venres, 29 de agosto de 2014

VISITANDO...


VISITANDO DEZA (II)
AS  ÁRBORES: A ARQUITECTURA EN VERDE.
Moitos de nós nutrímonos do verde. Así de simple. Necesitamos o verde como necesitamos ser amados. Cando visitei aqueles xardíns na ribeira do Támese, Kew, a uns 20 minutos en metro de Londres, unha das cousas que máis me abraiou, e arraigou no meu corazón foi o feito de teren identificdo, ben sinalado, reverenciado, o carballo máis grande do reino. Lanzal, xigantesco símbolo dun país que foi imperio marítimo, cuxas naves se fixeran coa súa madeira,  alí estaba, maxestuoso, ocupando un amplo espazo. Trouxen e teño no meu escritorio da casa de Coruña un par de follas e un par de landras.
(A carballeira de Barcia)
Aquí, en Deza, as carballeiras son igualmente fastuosas, inda abundantes, malia a mingua da masa forestal (din os arqueólogos que no período castrexo as fragas ocuparían o 90% do territorio, e aínda ata o século pasado o bosque de frondosas foi dominante, mentres que na actualidade está en regresión continua). Aquí, en España, tamén as Armadas –e xa que toco o tema, lémbrovos que a primeira armada histórica coñecida é a que mandou facer Xelmírez para defender as costas dos homes do norte, mesmo mandou vir de Xénova un mestre, un bo carpinteiro de ribeira, quen sabe se iría traballar el ou un dos seus á Moureira pontevedresa, de onde séculos máis tarde sairía a Galega, por nome oficial a nao Santa María-,  vencidas ou non (invencibles algunas daquelas naves, pois deran a volta ao mundo por primeira vez e nos comunicaron con América), foron feitas con carballos do norte, nosos, cántabros, vascos e astures. Mágoa dunha mellor política de reforestación. Agora disque hai leis que protexen os carballos, pero xa oín un par de gargalladas paisanas ao meu arredor cando mento este punto. Aprendede isto, fillos: de nada valen as mellores leis do mundo, se non se fan cumprir.
(O famoso carballo de Bermés, lugar onde nacera o non menos famoso matemático Rodríguez)
Onde está o carballo máis grande de Galicia? Francamente, non logrei dar co dato. Si que vin que Frei Martín Sarmiento se refería a el no seu tempo: “Santa Margarida do Monteporreiro/ que tén o carballo maiore do reino” (en Coloquio de 24 gallegos rústicos).
(Magníficos exemplares de buxos, pazo de Siador ou de Sestelo, c. de Silleda)

Temos, iso si, un listado editado pola Xunta de Galicia, con árbores senlleiras; anímovos a que o miredes de cando en vez. Déixovos o enderezo: (http://www.cmati.xunta.es/c/document_library/get_file?folderId=163779&name=DLFE-13502.pdf)
(O carballo de Soutolongo, tamén chamado do Muíño, e antes de Espinosa, pola familia propietaria; figura no catálogo da Xunta, está protexido, ao seu carón hai un muíño de dúas moas)
 
(A soberbia sobreira de Siador, tamén catalogada e protexida; entre oito persoas abrazamos malamente a súa roda)
(Na fraga de Catasós están os castiñeiros máis altos do reino, é espazo protexido)
 
No país de Deza hai máis que carballos: hai sobreiras e sobreirais (aquí chámanos ‘cortizos’), castiñeiros hai (e algúns altísimos, na Fraga de Catasós) e varios soutos, nogueiras, freixos, restos de abeledos (na ribeira do Deza ao seu paso polo mosteiro de Carboeiro), sabugueiros, algún teixo (no pazo de Soutolongo), espiños albares (Aránzazu parece que significa ti no espiño, tras unha aparición desa Virxe a un pastor vasco), arandeiras (hai un bosque delas no Castelo de Férveda, c. Silleda, de difícil acceso), sotobosques de acivros, maceiras (na parroquia do meu home moitos veciños facían sidra noutrora, cando era neno o seu pai). Desta riqueza en verde fálanos a toponimia dezá (ou fitotoponimia): Bidueiros,  A  Bouza, Carballeda, Carballeira, Carracedo, Carracido,  O Carballo (parr. Oleiros, c. Silleda),  O Carpazal (monte, parr. Cortegada), Carqueixeira, Espiño, Freixeiro, Filgueira, Maceira, Noceda, As Nogueiras, A Pereira, Pereiro, Piñeiro, Reboredo,  Sanguiñedo, Souto, Souto Nogueira, Soutolongo, Soutullo, Tixoa (de teixo?, está en plena montaña), Torguedo, A Viña (unha das parras máis grosas que vin na miña vida está na casa reitoral de Camanzo), A Xesta, Xestoso…
(Abelaira na ribeira do Deza, en Carboeiro; lembremos as cantigas medievais que xa nos falan das "avelaneiras floridas") 
E tamén nos fala a heráldica. No escudo de Lalín figura o rei indiscutible, a árbore de Xúpiter, o carballo, druídico, sacro, respectado por romanos e prerromanos, por vascos (el roble de Guernica), astures (penso no carvallón de Oviedo) e galaicos. Inda pervive algo desa vella sacralidade. Sabémolo polos ritos curativos, por lendas (xa vos contarei no próximo capítulo), pola continua e abundante cristianización das carballeiras (capelas, igrexas, cruceiros chantados todos nas carballeiras). O carballo do escudo de Lalín estaba xunta á vella Torre medieval (ambos os dous desaparecidos, derrubados en nome dun falso sentido do progreso, viñan estando onde o concello vello, acarón do actual grupo escultórico de Asorey en honra de Joaquín Loriga) e chamábanlle o Carballo da Manteiga. Curioso, non si? Débese o nome a que ao pé del canda a feira, se vendía a manteiga. Lemos na poesía popular: Adiós , ponte da feira,/ adiós, carballo grande,/ donde se vend ' a manteiga;  Adiós , feira do Cotón, / adiós , carballo grande,/  donde se vend ' o xabrón.
 Ora ben, sería sempre así? Se cadra tamén ao seu pé se fixeran noutrora cousas digamos máis transcendentes, como administrar xustiza (Débora, na Biblia vella, facía iso á sombra doutra árbore, dínolo expresamente o Libro dos Xuíces; seguro que a Pitia tamén aconsellaba á sombra dun loureiro, conta Pausanias que o primitivo templo en Delfos fora feito desa árbore, símbolo de Apolo), ou como reunirse o Concello (que é o que hipotiza Antonio López Ferreiro para o vello carballo que había no Preguntoiro de Santiago; a nós ensináronos en Vilatuxe un grande carballo, á sombra do cal inda recordaban os máis vellos que sentaba o amo do pazo e cobraba alí as rendas).
(Unha das moitas ermidas sitas en carballeiras que hai no país; está é a de san Caetano, e dentro garda tres imaxes, a dese santo italiano, a de san Xoán e a de santa Margarida; en Soutolongo)
 
Falemos aínda de carballos desaparecidos nestas terras que eu amo tanto.  Sei de tres: un, o do Pazo de Liñares: o avó dezao dos meus fillos díxonos que o chimparon para facer travesas (usábanse, de madeira, no trazado do ferrocarril, agora fanas de cemento), sacaron 80 travesas. Meu sogro non era dos que botan por ela. Non creo que esaxerara. Un segundo, o carballo dos Chaos: un noso veciño e amigo (sesaxenario) recórdao coas pólas cheas de pombas: coma un candieiro xigantesco, di que cada póla era igual a un carballo dos normais. Tres, o carballo de Escuadro (santa Isabel de Escuadro, c. Silleda). En Escuadro había unha carballeira, e feira nela,  que desapareceu, esta vez o sacrificio foi por unha estrada. O noso informante, septuaxenario, repítenos o que oíu dicir a seu pai: “O carballo de Escuadro! Alí cravábanse os sachos”.  Repetiumo varias veces, eu non entendía. “Xa sabe, antes os mozos…, non como agora … agora son peores…, antes pelexaban, cravaban os sachos, espetaban no carballo as cristas, un sacho ten dúas cristas…, e cando tal, collíano de alí”. Que cousas! Pero que antes pelexaban os mozos dun lugar contra os doutro, xa o sabía: “Viva Trasdeza, morra Deza!”, era grito de guerra da xente da xeración anterior á nosa, é algo dabondo sabido, tiña que vir a garda civil moitas veces ás romarías.
(Souto Manso -alude aos castiñeiros plantados pola man do home, mires como mires sempre se ven en liña recta; están na fraga de Catasós, precioso lugar para pasear, altamente recomendable, c. de Lalín)
Vou rematando: os nomes. Imposible dárvolos todos. É algo para seguir outro ano. Os nomes das carballeiras non veñen todos nos mapas. Hai que preguntar. Observamos que son tomados de, primeiro, do topónimo, da terra; segundo, do posesor, e terceiro, Deus sabe de que. Do 1º tipo: Carballeira de Barcia, de Cartemil, de Covas, de Portapazos, de Rodo (microtopónimo, barrio de Lalín), de don Freán, Fraga de Catasós (hai máis castiñeiros que carballos, pero en fin…), de Camporrapado, de don Sion, carballeira dos Chaos. Do 2º tipo: a carballeira do alcalde, en Fonteboa, c. Silleda; a carballeira do rei (dubidoso, porque igual rei deriva de rego), a carballeira da Crespa,  a carballeira de Darío (en Siador, c. Silleda), a carballeira de Quiroga (outro nome para a fraga de Catasós, este Quiroga é o nome da familia do marido de E. Pardo Bazán, din que no pazo que hai aí escribiu parte de Los pazos de Ulloa, hai frase popular: Nin que foran os bens de Quiroga!, que lle din a un cando pensa que ten moito…). Do 3º tipo: Carballeira da Zacota (en Laro, c. Silleda), carballeira das Cacasenas (nas aforas de Lalín), carballeira dos Fieiros (parece nome de planta, quizais variante dos fieitos, pero non estou certa) (Covas, c. Silleda).


(Mesa de César Portela, espectacular, na carballeira da Crespa, en Lalín; tristemente degradado este espazo, cheo de lixo; tras os preitos pola expropiación da carballeira, así andan as cousas..., uns polos outros e a casa sen varrer)

E aquí poñemos fin. Nas próximas vacacións, con tempo libre, falaremos de arqueoloxía, etnografía e folclore dezaos. Terra a nosa!

Ningún comentario:

Publicar un comentario