martes, 17 de xuño de 2014

VISITANDO...

VISITANDO O MUNDO NO ANO MIL (II). AMÉRICA.

Como xa saberedes, América foi primeiramente poboada por cazadores (cazaban pezas grandes, mamuts por exemplo) que, procedentes da actual Siberia, atravesan polo chamado estreito de Bering (este Bering era un mariño danés que estaba ao servizo do zar de Rusia e navegou por esa zona un día gris de principios do XVIII) e pasan ao que hoxe chamamos Alaska. Fano a pé porque era unha época en que o xeo unía ambos territorios, diso hai  uns 15.000 anos. Aínda que inicialmente non penetran moitos homes no novo mundo, van espallándose desde ese punto (noroeste) ao oeste de Norteamérica, ao nordeste e cara ao sur, ata poboar o continente enteiro, e logo xa, tempo andando, migran e móvense por todas as partes do que hoxe chamamos América. Que houbo contactos e intercomunicación sábese polo estudo das filiacións lingüísticas (familias lingüísticas que emparentan claramente aos homes, que nos din que se comunicaron no espazo e no tempo: póñovos só un caso para non resultar plúmbea: a familia dos algonquianos, ou da lingua algonquiana, localizable tanto en Quebec e menos en Ontario, como en Virxinia, Montañas Rochosas, na baía do Hudson e incluso en California) e polas mutuas influencias e/ou intercambios comerciais e culturais (un claro exemplo: os homes da cultura de túmulos Hopewell de Norteamérica, que habitaban sobre todo en Illinois, Indiana e Ohio, parece polos restos atopados que andaran “de compras” por toda Norteamérica: recibían o cobre do Lago Superior, conchas e dentes de caimán do golfo de México, do afastado Oeste procedía a obsidiana que usaban nos coitelos rituais, do litoral Atlántico outra clase de cunchas e de Carolina discos de relucente mica –os datos proceden do libro El primer americano, de C. W. Ceram).
(A grande pirámide de nichos de Tajín, tras ser liberada da aperta secular da selva; foto tomada da ed. de 1972 de Destino, da obra "La leyenda de los dioses blancos" de Pierre Honoré)
          
 Pero acheguémonos xa (na medida das nosas limitadas posibilidades) ao ano mil. Sen dúbida a civilización que acada un punto máis elevado nesa altura é a maia (os aztecas son posteriores, e os incas aínda non saíran das mantelas, tardarán centos de anos tamén en formar o seu imperio).  Esta civilización espallábase por Mesoamérica, nun territorio que ocupa o que hoxe é Guatemala, parte de Honduras e parte de México. Ao pobo maia pódeselle chamar o pobo das estelas (non eran exactamente funerarias como a maioría das nosas castrexo-galaico-romanas conservadas, servían para inmortalizar victorias, cronoloxías reais, leis, etc.). Facíanas ás mans cheas, a centos, e tamén o pobo do estuco (xa se atopou estuco na máis antiga cidade maia descuberta, Uaxactum, onde tamén se atopou o primeiro observatorio astronómico descuberto e a construción maia máis antiga que se coñece, unha pirámide, naturalmente). Pero fixádevos que no ano mil xa levaban centos de anos erguidas algunhas das cidades grandes maias como Palenque, Yaxchilán e Pedras Negras, as tres cidades en que a arte maia, insisto, acadara o máximo esplendor (entre o V e o VIII d. C.). Segundo a cronoloxía que manexo (a obra de referencia é La leyenda de los dioses blancos, de Pierre Honoré), o ano mil caería dentro do período postclásico, unha etapa (de 987 a 1194) na que brillan cidades como Hochob, Dzibilnocac, Chichén Itzá, Mayapán, Kabah, Izamal, Labna, Zayil, Uxmal. Di Honoré que en Mesoamérica unicamente foi posible unha soa vez a existencia dun imperio, como o dos maias, que durara mil anos. Todos os outros que xurdiron desapareceron ao cabo de poucos séculos. Non vou dar moitos datos sobre os maias porque os podedes encontrar en calquera enciclopedia ou na rede. Chamo a atención sobre algún nome propio, como Diego de Landa, que chegou a ser bispo de Yucatán, quen escribiu Relación de las cosas de Yucatán, e que nos deixou nun seu manuscrito os signos do que podemos denominar o alfabeto maia. Honoré é dos que pensan que houbo interacción precolombina entre Asia e América e que os asiáticos tiveron por forza que influír na arte maia. Os arqueólogos norteamericanos dubídano moito e veñen dicir que esas son a modo de teimas europeas. Certamente, parece un pouco fantasioso ver como fai Honoré, relación directa entre escritura cretense e maia. As concomitancias (motivos concretos moi específicos na decoración, no “árbore do ceo” de Java e no de Palenque, nos réptiles monstruosos de Asia oriental e de Palenque, a propia arquitectura das pirámides de nichos de Tajín e Angkor-Tom, os xogos incluso, o motivo do deus sentado sobre as pernas no trono-tigre na India e n o trono-xaguar dos maias) son tentadoras e a calquera  que viviu a chegada do ser humano á lúa, a calquera que lera no seu día a experiencia ousada do noruego  Heyerdahl, non lle ten por que resultar inverosímil que houbera un encontro previo ao ano mil entre pobos e xentes de Asia e América (velaí a incontestable forza do mito, da lenda dos homes brancos en América), pero doutra banda, resulta igualmente épico o feito de construírmos pirámides, de medir o tempo de maneira xenial e de sermos capaces de facelo partindo de culturas, de mentalidades, de espazos tan distantes e tan distintos. É coma se documentásemos, unha vez máis, a incontestable unicidade da especie humana.
(Páx. do manuscrito de Diego de Landa, co alfabeto maia, foto da ed. de 1972 da ed. Destino de "La leyenda de los dioses blancos" de Pierre Honoré)   
     
 Os maias tiñan un panteón onde cabían deuses (o principal o sol) e deusas (a nai-terra, Ixcumané, esposa do deus do ceo). Como astrónomos non tiñan par. O edificio observatorio máis importante da súa cultura é o observatorio do deus branco (Kukulcán) de Chichén Itzá, “o Caracol”, unha torre cuxo piso superior ten sete regandixas, sete estreitas fendas, para a medición dos solsticios e dos equinocios. Hai moitas concomitancias entre o calendario dos maias e os dos aztecas, pero tendo en conta que a civilización azteca exerce o seu dominio moitos centos de anos despois –e a nós cáenos fóra do noso ámbito de interese, o ano mil- , parece estar clara a dirección das influencias. Unha das semellanzas (outra sería a medición do mes, 20 días) é a importancia do período de 52 anos. Ese é o período longo por antonomasia dos maias, como para nós o século. Sábese polas vellas crónicas que celebraban este novo ano, cada 52, de maneira delirante. Claro que hai sombras no paraíso. Por exemplo, se había moita seca, ofrecían ao deus da chuvia sacrificios de virxes, eran botadas á fonte sagrada. E coidadiño con perder naqueles campionatos de pelota que xogaban: os perdedores eran decapitados sen piedade (e non cremos que lles deran primas millonarias aos gañadores).
("O Caracol", observatorio de Chichén-Itzá, que saíu indemne tras as guerras da conquista; foto tomada da ed. 1972, ed. Destino, de "La leyenda de los dioses blancos" de P. Honoré)

Outra cultura activa arredor dos anos mil é a dos totonacas, cuxa cidade principal era Tajín (na rexión de Veracruz, México). Outra é a dos toltecas: na súa historia aparece como quinto rei o branco e barbudo Quetzalcoatl, que reinou desde 847 ata o 999 d. C. e acabou tolo, abandonando o seu pobo. A cidade principal desta civilización é a lexendaria Tula ou Tollán, rica, caos xúas xigantescas pirámides do sol e da lúa, templos ben descritos por un dos nosos cronistas, o frade Bernardino Sahagún. Di Sahagún que as mazarocas de millo eran tan grandes que para levalas a casa había que botalas a rolar (temos que pensar que nesta hipérbole hai unha verdade oculta: é a planta do millo, orixinaria do actual territorio mexicano, a orixe e berce destas civilizacións; xunto co arroz é a planta de máis importancia na historia da humanidade).

Seguro que xa estades cansos de ler cousas tan antigas. Seguiremos dentro dun mes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario