xoves, 11 de decembro de 2014

VISITANDO



VISITÁNDONOS

Como xa vos comentamos, o noso instituto participou na ‘Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación’. Con ese gallo o venres 28 de novembro, 31 alumnos –e entre eles dúas rapazas dos Cazatesouros- levaron a cabo unha sesión dun Pleno da Deputación. Organizar ese pleno deu faterna, deu choio. Primeiro houbo que procurar os voluntarios: aí botaron unha man aqueles profesores que previamente colaboraron na Semana (Mercedes Martínez-Romero, Mª Jesús Quintáns, Verónica Túñez, Beni Vidal e Juan Lence; un traballo moi de agradecer, porque estabamos cos exames da primeira avaliación). Logo houbo que proceder á distribución formando grupos: 17 tiñan que constituír o grupo popular, 9 constituíron o grupo socialista e 5 agrupáronse no bloque nacionalista (logo, á hora de votar, saían resultados como 17 /VS/ 14, e dicíame unha encargada de prensa da Deputación: “Totalmente verosímil: tal cal é na realidade”). Tratábase diso,  de reproducir a estrutura actual dun Pleno da Deputación da Coruña.  Ao principio os rapaces (algúns de 3º da ESO, a maioría de 4ª e 6 voluntarios de 1º bach., logo citaremos os seus nomes, que menos...) non se prestaban a tomalo moi en serio, houbo que animalos e convencelos, o xogo da democracia pode ser atractivo e nunca se sabe onde están os bos comezos... Non dispoñiamos de moito tempo, tivemos que facelo todo a fume de carozo. O venres 28, cando xa estaban en acción, Fabio (dos maiores) que era espectador, dicíame: “Pero profe, está todo pactado”. “Claro, non pode ser doutra forma, dispoñen dunha hora escasa, non querían poñerse nerviosos discutindo os resultados, está todo pactado pero por eles mesmos”. “E foron eles tamén os que escolleron a que grupo pertencer?” “Naturalmente”.
Os temas propuxémolos entre todos, Isabel tivo a idea da subvención, e a idea de subir o soldo partiu dun meu coñecido, deputado por certo (cando soubo o que organizabamos díxome por teléfono rindo: “Van propoñer temas eles? Pois que propoñan que nos suban o soldo”).
(A mesa do pleno: de esquerda á dereita, a secretaria -Lucía, membro do Club de Lectura-, a presidenta e a vicepresidenta. As fotos foron feitas por José Carlos Rivas)
Velaquí os temas: 1. Proposta dunha ruta turística da Raíña Lupa. 2. Proposta dunha subvención ao IES ‘Eusebio da Guarda’ para unha reforma integral. 3. Proposta de transporte universitario gratuíto para os estudantes que vivan en lugares sen servizo público aos campus de Ferrol e A Coruña. 4. Proposta dun roteiro  megalítico-castrexo (empezando polo Castro de Elviña e seguindo por Borneiro, Dombate, etc.). 5. Proposta dunha rede de Bibliotecas Itinerantes polas parroquias distantes dunha Biblioteca Pública. 6. Proposta de subida de soldo para os señores deputados.
O da subida do soldo prestábase a valorar dalgunha maneira a madurez da rapazada. Para a nosa sorpresa nun primeiro momento –estabamos ensaiando na aula de 4º A-, todos ,zas!, ergueron a man a favor, houbo que lles rogar que o meditasen... caía a alma aos pés..., onde está a nobreza de ánimo, o afán de mellorar o mundo da mocidade, con tanto paro que hai no país...- e mudaron de opinión. Esa proposta saíu rexeitada.
Por outra banda, a proposta de subvencionar o noso Instituto queríaa asumir o grupo popular, pero claro, tivemos que demostrarlles que non podía ser, que o Instituto é cousa da Xunta, tamén gobernada por eles e que non podían pedir algo que non lles corresponde... Total, que a asumiu o grupo socialista. Saía rexeitada pero na quenda de réplica pediuse como mínimo que a Deputación subvencionase o amaño do Salón de Actos, a posta ao día dos medios audiovisuais dese paraninfo, e o argumento dos rapaces foi convincente: aí fanse cousas e actos que valen non só para os alumnos senón tamén para todos os coruñeses (conferencias, concertos, presentacións de libros, presentación dos actos da lumerada de san Xoán...).
(Un momento do pleno: votando)

O dos mínimos gustoulle aos rapaces. No tema do roteiro megalítico-castrexo, proposto polo Bloque e tamén rexeitado, chegouse novamente a un acordo de mínimos: polo menos que se axilizase, que se potenciase a posta en funcionamento das instalacións –moi paradas- do Castro de Elviña, visto que segundo a lei, a Deputación está chamada a entenderse e relacionarse estreitamente co Concello coruñés.
E o caso foi que cando estabamos ensaiando, un par de días antes do venres, o meu coñecido, pai de ex alumnos nosos, (“Esta Deputación é a mellor de España, Charo, non o dubides”, dicíame en voz baixa mentres participabamos como espectadores o venres, con auténtica paixón aínda non esgotada, e iso que leva anos largos aí dentro), chamounos para preguntar: “ E que tal se recibides unha visita sorpresa o venres?” Pero ten que ser un segredo...
E así foi como os rapaces, xa situados nas súas bancadas, e xa ben disposta a mesa coa presidenta (Juncal), a vicepresidenta (Claudia) e mais a secretaria (Lucía), chegou o visitante secreto e sentou na mesa como un máis. Claro que non era a primeira vez que o  señor Diego Calvo estaba connosco. Xa nos visitara cando celebramos os 120 anos de existencia. Riu e participou con espírito xove. E ao rematar, felicitou a varios dos participantes. “Aquí hai boa madeira”. Por suposto. Estamos nun dos mellores centros  da contorna. Longa vida ás institucións públicas educativas! 
 (Foto de grupo tras rematar o pleno)

OS NOMES DOS ALUMNOS QUE PARTICIPARON NO PLENO:
Antón Bello Carrillo
Lucía Blanco Miguens
Jorge Blanco Rodríguez
Paula Calvo Piña
Jorge Cambón Olea
Ángel del Canto Facio
David Carreiras Quintas
Laura Castro Martínez
Juncal Alma Castro Vázquez
Hugo Costoya Amenedo
Alejandro Ferro Deus
Óscar Fernández Cotelo
David Franco Orol
Gadea Franco Pérez
Arancha Gómez Díaz
Lucía Gómez Lora
Henao Serna, Juan José
Pedro Incio del Río
Julia López de la Osa Abente
Uxía Llamosas Fernández
Álvaro Martínez Feijoo Marco
Pablo Martínez Iglesias
Gonzalo Morán Méndez
Pedro Novoa Maximino
Ignacio Pérez Tato
Claudia Pita Álvaro
Clara Ramírez Eirís
David Salido Ponte
Pablo Solleiro Sánchez
Inés Tejero García
David Vaamonde López
 (Pleno finalizado. Os rapaces, felices, toman a mesa)


(Todos os voceiros estiveron soberbios. Aquí Pablo Solleiro defende a potenciación do Castro de Elviña, nunha acción coordinada da Deputación e mais do Concello. Foi felicitado pola énfase parlamentaria polo Presidente da Deputación, Diego Calvo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario