domingo, 26 de outubro de 2014

LENDO A

LENDO A JUAN MARSÉ (II)



JOSÉ LUIS GUNDÍN VÁZQUEZ


Ao ataque contra a impostura burguesa.
 
e) Para mostrar o universo da burguesía utilízanse procedementos que axudan á desmitificación como a ironía, a hipérbole, e as referencias burlescas, porque se persegue en xeral o distanciamento do mundo representado. Por iso encontramos constantes intervencións valorativas do narrador, diálogos moi abundantes que representan varios modelos dende o punto de vista da significación e serven ao xogo ficción-realidade, descricións obxectivas e subxectivas, impresionistas e arquetípicas. A linguaxe responde a unha técnica impresionista e destaca, neste universo, a riqueza dunha obra como La oscura historia en canto ao aspecto paródico, pois grazas a el se expresa o resentimento contra a burguesía.
 
         A historia dos derrotados e dos esquecidos.
 
         O "inframundo do barrio" ten como obxectivo a recuperación e reconstrución do pasado persoal e histórico. Configúrase especialmente en Si te dicen que caí, reflíctese tamén en Un día volvere, Ronda de Guinardó, El embrujo de Shangai, e con el relaciónanse Encerrados con un solo juguete e La muchacha de las bragas de oro.

 
a) En canto aos temas, destaca a recuperación do pasado histórico e persoal e a defensa dunha “verdade inventada” sobre a “verdade oficial”. Existe entre as novelas unha evolución ideolóxica bastante acusada, pois mentres na primeira a rendición e o desencanto son as actitudes dominantes dos personaxes, en Un día volveré pásase a unha aposta pola pacificación e o esquecemento, e en El embrujo de Shanghai reivindícase o dereito a soñar que as cousas –perdidas sen remedio xa- puideron suceder doutro xeito.

b) Os personaxes compoñen unha galería de vítimas da guerra: un ancián depositario da memoria colectiva, unha prostituta que intenta sobrevivir, un neno-narrador que rolda polos soares do Guinardó e uns maquis que esperan a volta da democracia, son os principais. Marsé detense na súa caracterización, aínda que esta vez se basea en imaxes visuais ou toma como referente o cine, e dota os personaxes de funcións como a de simbolizar o asedio do pasado, e a de voceiro ideolóxico do autor.

c) Marsé escribe sobre Barcelona, sobre os espazos da súa infancia no barrio do Guinardó. A degradación do espazo é a nota dominante, representa a degradación dunha época, e a súa caracterización lévase a cabo a través de imaxes visuais, pero tamén de descricións impresionistas, con especial atención aos obxectos-símbolo.
 
d) Refírese este mundo á década dos anos trinta e corenta en Si te dice que caí, aos anos cincuenta en El embrujo de Shangai e aos anos sesenta en Un día volvere, e mentres para proverse de información no pasado os narradores recorren a frecuentes analepsis, para mostrar a confusión do mundo representado mesturan planos temporais e recorren ás elipses como parte dunha técnica de ocultamento cuxa presenza diminúe a medida que avanza a traxectoria novelística de Marsé.
 
e) Tamén o inframundo do barrio se manifesta en canto aos procedementos utilizados. Ademais do predominio da memoria como procedemento evocativo ao servizo da reconstrución do universo narrativo, destacan as estratexias orientadas a mostrar a contraposición das distintas versións dos feitos novelados: as "aventis", en Si te dicen que caí, e a historia ou historias intercaladas en Un día volvere e en El embrujo de Shanghai. En relación co ambiente de violencia e degradación que preside este universo atópase o ton virulento dos diálogos dos personaxes e a presenza de elementos que suxiren a “infernalidade” do espazo nas descricións.


f) Cando Marsé se ocupa deste universo hai no autor un afán de reconstruír, e a iso apuntan a abundancia de referencias intertextuais, xa que co retorno de ideas, personaxes, obxectos, imaxes, consegue establecer vínculos entre todas as novelas que o reflicten. As referencias cinematográficas, como se viu na análise das novelas, cumpren diversas funcións e adquiren tal importancia que pode afirmarse que a volta ao pasado e a volta ao cine son, na obra de Marsé, obxectivos que non admiten deslindes.
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario