venres, 12 de setembro de 2014

ENTREVISTAS A MULLERES QUE AMAN O EUSEBIO DA GUARDA


ENTREVISTAS A MULLERES QUE AMAN O INSTITUTO EUSEBIO DA GUARDA.
Entrevista a Isabel Ruso de Lago, directora.
Mª ROSARIO SOTO ARIAS: -Grazas, Isabel, por concedernos do teu tempo de vacacións. Desde cando es directora do noso instituto?
Mª ISABEL RUSO DE LAGO: -Encantada de estar convosco. Son directora desde hai 6 cursos, agora comezamos o sétimo. Antes fun vicedirectora 3 anos máis.
-O teu lema, ou un deles, é A miña porta está sempre aberta a todos. É así, Isabel?
-Pois en certa maneira si. Creo que é importante que compañeiros, alumnos, pais, familias, coruñeses… saiban que neste instituto van ser sempre ben recibidos e, na medida do posible, atendidos nos seus requerementos. Pretendo seguir as indicacións de don Eusebio da Guarda  no seu testamento no que insistía que “O Instituto” debería estar sempre aberto á cidade.
-É innegable que estás rodeada moitas horas ao día de historia e de beleza. De todo o que te rodea, fisicamente, escolle para nós algo, por favor…
-Hai moitas cousas que podería mencionar, pero eu destacaría a radio de principios do século XX realizada a man en Chicago, que está no meu despacho. Creo que é algo sorprendente encontrar unha peza semellante nun centro educativo.
(A directora do Instituto 'Eusebio da Guarda'. Foto de J. Carlos Rivas)
-Ocupas un posto que antes ocuparan grandes personalidades. Relembra para nós algunha figura digna de mención.
-É difícil sinalar algún en concreto pois foron moitos persoeiros destacados os que ocuparon a dirección do instituto. Non obstante, recordaremos o primeiro director, D. Xosé Pérez Ballesteros, membro fundador, ademais, da Real Academia Galega e Presidente accidental da Real Academia de Belas Artes no ano 1901. E como muller que son, non podo esquecer á que foi a primeira directora do noso Instituto, María Muruais, persoa moi querida polos compañeiros e polos alumnos. Temos unha aula a ela dedicada. E outra ao prof. Meijide, quen fora director así mesmo durante varios anos... Non sigo, porque temo facer algún agravio comparativo.
-Este instituto converteuse, con toda xustiza, en Centro Histórico, en parte grazas ao teu labor. Iso é meritorio e digno de ser subliñado. Ora ben, poñamos o dedo na chaga: Sabemos das necesidades reais dunha reforma integral do edificio, unha reforma de moitos milleiros de euros, tendo en conta que non foi reparado en profundidade desde 1890. Cantas promesas escoitaches xa nese sentido dos políticos des que dirixes o centro? Perdiches xa toda esperanza?
-A verdade é que para o Claustro do instituto foi unha satisfacción conseguir o recoñecemento de Centro Histórico pois entendiamos que era unha débeda que tiñan co que foi o único instituto da cidade durante anos. Teño que dicir que tanto a Consellería como o resto do Centros Históricos de Galicia que conforman a rede MUPEGA, da que a partir deste recoñecemento formamos parte, apoiaron de forma unánime a nosa incorporación.
Desde que cheguei á dirección do centro levamos dous proxectos de reforma integral: un sendo Conselleira dona Laura Sánchez Piñón e o segundo co  actual Conselleiro, don Xesús Vázquez Abad. No primeiro caso o cambio de goberno e no segundo a crise que vén sufrindo o noso país desde fai uns anos supuxeron que no Eusebio da Guarda siga sen facerse esa obra tan necesaria. Como consecuencia desa reforma “latente” poucas obras parciais se fixeron no centro (ventás da fachada principal, vidreiras do Salón de Actos, recuperación de mobles…) polo que o curso pasado se reclamaron algunhas reformas parciais básicas para desenvolver a actividade docente e que se están a realizar antes do comezo do curso 2014-15 (enlucido e pintado da fachada do edificio antigo que dá a Riazor, así como o arranxo dos canalóns desa zona, impermeabilización das terrazas para evitar a entrada de auga a vestiarios e ximnasio, eliminación de entrada de auga no último andar do edificio novo,  arranxo da escaleira de baixada ao patio, limpeza de desaugues do patio e elevación de certas zonas para evitar acumulacións de auga…).  
-Imaxinemos que chega un mecenas –que os hai, que os hai…- e diche que si: que che dá os cartos que necesites, pero para iso tes que facer unha síntese das necesidades reais do edificio. Que lle dirías?
-É moi difícil concretar as necesidades pois son moitísimas. De todas formas, en xeral, habería que arranxar os tellados e os canalóns, cambiar ou actualizar a instalación eléctrica e de calefacción, revisar e modernizar a fontanería e os baños, restaurar os elementos de madeira (portas, ventás, solos…) do edificio antigo, cambiar os solos e ventás do edificio novo, limpar e tratar a pedra… Tamén habería que facer un estudo da acústica nas aulas, establecer medios que faciliten a informatización do centro, instalar canóns e ordenadores en todas as aulas e no Salón de Actos… A maiores, aínda quedaría a restauración do Paraninfo, da escaleira de mármore de Carrara, dos teitos de escaiola, dos zócalos de madeira do vestíbulo, do reloxo, dos murais, dos nosos fondos históricos…
Isto por resumir, como ti me pides,  pero quedarían moitas cousas por engadir. Como verás o noso mecenas tería moito en que investir, pero sería unha satisfacción recuperar unha das xoias dos edificios coruñeses e emular o xeneroso e desinteresado xesto de don Eusebio da Guarda a favor da educación pública da cidade e da Comunidade Autónoma.
-O un do outubro do 2015 celebraremos, deo volente, 125 anos da existencia do Instituto Eusebio da Guarda. Como tes pensado celebralo?
-Como ben sabes, porque formas parte dela, temos creado unha comisión para a organización desa celebración desde o curso pasado.  O noso desexo é implicar a toda a Comunidade Educativa actual, pero tamén a todos aqueles que formaron parte dela en toda a súa traxectoria. Haberá publicacións, actos formais, celebracións... Aproveito desde aquí para convidar a todos os ex alumnos e ex profesores do Instituto a que nos axuden, achegando fotos ou todo aquilo que cadaquén xulgue útil e oportuno.
-Isabel: Tres fillos, unha familia relativamente grande, un traballo con moitas responsabilidades, algo de docencia… Quédache tempo para os libros? Que estás lendo ou que quixeras ler?
-Encántame ler pero, efectivamente, non teño demasiado tempo e no verán oriento as lecturas cara á literatura de entretemento que me distrae e me axuda a relaxarme . Nesta vacacións entretívome moito a  ”A verdade sobre o caso Harry Quebert” de Joël Dicker, e lin tamén “El despertar de la Señorita Prim” escrito pola galega Natalia Sanmartin Fenollera, que me regalou unha amiga. Na mesiña de noite está esperando por min o volume Cartas a Murguía,  editado por X. L. Axeitos e polo que fora o meu profesor, X. R. Barreiro.
-Algún consello para os que se integran como alumnos novos este curso?
-O mellor consello que podo darlles é que sumen a responsabilidade de estudar e portarse ben á  posibilidade de gozar dos seus compañeiros e da vida escolar neste centro. Teño que engadir, como xa é habitual cada vez que me dirixo aos nosos alumnos ao comezo e ao final da súa andaina neste instituto, que non esquezan que son do Eusebio e que iso marcará sempre a diferenza. Moita sorte a todos neste curso académico 2014-15!
-Isabel, moitísimas grazas por atendernos, e por facilitarnos a vida aos que traballamos contigo. Longos anos para o Eusebio da Guarda! Longos anos para a educación pública neste país!
                                              

Ningún comentario:

Publicar un comentario