mércores, 19 de febreiro de 2014

OS OUTROS BLOGS

OS OUTROS BLOGS

Abrimos un novo capítulo. Titularémolo “Os outros blogs”. E imos empezar por este, que elaboran no Instituto pontevedrés Marco do Camballón de Vila de Cruces:


Acaban de dar a noticia de que os alumnos recolleron da oralidade dúas versións dunha lenda que ten como protagonista unha espada, a espada de Brandamés.  Paga a pena que o leades. A espada, de ouro, conforme unha das versións, xace no leito do río Ulla, ao seu paso polo lugar de Brandamés. E parece ser que, sempre segundo unha das versións, sería guindada despois de morrer un heroe. A noticia é boísima. Préstase a unha óptima comunicación entre expertos de diversas áreas: folcloristas, arqueólogos, historiadores, etc.
("Detalle das follas das espadas pistiliformes do río Ulla. Museo de Pontevedra". Foto tomada da p. 249 do tomo I de Galicia. Historia. Hércules Edicións. A datación das espadas fotografadas: 1000-850 a. C.)
E a nós dános pé para indagar na boa literatura sobre o tema. Abramos catro ou cinco libros deses que podemos chamar sen medo, clásicos. A ver que nos din sobre o nome das espadas que os heroes europeos brandiron; sobre a materia con que foron feitas e a descrición delas; sobre a conexión coa auga, e finalmente, sobre das motivacións que alguén pode ter para guindar coas espadas ao fondo dun río ou dun lago.
Primeiro, do nome: xa vimos o outro día os nomes das espadas de Sigurd ou Sigfrido. Ás veces o heroe ten dúas espadas, porque unha lle pode fallar. Ese é o caso de Beowulf (versión de Luis e Jesús Lerate, en Alianza), a quen a espada, Estacón, lle falla dúas veces. Cando xa vai vello e ten que enfrontarse ao dragón, vémolo con outra espada, de nome Négling , que por certo lle volve romper (v. 2680). Dentro desta espléndida edición de poemas altomedievais –séculos VII a X- anglosaxóns, vemos o nome da espada dun heroe chamado Wálter,  ou Wálder,  de España (ou de Aquitania): a Míming. No Cantar de Roldán (composto segundo Martín de Riquer entre 1085 e 1087) os dous amigos, Roldán e Oliveros teñen cadansúa espada: Durendarte –seguimos a versión de Camilo Flores- e Altaclara. O conde Galalón cingue a espada Murgleis. Torpín de Reims, o arcebispo, un dos últimos en morrer xunta Roldán, posúe a espada Almace.
E tamén sabemos que a espada do seu rei, Carlomagno, era chamada Gozosa (e de aí viña o grito-aturuxo de guerra dos francos, Monxoi!).
No noso Mio Cid  (manexamos agora a edición do hispanista británico Ian Michael) lemos que Rodrigo gaña en combate primeiro a Colada, gañoulla ao Conde de Barcelona, Remont Verenguel, v. 998, nunha batalla onde, por certo, eles, os homes de Rodrigo, cabalgaban siellas gallegas –v. 994. A outra, Tizón, gañoulla ao rei Búcar (rei no cantar, nas notas Emir, de Marrocos) –v. 2426.
Na Materia de Bretaña figura o nome da espada do rei Artur, Escalibur, espada coa que cingue ao seu sobriño Galvain cando o nomea cabaleiro, e tamén podemos citar a Espada do Estraño Talabarte (no libro Demanda del Santo Graal, na edición de Carlos Alvar) que chega ás mans de Galaaz. Ambas as dúas teñen en común a súa aparición marabillosa, chantadas en escaleiras marmóreas.
Segundo, da materia e outros trazos descritivos: un atributo que a Ilíada dá a Apolo é este: o da espada de ouro. Poucas habería de ouro, coma a da lenda do Brandamés galaico, pero unha parte, a empuñadura, si podía ser. Beowulf, cando lle fallou a espada, loitaba dentro do lago con Gréndel, o ogro. E ten que botar man doutra que na habitación do xigante había, e que logo lle regala ao rei de Escania. Mirade que descrición fai destoutra espada: Na garda de ouro que o puño tiña, / escrito con runas de exacto valor, / declarábase ben para quen ao principio / foi feito este ferro valioso e ornado/ con curvas serpentes (vv. 1694-1698, tradución ao galego nosa).
De Durendarte sabemos que ten a empuñadura de ouro (v. 1056 do Cantar de Roldán), a folla é de aceiro (v. 1079).
A prata é tamén bo material para adornar unha espada; así sucede,  volvendo á Ilíada, coa espada de Aquiles. Lemos: colgou do ombro unha espada de bronce gornecida con arxénteos cravos.
Algunhas destas espadas arcaicas  soían ter aneis na empuñadura, probablemente para fixar unha correa que a suxeitara á man (así nolo din os editores do Beowulf, o poema anglosaxón da alta Idade Media, en nota, aclarando a perífrase alusiva á espada el hierro anillado, v. 1521).
Que as espadas puidesen conter gravadas mensaxes verémolo tamén na materia artúrica. A xa citada Espada do estraño talabarte, destinada para Galaaz, ten a mitra en verso de leria escrita. E podían, ademais, ter curiosos aditamentos, para elevar o seu valor, sacralizando, incluso, a arma. Atopamos reliquias na espada de Galaón: Sobre das reliquias da súa espada Murgleis/ Xurou… (vv. 607, 608). E cando está a piques de expirar, o heroe, Roldán, diríxese á Durendarte, e descríbenola:“¡Ai, Durendarte! ¡Que fermosa e santísima es! / No teu pomo dourado hai moitas reliquias: / O dente de San Pedro e sangue de San Basilio, / Cabelos de Monseñor San Denís / E unha reliquia do vestido de Santa María” (vv. 2343-2347, edición de Camilo Flores). Por iso non quere Roldán que caia en mans de pagáns e fará todo o posible por rachala, por esnaquizala, dando contra as penas que ten a man, sen logralo (sen logralo polo menos no Cantar...).
E volvendo, antes de deixalo xa por hoxe, á espada do estraño talabarte, no puño había dúas costelas, ambas as dúas de animais; a primeira, dunha especie de serpente que habita en Caledonia, (...) e que alí é chamada serpente papalustre; esta serpe ten a virtude de que se alguén consegue unha das súas costelas ou algún dos seus ósos non debe temer sentir demasiado calor (...). A outra era dun peixe, non demasiado grande, ao que chaman ortanax, que habita no río Eufrates (...); as súas arganas son de tal forma que, se un consegue algunha, durante todo o tempo que a teña non lle acordará alegría nin doo que tivera padecido, senón que só lle acordará o motivo polo que a tomase, e cando a solte, volverá relembrar todo o que acostumaba, como calquera home normal (cap. CXXXIII).

Deducimos, así pois, que unha espada podía ser dotada, para unha maior efectividade, de elementos tanto relixiosos como mítico-máxicos. Seguiremos a próxima semana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario