Encetamos, coma quen
enceta un bo xamón ibérico, un novo
capítulo. Titulámolo “Buscando palabras”. Todos e cada un de
nós, á hora de ler un libro, temos que acudir algunha que outra vez
ao dicionario. A cuestión é que hai palabras que non figuran nos
dicionarios. Esas son as que buscamos neste capítulo. Para min veñen
sendo coma pequenos tesouros. Oxalá que ese pensamento aniñe tamén
en vós: ver un tesouro nunha humilde palabra.
Imos ver un par de
casos. Pero logo contribuíde vós, por
favor.
Acabo de ler un
libro altamente recomendable do uruguaio Mario Benedetti, La
borra del café, e mirei oito palabras
no dicionario, non tanto porque ignorase o seu significado (sempre se
podía deducir polo contexto), como porque quería saber se
“existían” ou non. Falo dunha “existencia” digamos oficial,
dentro do dicionario (o DRAE, Diccionario
da Real Academia Española).
Escríbovolas:
Verborragia
(si que viña no DRAE), inexperiente
(non vén, pero si existe inexperiencia),
cafetomancia
(non vén, pero está claro que Benedetti a constrúe sobre o modelo
de cartomancia
e quiromancia),
destediar
(non vén, é moi boa esta, destediar o
tedio), autodidacto
(si que vén, para o masculino rapidamente entran estas novas formas
no dicionario: a ver cando entran pilota
ou soldada de infantería),
renguera
(si que vén, eu cría que só existiría renquera),
e desarrajar
(non vén, está formada sobre descerrajar,
co valor de ‘disparar, lanzar’). A dúbida agora é sabermos se
algunhas destas palabras, como desarrajar
a oíu (entre o pobo uruguaio) ou a inventou. Case que me inclino
polo segundo. Benedetti é un grande, un creador: son eles os que
necesitan ampliar límites. Pero nunca ousaría negar o xenio do
pobo. A dúbida subsiste.
E que vos direi se
agora escollésemos un relato calquera de Otero Pedrayo? Aí hainas
ás mans cheas, as palabras que se saen do
dicionario. Para o noso amado autor ourensán non hai dicionario no
mundo que dea cabida á súa expansiva enerxía verbal. Era coma un
volcán poderoso, xerando, renovando as raíces vellas. Vén á nosa
man Contos de Santos e Nadal.
Leamos o relato titulado “O corazón da pedra”. Deixando sen
comentar a beleza fonda, saudadosa da materia novelada, deixando fóra
expresións para marcar o tempo baseadas nos labores da terra (Era
polo tempo da bota do centeo, Pouco
despois das mallas; Inda
non se abrira a vendima) que tanto me
levan os ollos, imos ver cantas palabras se negaron a ser aprisoadas
polos dicionarios: No DRAG (Diccionario
da Real Academia Galega) non figuran:
montelas, palferros, raioso,
desengrolar, valados (adx.), canivelas
(‘pernas’), comén, despártese.
Entre outras menos curiosas. Claro que podemos acudir ao Dicionario
de Dicionarios que dirixe Antón
Santamarina. Daquela o número redúcese moitísimo. Só hai dúas
que non atopamos: montelas
e engrosecidas.
Non logro saber o significado da primeira e ben que o sinto. A
segunda non ofrece tantas dificultades: Falaban
deitando as palabras, engrosecidas, como pingotas dunha chuvia grosa
que se escachara no ermo. Que son
palabras engrosecidas?
Redondas, perfectas. Saen cando teñen que saír. Son as xustas e
precisas. Aí está o valor do redondo: do gordecho. O valor do ben
falado. Seguiremos. Pero tedes que axudar coas vosas lecturas, non o
esquezades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario