xoves, 5 de xuño de 2014

ENTREVISTAS AOS NOSOS ALUMNOS

ENTREVISTA A PEDRO TOMÉ VEIRA.

-Pedro, ti es alumno do Eusebio da Guarda desde o curso?

- Dende primeiro da ESO no curso 2009-2010. Tamén estiven no CEIP Eusebio da Guarda dende o primeiro ano.

-Mais arestora estás cursando primeiro de bacharelato en EEUU. Exactamente onde?

-Estou no estado de Oregón, na costa Leste, nunha vila de trenta mil habitantes chamada Grants Pass, que está só uns 100 km ao Norte da fronteira con California.

-Creo que xa dominas o inglés en grao suficiente como para ler os bos autores ao vivo, na súa lingua, quero dicir. Que autores les xa en inglés?

- Xa lín de todo en inglés, incluído clásicos como Dickens, Twain, Bradbury e outros. E un verdadeiro placer lelos na súa lingua orixinal. Fahrenheit 451 e Rebelión na Granxa linos en inglés despois de lelos en castelán, e a diferenza se nota.

-Que é o que máis che gusta dese modus vivendi (estilo de vida novo)  e que é o que máis botas en falta con respecto á forma de vida en Galicia?

- Aquí teño algo máis liberdade. Os nenos da miña idade soen facer moitas cousas pola súa conta, co seu coche e o seu diñeiro, polo que esperase de min que faga o mesmo. A parte mala diso é que a vida familiar ten menos valor. Comemos no instituto e moitas veces non cenamos á vez. A convivencia está reducida a ver algunha película xuntos.

-Tiveches tempo de facer amigos norteamericanos? Como vos divertides?

- Dez meses é máis que suficiente para facer amigos; aínda así, o que fago con eles é basicamente estar con eles no instituto durante a hora para comer e o recreo.

-Agora fálanos dese espléndido premio que acabas de recibir. Xa imaxinarás o orgullosos que nos sentimos contigo no instituto.

- Nos Estados Unidos gústanlles moito os concursos. Este é un que trata de encontrar o mellor estudante en música, matemáticas, inglés, ciencias sociais e ciencias, e logo o mellor do condado (equivalente das comarcas pero máis grandes que as de Galicia e non moi densamente pobladas). É unha pena que non haxa unha competición superior despois desa. O gañador decidíase cun exame tipo test que valía un 75% e unha presentación oral de cinco minutos que valía o resto. Obviamente, a parte que máis me preocupaba era a oral, especialmemte porque a parte científica non era tan difícil, se non que a diferenza estaba en como o explicase. Aínda así, parece que o fixen incluse mellor cós que estaban a falar na súa lingua e puiden gañar.

-Ponnos algún exemplo das preguntas que che fixeron, por favor.

- Unha pregunta da fase do instituto foi: "Explica dúas formas nas que podería suceder una extinción masiva na terra". Nesa falei sobre un impacto dun meteorito e unha posible inundación causada pola fundición do xeo. Na fase do condado preguntáronme sobre un experimento no que o aire é comprimido o suficiente como para afundirse no auga.

-Pode ser importante para o teu futuro, o premio?

- A verdade e que xa tiña claro que iba a dedicarme a ciencia, seguramente estudarei Física, o premio só me anima a seguir aprendendo.

-Que les neste días?

-Acabei onte A Vida de Pi para a clase de inglés, o seguinte libro que vou lir é O Vixía no Centeo de Salinguer.


-Pedro, moitas grazas por atendernos. Parabéns polos teus éxitos. Unha aperta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario