xoves, 24 de abril de 2014

Lendo a... Alejandro Dumas

LENDO A ……..  ALEJANDRO DUMAS
UNHA FLOR, UNHA OBRA LITERARIA
A CAMELIA, A DAMA DAS CAMELIAS

O botánico xesuíta J.G. Kamel  foi o primeiro que trouxo a Europa desde Filipinas, no século XVIII, uns exemplares dunha flor delicada e sen aroma que medraba en distintas zonas de Asia. Pouco tempo despois, Charles Linneo bautizou a planta co nome de camelia, en honor ao relixioso que a descubriu para o vello continente, onde axiña se converteu nun signo distintivo de clase.

A beleza desta especie, de pétalos fráxiles e sedosos, cativou as clases altas europeas por ser tan perfecta coma as rosas, pero aínda máis delicada e de vida breve cando xa está cortada da árbore. A cantidade de variedades que existen e a súa floración no inverno, fíxoa a raíña dos xardíns das grandes casas nobiliarias. No século XIX, as camelias foron símbolo de elegancia e refinamento, e tamén de estatus económico.

En 1848 Alejandro Dumas fillo publicou A dama das camelias, a historia de Margarita Gautier, una cortesá parisina que prendía no seu vestido un ramo de camelias, brancas case sempre, vermellas durante cinco días ao mes, posiblemente para avisar aos seus pretendentes de que non estaba dispoñible nesas xornadas. Os retratos da época amosan como se usaban de adorno no cabelo, no corpiño, nos ombreiros ou no peito. Os adornos con camelias tiñan outra avantaxe para as damas, ao tratarse dunha flor sen aroma, podían usala sen que interferise nos penetrantes perfumes tan do gusto do momento.


Catro séculos despois, as camelias seguen espertando curiosidade e admiración. En Galicia existe una “Ruta da camelia”, un circuíto de xardíns vencellados á cultura da camelia, de grande interese turístico, histórico e artístico, auténticos xardíns botánicos creados con esmero e dedicación onde é a protagonista, como son: Pazo de Lourizán (Pontevedra), Pazo da Saleta (Meis), Pazo de Quinteiro da Cruz (Ribadumia), Casa-Museo de Rosalía de Castro (Padrón), Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) e Pazo de Mariñán (Bergondo), por citar algúns dos máis destacados onde cada ano florecen uns cinco mil exemplares de máis de mil cincocentas variedades de diferentes especies.

Galicia é un verdadeiro paraíso para a camelia, xa que a súa terra propicia o seu crecemento lento e as súas follas duras e brillantes dese verde intenso, co que permanecen intactas no outono e no inverno. A floración de xaneiro a abril é una ledicia e non o é menos contemplar o chan cando cae a flor e forma esas fermosas alfombras de color vermello, rosa , branco...

Ao falar da camelia non podemos esquecer a quen a fixo célebre no mundo da moda ao ser utilizada como broche, Coco Chanel, que a tomou como sinal de identidade da marca Chanel, querendo así inmortalizar a flor que o seu namorado lle regalaba ata que un accidente de coche acabou prematuramente coa súa vida.

Benigna Vidal Tomé, Profesora de Lingua e Literatura Galegas

Ningún comentario:

Publicar un comentario