luns, 15 de decembro de 2014

ENTREVISTAS



ENTREVISTAS A VIGUESES QUE AMAN OS LIBROS
ENTREVISTA A FRANCISCO CASTRO.

Mª R. SOTO: -Fálanos algo da túa vida, brevemente.

F. CASTRO: -A miña vida é a dun home que xa dende neno tiña claro que a súa existencia ía ter que ver coa comunicación. De non ser escritor tería sido músico ou trapecista de circo. Algo así. Levo escribindo toda a vida, escribo e espero escribir ata o día derradeiro da miña vida. Por outra banda, son un home que ama profundamente a vida e as persoas que me poden facer máis grande como ser humano.

-Este día, na presentación de Tes ata as dez, dixeches –se non me falla a memoria- que ese era o libro número 21 que escribías. Bo número, múltiplo de 7... Para celebralo teño entendido que vas de festa a Lugo. Cóntanos, por favor.

-Si, de festa a Lugo a conmemorar os 25 anos de Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil que presido. Facemos unhas xornadas alí. Mira ti que festa, traballar...

-Aínda non lin esa obra que acabamos de mentar, pero teño ben fresca na memoria In vino veritas. Podemos centrarnos nela un momentiño? A ver, para empezar: gústache a enoloxía? Que viño galego nos recomendarías?

-Pois a verdade é que eu son máis de cervexa que de viño. Non teño nin idea. Se teño que escoller eu vou trabucarme seguro. Aprecio un bo viño, pero non me atrevo a recomendar ningún. Se un día queredes que falemos de cervexas, daquela a cousa xa veredes que cambia.

-E o amor?Acheguémonos ao núcleo desa dialéctica que formula a novela: como enfocas ti o amor, como o protagonista, é dicir, coma unha forza que debilita ao que ama? Ou estás máis próximo ao outro extremo, todo se reduce ao pracer físico, sexan cales fosen as súas esixencias?

-Eu creo que non son contraditorias esas posturas. Nada me interesa máis que o asunto amoroso. Nin para a literatura nin para a vida. É O Tema, así, en maiúsculas. É o gran asunto que está presente en todos os meus libros. En todos. No meu caso persoal, creo que cada vez son máis da segunda versión: a pulsión sexual, o poder do corpo, da vida, do instinto. Pero insisto, a fin de contas é complementario do primeiro: amamos porque sentimos. E sentimos non co corazón. Sentimos coa pel. Cando  menos eu. Iso non me impide ser moi romántico. Que conste.

-Na obra hai moita metalinguaxe, moita hiperconciencia (ou hiperconsciencia creadora, se se me permite a expresión). E un efecto buscado á mantenta? É talvez a peaxe que hai que pagar á época en que nos tocou vivir, en continuo bombardeo informativo?

- Estou de acordo. E entendo que esa é unha das “marcas da casa” da miña escrita. E ten que ver co que dixen na primeira das miñas respostas. Dalgunha maneira, dende moi cativo son moi consciente da miña vida, da súa temporalidade, da necesidade de aproveitala e de, dalgunha maneira, deixar unha impronta. Igual por iso estudei Filosofía. En calquera caso, nos meus libros sempre hai esa voz narradora que é moi consciente de todo o que está pasando, do que se está escribindo e narrando...
 (Este venres pasado, na tertulia na librería coruñesa)


-De todo o que dixeches o venres pasado na tertulia na librería, vou quedar aquí e agora con dúas cousas importantes a meu entender: unha, aquelas palabras túas sobre o doado que é atopar hoxe en día motivos para a desesperanza e incluso para desexar a morte, mentres que o autenticamente difícil é querer seguirmos vivos, tirar sempre para adiante. Creo que é un pensamento que te define, clave.  A segunda idea é doutra clase distinta: falando do sistema literario do que ti como editor e autor e nós como lectores formamos parte, enfocaches a relación co ensino dunha forma digamos para min novidosa: eu estou afeita a introducir os temas de literatura de segundo de bacharelato que abranguen a fin do s. XX e comezos do XXI subliñando a importancia que para o sistema tivo a Autonomía, a integración do noso idioma no mundo do ensino, o campo rico de novas posibilidades, de novos mercados, que iso supuxo e supón... Pero ti puxeches o foco nos condicionamentos que ti –imos exemplificar  necesariamente- como individuo que escribe e crea experimenta precisamente por mor dese factor. Queres falarnos un pouco neste sentido?

-Si, claro. Eu creo que unha das eivas grandes que ten o noso sistema literario é o absolutamente dependente do ensino que é. Non se venden libros, así, en xeral, en Galicia. Comparativamente co resto do estado estamos moi por debaixo de case que todo o mundo. E do pouco que se vende, case que todo é en castelán. En galego é unha cousa ridícula. E por suposto, case que toda a venda ten que ver coa prescrición educativa. Iso é terrible. E quero que se me entenda ben: o terrible non é que se prescriban os nosos libros. Iso está moi ben. O terrible é que practicamente todo o mercado se reduce a iso. O problema é que non podemos ser profesionais. O problema é que non temos un país detrás que nos respalde. Non somos cataláns, para entendernos. Alí sae “50 sombras de Gray” e sae tamén o mesmo día en catalán, porque a xente vai mercar a tradución dese libro estadounidense en catalán. Alí estréase unha película americana e as salas están cheas de copias dobradas ao catalán. Aquí o país pasa. E é todo o culpa nosa. Eu estou farto de que se lle bote a culpa ao goberno. Toda esta realidade condiciónanos. Os que escriben en castelán non teñen estes condicionantes, non teñen que estar facendo alegatos de defensa da lingua, da cultura. Limítanse a escribir. O noso é heroico. E moi canso.

-Francisco, que estás lendo arestora?

-Pois estou gozando coma un neno pequeno de “A volta ao mundo en 80 días”. Lina moitas veces, pero estou angustiadísimo -a pesar de que sei que lle vai dar tempo- coa posibilidade de que o pobre Phileas Fogg non o consiga. Velaí a maxia da boa literatura.

-Como será a próxima novela?

-Estou rematando a segunda aventura do Inspector Hermida, o protagonista de 'O corazón da Branca de Neve'

-Dinos, para rematar, que é o que che gusta máis da Coruña. E moitas grazas por atendendernos. Unha aperta fonda.

-Da Coruña gústame todo. Sobre todo a súa xente. Teño grandes amigas e amigos da Coruña. É unha cidade fermosa que adoro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario