mércores, 12 de marzo de 2014

EU LEVO O NOME DUN PERSONAXE LITERARIO

Eu chámome Benigna , pero todos me coñecen por Beni. A min puxéronme este nome porque  o meu avó materno se chamaba Benigno, nome que levaba tamén unha irmá da miña nai e que todos coñecían por Nina. O nome non era do gusto do meu pai e, de feito fixo todo o posible para que non o levase ningún  dos meus irmáns maiores, pero tenme dito que cando nacín eu, que son a quinta, non tivo xa argumentos que darlle a miña nai; de feito, algo incomodado debeu andar meu pai porque non foi apuntarme  el ao rexistro, como era tradición e mandou a un parente e, de aí tamén, o esquecemento de antepoñer o María como levan todas as miñas irmás.
A min pasábame coma a meu pai, non me gustaba o nome e, de feito non me decatei de que me puxeran ese nome ata que fun ao colexio e oín que ao pasar lista chamaban a unha tal Benigna. Non contestei xa que ninguén me chamaba así. Eu era Beni, Beniña  se me portaba ben ou Benota cando non era tan boa, pero non Benigna. Que nome! Que nena se chama Benigna! Tiven que oír a aquela monxa botándome un sermón por non terme levantado e responder. Tamén me oíu a min miña nai! Parecíame un nome de vella!
 Pasado ese susto, pouco a pouco fun asumindo que era por min cando dicían Benigna, e ademais só o oía ao pasar lista nas clases, logo todos me chamaban Beni.
Hoxe, volvendo a vista atrás comprendo o interese de mamá por poñerme o nome: seu pai morrera moi novo e a súa irmá Nina cruzara o Atlántico, polo tanto o meu nome era para ela coma telos na casa.
E co meu nome xa non tiven máis “ incidentes”; andando o tempo cando era estudante de filoloxía en Santiago de Compostela na materia de Literatura española mandárannos ler Misericordia de Benito Pérez Galdós e alí atopei a Benigna, un personaxe certamente atractivo polo que sentín unha simpatía que aínda hoxe me dura.
 E isto é todo, se a alguén lle pasa co nome o que me sucedeu a min, non teño máis que dicir o que tantas veces se di: o nome non fai á persoa.


Dona Benigna, Benina ou Nina, como a coñecen afectuosamente é un personaxe de Misericordia (1897), obra de Benito Pérez Galdós( 1843-1920 ):  a protagonista da historia traballa como criada para unha familia de clase burguesa que pasa por unha situación económica delicada e vese obrigada a mendigar as súas costas para poder tapar as necesidades de dita familia.
Benina é morena de cara, ollos grandes e escuros, dedos rugosos e de avultadas conxunturas, voz doce, modos ata certo punto finos e de boa educación. Usaba una venda negra ben apertada na fronte e sobre ela pano negro, e negros o manto e o vestido. Con esta aparencia e expresión sentimental e doce do rostro aínda ben composto de liñas, parecía unha Santa Rita de Casia. Nina ten case sesenta anos de traballo e ilusións, de paciencia e entrega. Antes boa cociñeira pero agora mendicante por amor e caridade. É toda ela forza de vontade e traballo sen descanso. Debe inventar mentira tras mentira para que a súa ama non se sinta humillada. Sisona, imaxinativa, paciente e resignada. Nina débese aos demais, soña con poder deixar de ser pobre e axudar aos que o sexan. Ama a vida por enriba de todo, nunca posuíu riquezas, de aí que non desespere ante a súa falta, desexa que isto cambie, pero ten os pés na terra e sabe que os milagres non ocorren todos os días. A vida mendicante de Nina vese coma un via crucis, pero este camiño para ela é una santificación.

Como vedes, Benigna é un personaxe moi atractivo co que eu me identifico en certa maneira, sobre todo por amar a vida e querer que o mundo cambie, aínda que coma ela sei que os milagres non ocorren todos os días.


Benigna Vidal Tomé
Profesora de Lingua e Literatura Galegas e
Xefa de Estudos do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda




Ningún comentario:

Publicar un comentario