luns, 5 de xaneiro de 2015

A CORUÑA

A CORUÑA (3)



Agora que o día está calmo (o mar tamén) e aínda gozamos do espírito de Nadal –vacacións incluídas-, tomemos a pluma para encarecer aquilo que amamos unha vez máis. Se comunicar é bo, comunicar temas amados é dúas veces bo.



Falemos algo, brevemente, dun barrio periférico. San Roque de Afora. Exemplifica de forma óptima as transformacións brutais (por evidentes, por radicais e por rápidas asemade) que pode experimentar unha cidade na vida dun home. Ou dunha muller, neste meu caso.


Preguntábame hai un par de meses a nosa amiga e ex colega Mercedes Sampayo, por que lle chaman ‘de afora’? Respondinlle: por oposición ao san Roque intramuros, cuxa capela estaba na actual Praza de España, antiga praza da forca, ou da leña. E Mercedes volveu inquirir: e non pode ser porque estaba fóra dos límites do concello? Innegablemente tamén. Había un regato que dividía precisamente por aquí os dous concellos (operativos ata 1912), o da Coruña e mais o de Oza. O regato vai hoxe canalizado. Logo procurareivos unha foto da súa desembocadura actual.

 (A capela de san Roque de Afora xa en ruínas, o edificio próximo é o vello mercado de froitas; Foto Blanco)

(Aí, tras ese valado, estaba a capela de san Roque de Afora; na foto podedes con certo esforzo apreciar restos da cerca -hai dúas esquinas de pedra antiga- do seu cemiterio: foi tamén Lazareto, aló polo XVII ou XVIII, e debedes saber que os nosos defuntiños aínda descansan, mal que ben, sen un triste cartel que os relembre, aí, onde andan agora soltos os cans)


San Roque de Afora era ata hai nada unha aldea de pescadores, con algunha casa grande (con xardín e palmeiras), con fontes (había un lavadoiro case apegado ao actual edificio de Náutica; había outra fonte que eu –a diferenza do lavadoiro- nunca cheguei a ver, unha fonte da que me falou hai anos un amigo do meu pai, que en gloria estea, “tiña tres canos, daba auga todo o ano, foi dificilísimo cegala, estaba onde está agora o edificio Añón” –novo inciso, deixádeme que me laie polas fontes perdidas..., dá dor, en serio volo digo-; unha fonte que se conserva está na praia da cetárea, do gurruchiño, dixéronme que se chamaba, fresca e rica para beber...) e con moita tradición de xente boa entre os seus límites. Aquí naceu, por poñer un caso paradigmático, pero calquera coruñés familiarizado con estes lares e coñecedor da nosa historia sabe de máis nomes e apelidos..., Emilio González López. Logo estamos con el. Antes vaiamos falar con Xulio Cuba. Queremos cederlle a palabra porque el é o noso interlocutor máximo no tema “San Roque de Afora”. Foi a primeira persoa a quen eu lle oín falar con devoción de Elvira Bao, unha mestra vinculada ás Irmandades da Fala que exercía aquí e aquí tiña casa, diante do mar (coma min). Dime que hai que buscar na Internet unha páxina titulada “Álbum de mulleres”... Farémolo. Relembra tamén Xulio ao señor Paco, o do ultramarinos. Toda unha institución: era bo comerciante e era un home caritativo; déronlle o seu nome a unha rúa, unha que desemboca cerca do antigo Refuxio (o derradeiro –non verei eu outro xa- é o que sufragou Amancio Ortega, nun xesto de grande filántropo, A Coruña sabe ben o que significa este concepto: Teresa Herrera, Eusebio da Guarda, Pedro Barrié, Amancio Ortega, Rosalía Mera... Deus os dea!).

(As tres simbólicas chalanas. Enfronte, do outro lado da estrada, estivo o edificio Añón. As fotos son de Xácome González)
(Aí tedes como soen acabar os ríos e regachos coruñeses, encementados. Por esa tubería desemboca agora o regacho de san Roque, o que pasaba pola aldea, atravesaba antes pola Ronda de Outeiro, e servía para dividir as parroquias da Coruña e de Oza; esas moreas de terra ocupan o espazo que noutrora ocupara o edificio de Bombeiros, un edificio non carente de valores arquitectónicos, por certo; o amor pola Coruña non nos cega, non sempre facemos as cousas ben, nin moito menos)


Pregúntolle ao Cuba: e que sabes dos areeiros? Porque eu teño no barrio un informante estupendísimo (Juan Matos) que me acaba de dicir que había catro praias areeiras... Eis a súa resposta: Esa é unha imaxe da miña infancia... E aínda hai restos das construcións... Cal é a imaxe, Xulio? A dos camións chegando para cargar a area. Había guindastres que axudaban a cargar...

Unha das calas que leva o nome dun areeiro é a chamada Praia de Lino. O Lino era o areeiro. Xa falecido. Tería agora aproximadamente 90 anos. Coñezo dúas persoas que o recordan vivo perfectamente. Nos mapas que edita o Concello da Coruña aparece ás veces ese micro topónimo/antropónimo (Praia de Lino), tamén chamada de san Roque.
 (Esa especie de torre-columna de cemento e pedras é un resto das construcións para a extraccion de area, está entra a chamada praia de Lino e a praia da Capela, agora chamada da Cetárea)


Insiste Xulio nas cousiñas importantes: Dille aos rapaces que na praia de san Roque quedan as últimas barcas coruñesas. Cada vez menos, dígolle eu (con nome de muller: Crisbea, por exemplo). Son as chalanas, Charo. Chalanas? (canto tempo sen oír esa palabra...). Noutras partes existen as dornas, as gamelas, aquí na Coruña son as chalanas, de quilla plana.


Que bonito pode ser o mundo! Hai unha lembranza no aire dedicada a Dieste...


Teño que volver á mestra, a Elvira Bao, mándamo o meu amigo (e os amigos son un tesouro que debemos manter na vida, poucos pero necesarios): Elvira Bao merece todo un capítulo: militante das Irmandades da Fala, como María Miramontes, fundadora con Carmen Alvajar da Agrupación Republicana de mulleres, mestra da República (exerceu nas Colonias Escolares de Oza), editora precursora co seu home –Bernardino Varela- da LIX; sufriu viles represalias, como María Barbeito, e mantivo na súa casa tertulia. Por alí pasaba o exiliado Emilio González López.


Breve e suficiente. Non hai problema en deixar para outro día a don Emilio. A cortesía move o mundo, ben está que –no noso espazo cultural canto menos- vaia primeiro a muller.

 (Mirade o que queda da fonte da praia da Capela -de san Roque- ou da Cetárea: onde había unha fonte escavada na rocha, con cano como Deus manda, agora hai esta tubería antiestética e miserenta: os técnicos de medio ambiente merecen un suspenso, que lles custaba labrar un pequeno entrante, unha especie de camarín, coa súa pía de pedra, onde podermos lavar ben as mans e mais os pés os cidadáns que baixamos a esta fermosísima cala?)

Pecho aquí por hoxe: non sen antes aconsellarvos que vaiades ver ao Museo de Belas Artes da Coruña o cadro de Román Navarro sobre os cabalos que baixan a bañarse a san Roque. A torre ao fondo. As rochas da cor da carne. De onde virán eses cabalos? Do monte de san Pedro? Talvez... Son greas ceibas... Ou iso penso.

 (Foto tomada da Internet. Trátase do cadro de Román Navarro que está no Museo de Belas Artes da Coruña)

6 comentarios:

  1. A verdade é que me gustou moito esta noticia, xa que axuda a coñecer mellor a nosa cidade e serve como exemplo do que poden supoñer as transformacións dunha cidade na vida dos seus habitantes.

    ResponderEliminar
  2. Moi interesante a entrada ,porque é unha maneira importante de manter viva a esencia dos barrios perifericos que tanta historia nos deixan e que ainda hoxe nos seguen deixando

    ResponderEliminar
  3. Moi interesante a entrada ,porque é unha maneira importante de manter viva a esencia dos barrios perifericos que tanta historia nos deixan e que ainda hoxe nos seguen deixando

    ResponderEliminar
  4. Cando les un artigo así, daste conta do que significa pertencer a esta cidade, por todo o que representa. É interesante descubrir sempre un pouco máis, a esencia da Coruña.

    ResponderEliminar
  5. Moi bo artigo, isto é coruñesismo e non o dos que se din coruñesistas e se dedican a desfacer á Coruña de sempre, coma neste caso, destruíndo San Roque. Noutras ciudades restaurarían toda a aldea e integraríana na cidade.

    ResponderEliminar