venres, 27 de xuño de 2014

VISITANDO MADRID


Di o arxentino Andrés Neuman nun libro que acaba de publicar, Barbarismos, que ler é o acto e efecto de vivir por segunda vez ou de vivir dúas veces… O mesmo pasa con escribir. Ti escribes unha crónica dunha viaxe e volves viaxar de novo. Ínstovos, anímovos a que o fagades. Un dos praceres da vida, sen dúbida (viaxar e mais escribir). Se o espazo é Madrid en primavera, xa é o súmmun. Acompañei o meu compañeiro de fatigas por mor do seu traballo. Estivemos ademais con Suso e Paz. Teñen a teima de levarnos a xantar a sitios non nacionais: comida grega, comida xaponesa, peixe ao modo peruano… Para desquitarnos, fomos un día a Toledo, con idea fallida de entrar no Museo de Santa Cruz, e pillamos cordeiro ao hispánico modo. Toledo, a imperial, resoa aínda a reconquista e maquinacións previas afonsís. As murallas, o río circundante, o rechouchío incesante de andoriñas e/ou vencejos, todo é unha poderosa chamada á vida. Se o Greco de Santa Cruz nos foi impedido, si puidemos deleitarnos co “Espóleo” da sacristía catedralicia. A catedral fíxome recordar cando estudabamos o “Auto dos Reis Magos”; é a Primada de España, aí xace aquel rei coroado en Compostela, coa súa esposa acarón, a Berenguela da fraseoloxía (Bonita coma unha berenguela; en Blanco Amor, biringuela/bringuela).
(Dama de Baza. MAN. Foto de Charo Soto)
 
En Madrid as tardes resoan a paraíso se as pasas no xardín botánico (quedan os bonsais para outra visita), co mirto (chamado en árabe arrayán), as árbores centenarias, as artemisas, áster e demais flores con arrecendo de xuño, coas parellas coméndose a beixos xa de verán. Unha pasada de beleza! E ese ceo cervantino con nubes grandotas, eses edificios de ladrillo mudéxar… O convento das trinitarias, por exemplo, onde xacen dispersos se cadra, perdidos sen remedio polo que parece, os ósos do autor de apelidos galegos, o Miguel que chegara a Madrid con dezanove anos, loiro, guapo, bizarro no mellor sentido do termo, aquel de quen deixou dito o seu mestre, López de Hoyos, o meu discípulo amado. En catro casas madrileñas distintas foi morando o noso escritor, pero non vin eu todas as letras gravadas que o relembren. Creo que falta información ao respecto por parte das Institucións pertinentes. Léase Concello. Hai que salvagardar, porén, a acción da Academia e a de asociacións dignísimas como a Sociedade Cervantina.
(Máis damas iberas. MAN. Foto de Charo Soto)
 
Petiscamos na praza de Santa Ana (por certo que na igrexa dos Xerónimos tan branca vimos un cadro espléndido de María aprendendo a ler no colo-regazo da nai, Ana, quen suxeita o libro, pintado por Carreño de Miranda; é un tema inusual, no que eu sei); achegámonos con idea de comprar alpargatas de auténtico esparto nunha rúa próxima á Praza Maior; visitamos -como non- a feira do libro (compramos un de mitos fundacionais, un de Virxinia Woolf, un de Garfield e un sobre Cortázar). E fomos ver, xa por último, o MAN (Museo Arqueolóxico Nacional). Había moitos anos que non iamos. Renovárono hai pouco. A min persoalmente satisfíxome. De feito, abraioume a riqueza –froito incuestionable da mestizaxe- deste mosaico de pobos chamado España. Pero díxome a miña irmá que foi contestado: non cumpre cos criterios historiográficos e museísticos esixibles a un museo dunha das capitais máis importantes culturalmente falando de Europa. Ou iso din algúns dos expertos no tema. Falo de oídas (aínda que había un mapa do ano 900 da península e xebraban Castela de León, algo inexacto, a dicir verdade, porque é innegable nesa data a dependencia dos condes casteláns, a vasalaxe ao rei de León). Etcétera. Concluímos: se viaxar é enriquecedor, reflexionar sobre a viaxe éo igualmente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario