xoves, 26 de decembro de 2013

Temas e motivos 3

Outro libro con mapas é Viaxe a Galicia (1745) de Fr. Martín Sarmiento. O ilustre viaxeiro non só foi debuxando algún que outro pequeño mapa, senón tamén inscricións nas lápidas, nas rochas, nas campás… Este mapa que escollemos corresponde á provincia de Pontevedra, cerquiña da grande montaña do Candán e do mosteiro de Acibeiro. Nel vemos a Casa das Raposeiras. Nesa casa viviron ancestros do propio Sarmiento, e do tataravó, do capitán Alonso Gosende, dinos algo dabondo curioso, dinos que conduciu as milicias da terra de Montes que acudiran cando o de Drake (Sarmiento escribe Dracke) en axuda da nosa cidade, Coruña. E engade que trouxo unha imaxe da Nosa Señora do Rosario e depositouna nunha capela da igrexa de Cercedo.
Tedes que saber que Fr. Martín Sarmiento foi un dos homes que máis amaron Galicia de todos cantos son nados. Amaba igualmente as voces galegas, preguntaba e escribía todos nos seus caderniños. E logo, fixádevos que cousa tan entrañable, logo soñaba con iso. Nun seu capítulo (“Reflexión física sobre un soño”) nárranos un deses soños, en que lle pregunta a un rapaz polo nome dun monte e soña con estrañas e bonitas respostas. Fíxome moitísima graza lelo. Podemos atirar nós tamén outra reflexión: os soños prolongan a realidade que amamos, recréana, reduplícana. E, como se aprecia claramente co sabio galego, dannos pistas para o coñecemento daquel que soña.
A literatura de viaxes é un saco sen fondo. Un meu amigo friulano escribía unha magna obra sobre viaxeiros a Venecia no século xa non relembro cal. Vós sen dúbida oístes falar da viaxe por América de Darwin. Coñecedes algún outro libro de viaxes?
Jorge Juan y Santacilia, científico ilustrado do XVIII, moi vinculado a Ferrol, que está de aniversario este ano, tamén fixera un periplo ao Vicerreinado do Perú para participar na medición dun arco de meridiano… Tedes información deste español digno de lembranza no enlace con que rematamos este capítulo. Continuará.



Ningún comentario:

Publicar un comentario