domingo, 26 de xaneiro de 2014

60 anos de "Terra Chá"

Xa hai sesenta anos de Terra Chá. Sesenta anos dende que Manuel María nos agasallase con este libro. A Chá é o centro de toda a obra, escrita con gran agarimo e devoción, na que cada verso ten a súa propia alma e chega ó lector con verba clara e sinxela. Nos cento catorce poemas que compoñen a última edición o autor descubriunos a súa bisbarra con fonda e pura emoción. 
Xa no primeiro poema amósanos de xeito maxistral a Chaira:

A Terra Chá somentes é:
un povo aquí, outro acolá
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.

Quen mellor que o poeta chairego para medir a Chá:
Ollada a Terra Chá dende as alturas
é semellante a un mar en calma.
Pra medila só valen dúas mensuras:
¡ferrados de corazón, fanegas de alma!

Escríbelle aos ríos:
O Azúmara, o Lea, o Anllo, o Miño
atravesan toda a Terra Chá
cun paso tan lento e caladiño
que aperta o corazón coa soedá.

Homenaxea a todo “compañeiro” seu, por moi pequeno que sexa:
Nunca tiveche unha arela
de tan humilde e sinxelo:
¡meu regato do Cepelo,
das regas ou da Barciela!
(***)
Meu lanzal cedro senlleiro
que naciches en Pontedeume:
¿gardas lembranza en Outeiro
das doces augas do Eume?

Ninguén coñece tan ben aos chairegos coma el:
¡O home da terra Chá
ten a alma mancada!
(***)
As rapaciñas da Chaira 
Son caladas e lanzales:
Os ollos cor abelaira,
Corpo de vimbios vimbiales.

Deixa patente a súa identidade labrega:
¡Para escravo o labrador!
No inverno móllase.
No vrao derréteo o calor.
(***)
Así vive o labrador:
¡comendo pan regado 
con sangue e con suor!

Manuel María adícalles moitísimas homenaxes ós demais poetas da Chá coma Aquilino Iglesia Alvariño, Díaz Castro, Xosé Crecente, Xesús Rábade, Miguel Anxo Fernán Vello, Noriega, Carmen Prieto Rouco, Margarita Ledo Andión e tantos outros grandes escritores chairegos mais non se esquece dos poetas descoñecidos:
¡E tantos poetas iñorados
que só pro vento cantaron!
¡Os seus versos namorados
nas ás da brisa voaron!

Tamén fala da relixión, mediante as romaxes da Terra Chá ( San Pedro en Taboi, San Mamede en Bonxe, San Ramón en Vilalba, San Alberte en Parga) pero gárdalle un cariño especial a patroa de Outeiro de Rei, o seu pobo:

Señora Santa Isabel,
dona de Outeiro de Rei.
¡Sempre che fun moi fiel!
¡E sempre fiel che serei!

O poeta déixalle un lugar moi especial ao labradío:
No mes da Sega o sol pica moi duro,
Ó segar o pan, o trigo está maduro;
Mes de moito traballo e moito apuro
(***)
O pan de centeo é un tesouro:
Semella a terra que o deu.
¡É como a terra de mouro
Porque na terra naceu…!

Poucos poetas aprecian tanto as árbores coma el:
¡Que branca é a abidueira!
¡Cara ó ceo anda a soñar!
¡Feita zoca, anque non queira,
Moita lama ha de tripar!


E poucos entenden tan ben as falas dos paxaros:
Se chove, chove amodiño
sobor da flor das cerdeiras.
¡E o melro, melro, melriño
canta de moitas maneiras!

Tras estes versos, e por un libro tan verdadeiro e feito con tanto sentimento e tanto amor, coidamos que Manuel María ten ben merecido ser o “poeta da Chá”. Xa hai sesenta anos de Terra Chá. Sesenta anos de agradecemento a Manuel María. Sesenta anos que, agardemos, sexan moitos máis porque un libro como Terra Chá ten que ser lembrado sempre.
Jorge Carril Espido.
Alumno de 3º da ESO.
(foto extraída de todocoleccion.net)


Ningún comentario:

Publicar un comentario