venres, 6 de xuño de 2014

VISITANDO O MUNDO NO ANO MIL (I). ÁFRICA.

VISITANDO O MUNDO NO ANO MIL (I). ÁFRICA.

As cinco mil visitas merecen unha celebración especial. Viaxaremos en certa medida ao ano mil. E comezaremos por África, berce do homo sapiens sapiens. Un continente fascinante, que se está xebrando pola fenda do Rift. Unha fascinación que é reflectida na obra de grandes artistas, por exemplo, Gaudi, Picasso, Matisse. Buscade a foto do malagueño no seu estudo do Bateau-Lavoir, en 1908, rodeado  dun arpa punu, unhas figuras bakongo e dúas esculturas de teito canacas. Impresiona o novo que é e a forza dos seus ollos, impresiona o poder da arte africana.






As primeiras exploracións digamos “científicas” dos europeos son renacentistas: Diego Cao trae marfíns do Congo en 1486. Pero as culturas florecen desde moito atrás: En Nixeria, Nok é a primeira cultura coñecida que adopou o ferro. Pero con Igbo-Ukwu, arredor do século IX, iníciase unha escola de broncistas que, moi probablemente, espallaron a técnica da cera perdida en Ifé e, desde aí, a Benín. Os reis de ambos os dous lugares fixeron fabricar, como emblemas do seu poder, obxectos dun grande refinamento e únicos en África, que se contan entre as obras mestras da arte universal  (p. 25, “Arte tradicional africano”, de Alberto Costa Romero de Tejada, en África: magia y poder. 2500 años de arte en Nigeria. Fundación “La Caixa”, 1999, tradución ao galego nosa). Lede agora estas palabras de Roger Fry, crítico do grupo Bloomsbury, nun artigo dos anos 20: Teñen unha liberdade plástica completa (…). Os escultores parecen non ter dificultade ningunha en escapar do plano bidimensional (p. 22).
Nas selvas da rexión do baixo Níxer prodúcese o florecemento das artes de Igbo-Ukwu (séculos IX e X) no leste e da antiga Ifé (séculos XI a XV) no oeste, xunto coa aparición da cidade de Benín (p. 38,  John Picton: “Nok, Igbo-Ukwu”).
No ano mil en África hai reinos (e unha forte xerarquización social), antes houbo imperios (Exipto, Cartago). A maior parte das culturas son ágrafas, pero queda compensada esa carencia de escrita pola oralidade poderosa, a mitoloxía, os costumes rituais e a arte (igualadora, coma a morte; xa o dixo Goethe, a quen parafraseo: “o que non logra o ser humano na realidade que vive, lógrao na arte”). Arredor desta data estupenda (1000 d. C.) fúndanse cidades importantes, como O Cairo, da man dos fatimís, unha póla do Islam, procedentes do Magreb. Aí, no Magreb, norte de África en sentido amplo, teñen o seu núcleo territorial os Bereberes (a palabra ten o mesmo étimo cá voz ‘bárbaro’, eles fanse chamar a si mesmos “homes libres”). Os bereberes pasan a España na época do Califato cordobés, xa o propio Tarik (epónimo de Tarifa), no VIII, é un bereber (e tamén son bereberes almorávides e almohades, algúns dos cales loitan no poema do Mio Cid…). Non tiñan a mesma consideración social que os árabes de pura cepa, ocupan os arrabaldos, viñan sendo de clase B (tedes máis información no traballo de  Bilal Sarr: “Introducción al estudio del poblamiento beréber en la Marca Superior de al-Andalus (siglos VIII-XII)”, en Mélanges de la Casa de Velázquez, t. 43, 2013).  A lingua dos bereberes é afro-asiática, moi antiga, vin nun documental que cando o Sahara non era deserto, fértil paraíso era, xa daquela eles deixaron pegadas, case escribían xa… E se vedes fotos de mulleres bereberes con xoias de celebración, parece que estades vendo as descendentes da Dama de Elche. Ben. Ata aquí chegamos hoxe. Seguiremos a próxima semana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario