domingo, 25 de maio de 2014

ENTREVISTAS A EX ALUMNOS

ENTREVISTAS AOS EX ALUMNOS

-Preséntate, por favor.
-Xosé Nieto Castro, 23 anos, coruñés. Licenciado en Historia, tratando agora de completar o mestrado de profesorado. Considérome unha persoa de moitas afeccións e inquedanzas.
-Volves ser alumno no instituto, pero agora alumno de mestrado. Notas cambios no instituto?
-Algunhas cousas cambiaron bastante, outras non tanto. Os edificios en si están practicamente igual, se cadra aínda un pouco máis deteriorados tras seis anos sen apenas reformas. O persoal do centro si que se renovou significativamente, e xa non quedan moitos dos profesores que me deron clase a min no seu momento. Recordo que alguén me comentou que tiveron lugar máis xubilacións nos últimos cinco anos que nos vinte anteriores. Supoño que é natural que uns vaian indo para que outros novos vaian chegando. Conste que fiquei sorprendido de atopar algún que outro veterano a quen xa me imaxinaba gozando dunha merecida xubilación.
Os cambios que máis me chamaron a atención foron os relacionados co regulamento interno do centro. Normas, disciplina, esas cousas. ¿Unhas poucas faltas de puntualidade agora acarrean unha amonestación? Comparada cos meus tempos de alumno, a época actual parece un reinado do terror, hehehe! Tamén suprimiron a cafetería, unha pena, aínda que entendo os motivos.
-E que nos dis da túa experiencia na Universidade? Que foi o mellor e que foi o peor?
-O mellor foi a xente que coñecín en Santiago de Compostela. O peor foi a cidade de Santiago de Compostela.
-Recordo que ti fuches un alumno deses que a USC chama “de excelencia”, pero non quixeches ir ao acto nin recoller o diploma nin o agasallo. Podemos saber por que non?
-Entérome agora de que se celebrou un acto, en serio. Nunca fun moi entusiasta dese tipo de cousas. É posible que teña esquecido por que non asistín, a verdade é que non me lembro.
-Proxectémonos cara ao futuro. Supoño que os teus proxectos a medio prazo pasan por preparar oposición ao ensino. Pero se quixésemos soñar, ti con que soñarías: con descubrir un documento precioso, por exemplo, un manuscrito de man de Colón onde este declara aberta e explicitamente onde naceu e onde se criou; un cranio super antigo que fose paralelo ao mellor descubrimento dos paleoantropólogos de Atapuerca; un novo guerreiro galaico cun enxoval de ouro marabilloso, unha tésera de hospitalidade dos de Elviña onde se fala dos brigantinos ou dos arrotrebas, ou que? Cal sería o teu arquetipo, o teu desiderátum, se é que o tes?
-Sí, o certo é que agora mesmo os meus plans a medio prazo consisten basicamente en superar as primeiras oposicións ás que me poida presentar – coas deste ano semella que non vai haber sorte nese sentido. Sobre os posibles descubrimentos que comentas, non teño ningún interese en coñecer o lugar de nacemento de Colón xa que non me parece un dato en absoluto relevante por moito que algún que outro nacionalista trasnoitado insista no contrario. Os cranios non entran dentro da miña especialidade pero o certo é que se trata dun tema que me interesa, aínda que case preferiría que o atopase alguén máis versado na materia, xa que eu probablemente non sería quen de o valorar correctamente.
Para ser sincero, o que máis interese me desperta é o campo da divulgación. Aínda non teño pensado ningún proxecto concreto ao respecto pero estou interesado, sobre todo, en difundir o que teño aprendido ao longo dos meus estudos – e os que poida adquirir mediante estudos e investigacións futuras. Acumular coñecemento académico pode ser moi bonito e estimulante pero ao final non serve de nada se non somos capaces de que ese coñecemento resulte proveitoso para o conxunto da sociedade. E para iso cómpre difundilo de xeito eficaz.
-Volvendo á realidade, gustaríache volver visitarnos pero xa con destino definitivo?
-Dende logo.
-Dinos que estás lendo agora. Aconséllanos tamén unha boa lectura para os amantes da historia.
-Agora mesmo estou a ler varios libros ao mesmo tempo: “Manhattan Transfer” de John Dos Passos, “Blood and Soil. A World History of Genocide and Extermination from Sparta to Darfur” de Ben Kiernan (en inglés, pois non teño noticia dunha edición española) e “Tiempo de odio” de Andrezj Sapkowski.
¿Unha recomendación? “Breve historia dos gladiadores”, de Daniel P. Mannix. Trátase dunha obra estupenda de carácter divulgativo, non resulta nada complicado de ler e ademais pode conseguirse a un prezo bastante aceptable. Eso si, abstéñanse individuos de estómago feble porque inclúe cousas que non se atreven a mencionar nos documentais máis explícitos.

-Moitas grazas por respondarnos, Xosé. Unha aperta e sorte!

Ningún comentario:

Publicar un comentario