martes, 6 de maio de 2014

Biografías lectoras (IX): Xabier P. DoCampo


1. Cal foi o primeiro  libro en galego que liches?
Estou seguro. Foron uns folletos en tamaño de oitavo que chegaban á casa  cada ano: O gaiteiro de Lugo. Tratábase dun calendario agrícola, totalmente escrito en galego e cheo de datos referidos aos traballos da terra, pero tamén contiña outras cousas coma artigos curtos, refráns, adiviñas e cousas así. Aló por finais dos anos cincuenta (1958?) aparece na casa un exemplar de Terra Chá, de Manuel María e ese é o primeiro que lembro co formato de libro. Tamén lembro que o mercara meu pai ou meu padriño na libraría Celta de Lugo, na rúa de San Marcos.

2. E en castelán?
En castelán foi un exemplar en formato grande d’A illa do tesouro que apareceu pola casa, en 1954 ou 1955 de xeito medio misterioso, porque me resulta raro non telo visto antes.

3. Un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Esa lectura ou lecturas, porque foron varias d’A illa do tesouro, estou seguro que foron as que me fixeron lector. Nunca imaxinara que un libro puidese conter tanta emoción, tanta fascinación e tanta beleza como encontraba e encontro eu naquel.

4. Que libro che prestaría ler agora en galego?
Non sei se comprendo ben a pregunta, por iso contestarei desde dúas interpretacións dela.
Eu leo e releo continuamente a Cunqueiro. Préstame a súa lectura calquera día e a calquera hora, nomeadamente o Merlín e familia. Cando teño un tempo de vagar no que me poño a ollar de arredor a ver a que boto man, invariabelmente pillo un libro de Cunqueiro, por exemplo un libro de artigos.
Agora ben se a pregunta se refire a que libro querería ver traducido ao galego, entón son moitísimos dos que leo traducidos ao castelán. Agora ben, non quero ler traducido ningún libro que eu sexa quen de ler na súa lingua orixinal.

5. E en castelán?
Tamén son moitos os autores e autoras que leo con gusto a calquera hora. Non son capaz de escoller: Cortázar, García Márquez, Carpentier, Asturias, Borges, Onetti, Rulfo... Lorca, Cernuda, Juan de la Cruz, Valente, Martín Gaite, Martín Garzo, Javier Marías...

6. Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler á xente nova?
Merlín e familia, Xente ao lonxe, Ilustrísima... Estou a escribir segundo se me veñen á cabeza... A xente nova pode ler os mesmos libros ca xente vella, moi en especial se conta con alguén ao lado que o acompañe na lectura, pero só como quen acompaña nunha viaxe: facendo reparar naquilo que se lle podía escapar.

7. Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
Un sempre adoita agasallar co último que lle produciu unha lectura pracenteira. Aquilo que ten máis fresco. Pero  con frecuencia eu adoitaba agasallar obras de Rosalía de Castro.

8. Que libro tés neste momento enriba da mesiña de noite ou no e-book?
Estou coa tradución ao galego do Ulisses de Joyce e cunha novela curta moi interesante, O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila.

9. E cal está agardando hai moito tempo por ti?
Creo que moi pronto me vou pór a ler unha vez máis (creo que será a terceira) Moby Dick de Herman Melville. Teño ganas de lle facer unha lectura ben vagarosa.

10. Houbo algúns textos ou autores que che quedasen na memoria para sempre?
Sei moitos comezos de grandes novelas:
«Muchos años después, frente al pelotón de fusilamiento, el coronel Aureliano Buendía había de recordar aquella tarde remota en que su padre lo llevó a conocer el hielo» (Cien años de soledad, Gabriel García Márquez)
«Lolita, luz de mi vida, fuego de mis entrañas. Pecado mío, alma mía.» (Vladimir Navokov, Lolita)
«¿Encontraría a la Maga? Tantas veces me había bastado asomarme, viniendo por la rue de Seine, al arco que da al Quai de Contí...» (Julio Cortázar, Rayuela)
«Vine a Comala porque me dijeron que acá vivía mi padre, un tal Pedro Páramo.» (Juan Rulfo, Pedro Páramo)
E, xaora...
«Quizabes mellor que dicila fora pintala, a selva de Esmelle, que cai á man dereita, vindo para iste reino pola banda de León.» (Álvaro Cunqueiro, Merlíne familia)
«Téndome pedido o fidalgo Trelawney, o doutor LIvesey, e o resto daqueles cabaleiros que escribise  todos os particulares sobre a Illa do Tesouro...» Robert Louis Stevenson, A illa do Tesouro)

11. Algúns versos dun dos teus poemas favoritos?
Ouh miña Terra Chá, amada dende lonxe,
poboada de ventos e carpazas,
por onde o Miño pasa caladiño
para non despertar tanto tanto silencio
que envolve bruscamente ceo e terra!
(Manuel María, Terra Chá)

Quedéme y olvidéme
el rostro recliné sobre el amado;
cesó todo, y dejéme
dejando mi cuidado
entre las azucenas olvidado.
(Juan de la Cruz, Noche oscura del alma)

Imos plantar unha cerdeira nova,
temos que darlle esa alegría ó vento.
(Antón Avilés de Taramancos, Os poemas da ausencia)
Xabier P. DoCampo
Club de Lectura (sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario