domingo, 22 de xuño de 2014

ENTREVISTAS A MULLERES DO NOSO INSTITUTO



ENTREVISTA A LAURA FERNÁNDEZ VILLARINO

(Deberiamos empezar coa letra B, de beleza e baile).

-Ben. Temos connosco a Laura, que chegou este ano á nosa casa. Unha servidora sentiuse, desde o primeiro día en que falou con ela, cautivada pola súa simpatía, forza vital, beleza e comunicabilidade, se se pode dicir así. Preséntate, Laura, dinos de que dás clase e de onde vés.

-Bueno, dou clase dunha materia que impón moito só con escoitar o seu nome, Física e Química, e veño de dar moitas voltas por este noso país. Traballei como profesora para a Junta de Andalucía durante nove anos e, logo de aprobar as oposicións voltei á nosa Terra, andei por uns cantos centros da provincia de A Coruña ata chegar aquí e, parece que me deu sorte, porque sempre lembrarei que este curso me deron o meu destino definitivo a partir do curso que vén.

-Xa coñecías a algún de nós, e mais tiveches xa tempo de facer unha panda de amigos, non si? Estás ben aquí?

-Pois si que coñecía a algún, algúns persoalmente, outros de referencia por amigos ou familia e ademais, unha profe de inglés foi "teacher" miña na escola de idiomas e a miña propia xefa de departamento fora a miña profesora de Física cando eu facía o antigo COU... unha honra traballar con ela, por certo. Doume conta tamén de moitas cousas que se pode dicir que "herdei" dela, jajajajajajajajaja... sobre todo o ser esixente e estrita. Podo dicir que moitos dos compañeiros que coñecín novos, son moi agradables, acolléronme moi ben e fixeron que o día a día sexa moi levadeiro e se poida entrar cada mañán a primeira hora con enerxía e un sorriso. Por exemplo cruzarse contigo nun corredor dá "bo rollito" xa para o resto do día. Estou ben aquí, pode dicirse que é un orgullo traballar nun centro coma este no mesmiño centro da cidade e para máis coa praia enfrente, aínda que tamén hai que dicir que é un centro con moito traballo sobre todo polo elevado número de alumnos por aula.

-Nai de dous pequechos, docente, amiga dos amigos, e por se fose pouco, bailas. Cóntanos.

-Pois si... teño dous nenos que se levan pouco máis dun ano e que por enriba son futbolistas, cousa que é un pouco escravitude mentras non teñen a idade suficiente para ir sós a entrenar e xogar... penso que pouco lles falta xa para poderen ir pola súa conta.
Amiga dos meus amigos tamén, a verdade é que procuro cuidalos para que me duren tanto coma dure eu, jejejejejeje... e teño a sorte de telos moi bos, a verdade.
E... bailo, si... bailei e volvo bailar. Comecei a bailar con oito anos en Xacarandaina, a miña segunda familia. Estiven ata os quince na escola de baile e nese momento entrei no grupo de Baile Tradicional que deixei aos vinte e dous cando me fun a Santiago para facer a miña especialidade na carreira... Estando no grupo recorrín bastante, por Europa, Francia, Escocia... moita España e moitísima Galicia, por suposto, de festa en festa e de romería en romería a parte de galas e actuacións en teatros e salas adicadas a espectáculos... foi unha etapa da miña vida moi rica e produtiva... este tipo de experiencias fan crecer moito como persoa... sempre se gaña con elas. A idea podería ser voltar algún día pero foi ao pouco de rematar a carreira cando marchei ao Sul. Cando volvín, formamos un grupo de veteranos dirixidos polo mestre de todos e director do grupo de baile, Henrique Peón, o primeiro ano fixemos unha actuación no parque de Sta. Margarita coincidindo co remate das actividades da escola en Xuño, o segundo ano, tiñamos todo preparado e choveu e despois non xuntamos xente suficiente para seguir mantendo ese grupo e houbo que deixar de bailar. Agora estou volvendo a ensaiar cun grande grupo de xente nun proxecto novo, no que non sei se poderemos participar todos cantos estamos, así que non sei se estarei incluída, pero é un segredo do que nada se sabe, jejejejejejejeje... o caso é participar, colaborar, cooperar e pasalo ben... e como eu o paso ben bailando e cantando... pois aí estou... xa se verá.

-Na Idade Media había un subxénero (normalemente integrado no xénero maior ‘Cantiga d’amigo’) chamado bailía ou bailada. Chegaron a nós as famosísimas das avelaneiras floridas de Airas Nunes ou Xoán Zorro. A poesía parece que nace vinculada ao canto e se cadra ao baile. Ti cantas tamén?

-Canto, abofé que canto... é raro que non canta e toca a pandeireta tendo formado parte dun grupo deste tipo... claro que unhas persoas teñen máis facilidade innata para o canto que outras... eu fago o que podo. Conste que xa sempre cantei dende pequena porque na familia do meu pai son todos moi cantaríns.

-Varios ex alumnos do noso Instituto formaron parte do grupo Lumia, un grupo en boa medida folclórico. Ou folk, se prefires. É un tipo de música que ten dado xoias ao mundo (Dylan, Baez, Neil Young; The Pogues; Malicorne, Nuova Compagnia di Canto Popolare; José Afonso; Jarcha; Milladoiro, Fuxan os ventos, Luar na Lubre, por citar uns exempliños). Gústache o folk? Sumarías algún exemplo máis?

-Gústame tamén o folk, claro... gaiteiros coma Bieito Romero formaron parte de Xacarandaina nalgún momento igual que Mercedes Peón, que para min foi a mellor voz que tivo o grupo... o meu pai formou parte da directiva da primeira discográfica galega, Ruada, e tiven o privilexio de estar presente ata en grabacións de Milladoiro nos seus comezos como tal agrupación, vivín de preto A Galicia do Maeloc e o Berro Seco... había un grupo moi bo tamén que eu lembre nesas épocas, Doa, que sacou un disco, O son da Estrela Escura, e bueno, as cancións de Fuxan sabíaas todiñas de nena... tamén Saraibas, Manoela e Miguel... eu crieime con esa música, ademais doutras variedades máis internacionais porque na miña casa había centos de vinilos que se escoitaban a diario... dende boleros ata grandes orquestas e solistas internacionais. Non se me pode esquecer unha gaiteira que me gusta moito, Susana Seivane e algún que outro amigo que son inmellorables gaiteiros aínda que sexan menos afamados.

-Que estás lendo agora, Laura?

-Agora mesmo non fago máis que ler exames, jajajajajajajajajaja... pero o meu libro da mesiña de noite, o que sempre está alí por se me fai falla darlle unha voltiña é "Contigo" de Ángel Gabilondo... que recomendo ler... tamén moi recomendable é "Made in Galicia" de Sechu Sende e de quen gosto moito ler é de Sandor Marai. Un que me sorprendeu moito foi "Llévame contigo" de David Grossman... leo cousas moi variopintas e diferentes.

-Sigue así, Laura, tan chea de alegría. Xa sabes aquel refrán que di: A alegría delonga a vida. Grazas por atendernos, queridiña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario