquías de poder marcadas.
É na comunicación cotiá onde hai que pór maior atención porque é nas
coordenadas discursivas onde, moitas veces sen apenas notarse, se introducen
ingredientes sexistas e de dominio.
- Escribir, producir, investigar, como se leva iso coa docencia? Unha
porcentaxe non desprezable de alumnos que pasan pola Universidade española, din
que os grandes sabios, os grandes investigadores pasan moito da docencia e dos
alumnos... Que opinas ti?
-Non é fácil a combinación, non. E todo se complica se engadimos as
obrigas de xestión (coordinación, trámites, organización académica...) que
tamén son parte importante da actividade universitaria.
Ao meu modo de ver, un profesor universitario debera ter un perfil
investigador notable e ben definido. O ensino superior debera tender á
formación en investigación e á preparación en técnicas punteiras e novidosas. Ao
fío disto, ¿que vai ensinar o profesor se non investiga?
De tódolos xeitos, eu diría que
nestes últimos 15 anos a tendencia ten sido a de priorizar a vertente docente
descoidando a investigadora. As técnicas pedagóxicas están sendo introducidas
coma se foran a panacea para solventar os problemas de aprendizaxe xerais. O
panorama é complexo e preocupante porque se toma un instrumento (ferramentas
pedagóxicas) como se fora o mecanismo exclusivo de solución. Cando en realidade
a aprendizaxe baséase en contidos de coñecemento relevante que hai que dominar.
E, máis que nada, consiste en adicación, disciplina e horas de estudo. Por
moitas técnicas pedagóxicas, se non hai contidos selectos e se non hai esforzo,
non se acadarán resultados de éxito.
Creo eu que un profesor universitario ha ser un investigador que
transmite os logros de coñecemento que vai acadando. Ao tempo que ensina,
constata o valor das achegas investigadoras e comproba se deixan pegada entre
os estudantes: unha ruta excelente para verificar se o que se explica resulta
convincente e ten garantías. Por outra parte, a vertente docente pode ser
elemento dinamizador da investigación: programas sobre temas que non se coñecen
en profundidade, preguntas na aula que precisan extender intereses, sensacións
de explicacións escasas ou superficiais, poden ser detonantes para iniciar
liñas de pesquisa. A relación entre docencia e investigación debera ser de ida
e volta.
-Milagros, que estás lendo agora? Que tes na mesiña de noite?
-Últimamente teño tendencia aos contos. Permítenme a lectura de relatos
pechados e considero que é literatura da grande, a concentración en tarriños
pequenos. Así que sigo enganchada a Alice Munro (a Nobel deste ano, que sentín
coma se llelo deran a un familiar!), a Clarice Lispector. Pero tamén a novelas-río de
autores norteamericanos coma Jonathan Franzen (recomendo Las correcciones),
Jeffrey Eugenides (La trama nupcial), que describen con ironía fina e metáforas transparentes («llevaba siempre el
pelo como el de una moneda recién acuñada»), e constrúen perfiles psicolóxicos moi
acabados das persoaxes, que se van identificando por como pensan e como falan. Teño debilidade por
este xeito de novelar. Agora mesmo, estou con Años
luz de James Salter, e cos contos de Clarice Lispector, Felicidade
clandestina.
Teño o costume de reler e repasar obras. Releo moito a Cunqueiro, a M.
Rivas, a Vargas Llosa. E poesía de Rimbaud e Verlaine.
-Recorda para nós algo de cando eras adolescente. Onde fixeches o
bacharelato?
-Aqueles anos sempre tan presentes..., a adolescencia é a forxa do que seremos.
A vida en Albarellos, quilometros en bicicleta con neve, xeada, e choiva no
inverno para ir a Verín ao colexio das monxas e facer o Bacharelato elemental. Frío
que conxelaba os dedos das máns e que impedía escribir ata pasado un tempo. Meu
pai, tódalas noites, tamén en bicicleta, ía recollerme para facer o camiño de
volta. Examinarnos
por libre no Instituto "Rosalía de Castro" en Santiago. Os anos de
Bacharelato superior (5º e 6º) e o Curso
de Orientación Universitaria (COU) xa transcorreron en Ourense, no Instituto do
Posío e con internado no Colexio Menor. Aprendizaxes da vida aos 15
anos na convivencia con rapazas de procedencia variada, e pola disciplina do
internado. Viaxes de fin de curso por estradas infinitas ao sur da Península e
pola costa portuguesa, que teñen depósito imborrable na memoria.
Os veráns en Albarellos tamén eran de bicicleta. Para ir ao río a
Requeixo e a Vilaza bañármonos. Meus pais tiñan unha tenda de ultramarinos que
había que atender. Naquel local había sempre reunións de adolescentes para
intercambiar libros, escoitar música (The Doors, Elvis, Cat Stevens, Bob Dylan,
Neil Young...), conversar ou namorarse. Daquela foron libros coma El origen
de las especies, La
Regenta, Anna Karenina, Crimen y castigo, e
o primeiro amor. A orientación
universitaria estaba no pensamento, e no trasfondo Marie Curie e Rita
Levi-Montalcini como modelos, pero tamén a gran Concepción Arenal, muller
admirable aos ollos de meu pai: «Todas las cosas son imposibles mientras lo
parecen», «El hombre que se levanta es aún más grande que el que no ha caído».
-Desde sempre tiveches clara a vocación de filóloga?
-Penso que o meu destino podería ter sido a bioloxía, a química, ou
mesmo o dereito (o que meu pai quixera para a filla), mais foron os estudos de
Letras, a fascinación pola Lingüística, o que me orientou na ruta cara á
formación superior. Quizais non poida
aducir unha motivación senón moitos imponderables para explicar tal decisión. En
calquera caso, o que si tiña peso era o aliciente das técnicas rigorosas para
investigar a linguaxe: o principio estrutural de oposición «unha unidade
é o que outras non son» despertaba en min tales inquietudes que comecei os meus
estudos universitarios en Filoloxía xa seducida pola Lingüística. Atraíame ser
investigadora no campo das linguas.
- Sendo como es unha investigadora e doutora que te moves en círculos
próximos á lingua española, nunca deixaches de interesarte pola lingua de
Galicia, desde logo comigo sempre falaches en galego. Un galego bonito,
ourensán. Que lles dis aos meus alumnos coruñeses tocante a este punto?
-No tema das linguas, cantas máis, un plus de oportunidades e de
habilidades de coñecemento. O bilingüismo e multilingüismo individuais
enriquecen, non limitan. As conexións neuronais non se esgotan, senón que se
multiplican por aprender e manexar linguas. O incremento de repertorios para
comunicarse facilita, nunca entorpece.
Na nosa comunidade debera ser común ter destrezas de uso en galego, e
manexar as linguas (galego/castelán) de xeito natural, conforme o pidan as
circunstancias ou os interlocutores. Isto é o que predica o «enfoque adaptativo» da
lingua (ou do rexistro) para mellor acomodarse ás necesidades do interlocutor e
conseguir a eficacia comunicativa pretendida. O emisor que fala ha estar
motivado por ser exitoso na súa mensaxe, así que debe considerar a ruta e as
estratexias para facerse comprender polo interlocutor, axustando a lingua aos
que lle escoitan.
Os beneficios do bilingüismo/multilingüismo son indudables. Pero non
podemos reducir as linguas ao seu papel como instrumentos de comunicación. Son tamén códigos que
enraízan en marcos culturales e antropolóxicos. A lingua galega dá soporte ao
que nos define como pobo con historia e valores. O mundo global dos
intercambios non debera confundirse co mundo da diversidade cultural. Todos nós
(os galegos) formamos parte dunha tradición idiomático-cultural que dá pouso e
nos identifica, e que se manifesta (entre outras evidencias) a través da lingua
galega. É razón dabondo para non deixar de falarmos sempre galego cas nosas
parellas, fillos, netos. A transmisión da lingua na esfera familiar é
fundamental para manter o noso patrimonio.
- Recordo que cando empezabas no departamento de lingua española na
facultade da praza de Mazarelos, estaba colgado o retrato de Noam Chomsky, por
quen sentiades unha especie de veneración. Segue sendo digno de atención o seu
discurso? Ou xa pasou á historia?
-Noam Chomsky é un intelectual lúcido, aínda hoxe. Nestes tempos de
confusión e engano, as súas reflexións son verdadeiros faros que iluminan:
No campo da Lingüística, a gramática xenerativa tén pasado por moitos
modelos e cambios de versión, e o predicamento da teoría non é o que era nos
'70 e '80. Os meus inicios na andadura investigadora, como sabes, estaban
movidos polo carácter «científico» co que se presentaba a lingüística de
Chomsky. Tiven
incluso un período de correspondencia epistolar co gran mestre. Mais conforme
iba avanzando na miña tese de doutoramento, con máis claridade se constataba
que a ciencia lingüística non pode reducirse a «un modelo dun falante ideal», nen a un marco teórico
tan formalizado en regras abstractas. A Lingüística ha dar cabida á diversidade
verbal, ha traballar con datos comunicativos, ha baixar á area da observación
da fala real. Fíxenme superfán de E. Sapir e mesmo de R. Jakobson.
-Moitas grazas por dedicarnos parte do teu precioso tempo, querida.
-De nada, raiña, a mandar.