sábado, 19 de xullo de 2014

VISITANDO O MUNDO NO ANO MIL. ASIA

VISITANDO O MUNDO NO ANO MIL. ASIA

Dise que Asia é o berce da civilización. Se pensamos que o nacemento da escrita se localiza en Sumeria, temos que dar por bastante certeiro o aserto. Tamén se focaliza en Asia o nacemento da agricultura. Este ano –creo recordar- saltou á prensa o depósito alimentario-arqueolóxico, de sementes, máis antigo que se coñece e está en Anatolia, a vella Asia Menor, moi na fronteira con Europa (enténdese ben o connubio de Zeus, europeo xa, por grego, coa filla do rei de Asia).

Asia é, ademais,  berce de relixións (a orde é alfabética): budismo, cristianismo, islamismo, sintoísmo, xudaísmo, etc. Podiamos seguir: berce do cabalo, berce do cultivo das hortensias e camelias… Mais ídesme permitir que tome outro camiño. O da ruta da seda, antiquísimo, pero que segue  aberto no ano mil. É unha rede de comunicación e de intercambios poderosa entre o norte e o sur, o leste e o oeste; entre aquel continente e Europa. A seda fainos situar nun punto neurálxico de Asia, alí onde primeiro aprenderon a cultivar o verme delicado, China.
No ano mil xa os chineses tiñan inventado unha chea de cousas útiles: a pólvora (coñecida desde o 800 d. C. aprox.), hai textos xa impresos (o chamado Sutra do Diamante  imprímese no 868 en Dunhuang; figura nalgunhas fontes como o texto impreso máis antigo: a técnica de impresión con tipos móbiles será mellorada por Gutenberg, indubidablemente, pero fixádevos que en Galicia temos libros en molde documentados como moi cedo en mil catrocentos noventa e pico); sempre en China, empezan a fabricar porcelana, xa coñecen o papel, inventan o compás… Que mans traballadoras, que mentes prodixiosas!
China aínda non logrou a unidade político-territorial digamos definitiva, o poder detéñeno castes vindas do norte, coma a Liao, de Mongolia. De alí virán anos despois os mongois ao mando de Kublai Kan e o seu neto, Gengis Kan, quen acabará fundando a dinastía Yuan. China exporta modelos. A forma escrita que usan os xaponeses neste período ten como referente o que fan os chineses (Opo nö Yasumarö , no século VIII, foi  o encargado de poñer por escrito material de transmisión oral  do Xapón arcaico,  e fíxoo con ideogramas chinos clásicos) . É un claro modelo civilizador no tempo que nos ocupa.
Outro núcleo poderoso, tamén vinculado ao camiño da seda,  é Irán (o que hoxe chamamos así), e en concreto a cidade de Bukhara. Aí nace en 1048 o poeta Omar Khayyam , cuxa lectura vos recomendo ferventemente; aí nacera cen anos atrás o matemático Al-Khorezmi (epónimo da voz común algoritmo), e aí vive agora Avicena, en quen se inspira Noah Gordon para escribir The Physician (libro base da película do mesmo título, O médico). Avicena escribe un Canon de medicina que se manexa en Europa ata o XVIII e as súas ideas metafísicas inflúen en pensadores cristiáns como Tomás de Aquino. Todo un xenio…, claro que estamos na Idade de Ouro do Islam. Bukhara é un dos focos básicos que xustifican ou explican a creación dunha das obras clave da literatura universal, As mil e unha noites.
A literatura é fundamental como criterio de selección neste período histórico e neste espazo. En Asia fráguanse as epopeas máis antigas que se conservan (o  Mahabharata e mais o Ramayana da India arcaica, entre outras)
No século XI,  precisamente, uns monxes budistas poñen por escrito a  epopea do rei Gesar de Ling.
A epopea de Gesar, o mítico rei de Ling, aínda hoxe en día se mantén viva e calcúlase que continúan cantándoa cerca de cento cincuenta rapsodas de nacionalidades tibetana, chinesa e  mongol. Isto diferencia a epopea do rei Gesar do resto da literatura épica antiga e medieval, tamén oral pero relegada ás  súas respectivas versións escritas e estandarizadas hai séculos ou milenios, como a Ilíada e a Odisea homéricas, a epopea sumeria de Gilgamesh, as narracións bíblicas do Antigo Testamento ou a épica india arcaica referida máis arriba, ademais da literatura épica europea medieval (A canción de Roldán, o Cantar de Mio Cid, o Cantar dos Nibelungos, a materia de Bretaña, etc.) ou o Kojiki xaponés (son palabras, traducidas por nós ao galego, do prof. Miquel Aguilar Montero, da Universidade de Lleida, , accesible en: https://pendientedemigracion.ucm.es/info/especulo/numero39/epiorient.html). A lectura do artigo citado, de literatura épica comparada,  de M. Aguilar é moi recomendable pasa saber máis desta materia asiática.
Agora quixera encarar xa a recta final desta síntese de Asia no ano mil, deténdome brevemente na literatura feita por mulleres en Xapón.
Entramos de cheo na sociedade Heian. Éme imposible transmitirvos en poucas palabras o complexo tecido de relacións entre homes e mulleres nese mundo arredor do ano mil: pero debedes saber que a muller xoga un papel decisivo na xénese da lírica, así como na xénese dunha lingua xaponesa autóctona (en contraposición á adopción masculina dunha lingua que mira máis a China; un factor clave neste sentido é a aparición do kana, un silabario creado a partir de caracteres chineses que permitía transcribir de forma simple os sons da lingua xaponesa e permite ademais ás mulleres nobres da sociedade Heian, sen acceso aos estudos chineses, dispoñer dunha ferramenta útil para plasmar sentimentos e experiencias por escrito). Se hai un libro paradigmático para animarvos a botar unha ollada a esta sociedade clasista pero que domina a arte da beleza e posúe un código literario eficaz, capaz de pervivir centos de anos ata a adopción de modelos occidentais xa cerca do século XX, ese libro, na miña modesta opinión é Cuentos de Ise (compostos na segunda metade do X d. C, da man de varios autores anónimos). Inda máis, procurade ter nas mans a edición de Jordi Mas López (Madrid: Trotta). O seu prólogo é unha auténtica lección maxistral. Citaremos, por fin, un par de nomes de poetas niponas que viven polos tempos que nos ocupan, Ono no Komachi e Izumi Shikibu (esta última viviu entre os séculos X e XI), dúas das grandes, sen dúbida.
Se queredes que vos traduza un conto de Ise (Mas traduce ao dereito do xaponés ao castelán) ao galego, velaquí o tendes:
As herbas do esquecemento.
Unha vez, cando un home pasaba polo corredor que hai entre os pavillóns Kôroden e Seiryôden, desde dentro da habitación dunha dama de alto rango una man lanzou unhas herbas das que se coñecen como “herba do esquecemento” aos seus pés, mentres unha voz preguntaba: “Estas herbas, son herbas do esquecemento ou herbas do segredo?”. O home respondeu mentres as recollía:
            Quizais pareza
            que quen sementa estas herbas
            é o esquecemento:
            non é senón a esperanza
            de pisalas de novo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario