xoves, 22 de maio de 2014

Dublinés, de Alfonso Zapico, e V. Woolf, de B. Ciccolini e Grazier


Este álbum de Alfonso Zapico, sobre a vida de James Joyce (Dublín 1882- Zúrich 1941), obtivo no ano 2012, o Premio Nacional de Cómic. É unha obra excepcional, que os amantes do escritor irlandés e da literatura contemporánea non deixarán de agradecer, pois a súa lectura, permítenos achegarnos dunha forma amena e rigurosa á vida azarosa e difícil deste escritor xenial, autor do Ulises unha das obras máis complexas e revolucionarias da historia da literatura universal. Desde a súa infancia dublinesa até a súa morte en Zúrich, canso e case cego, abatido pola enfermidade dunha súa filla, o autor, cunhas imaxes tremendamente expresivas, vainos levando polos escenarios familiares e afectivos (como a relación coa súa muller Nora Barnacle), así como polos seus desvelos como escritor e o seu deambular polas distintas cidades onde o levou o seu destino errante (unha vez que deixou Irlanda, á que apenas volveu, mais que sempre levou canda el, pois toda a súa obra é unha homenaxe a súa amada-odiada patria verde). París, Londres, Roma, Padua, Trieste, Zúrich sonnos mostradas polo autor con tanto detallismo e veracidade que semella que esteamos a acompañar ao escritor por estas belas cidades europeas da primeira metade do S.XX, nun tempo de máxima creatividade artística, mais tamén convulso e dramático. 

Unha obra densa, rigurosa, con momentos de dor, de amor e tristeza, e tamén con grandes doses de humor, o que fai que o lector se adentre con curiosidade crecente na vida de Joyce, ese escritor que cambiou para sempre a nosa visión da literatura. De tal xeito que despois do seu paso polos territorios da imaxinación, xa non houbo máis volta de folla.

O mesmo podemos dicir da obra e da vida doutra escritora excepcional: Virginia Woolf (Londres 1882- Sussex 1941). Na biblioteca do instituto encontraremos outro álbum excelente sobre esta escitora. Este cómic sobre V. Woolf, o mesmo que o anteriormente reseñado sobre Joyce, forma parte dunha colección de historias gráficas sobre grandes escritores que o Club de Lectura adquiriu para a biblioteca, que constitúen uns recursos didácticos de grande valía, non só para os amantes da lectura e da banda deseñada, senón tamén como apoio para as aulas de Literatura, nas diversas linguas nacionais e internacionais, así como para outras materias como Literatura Universal. A través desta colección podemos acercarnos á vida e a obra de escritores como Joyce, Virginia Woolf, Melville, Ray Bradbury, Federico García Lorca, Castelao, A. Fernández Paz, Miguelanxo Prado… e a outros autores e libros moi atractivos. 

Só cómpre pasar pola biblioteca, procurar os cómics e ficar engaiolados por palabras e imaxes. 

(Sección coordinada por Xosé Pérez Mondelo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario