luns, 19 de xaneiro de 2015

ENTREVISTA A HOMES QUE AMAN OS LIBROS



ENTREVISTAS A HOMES QUE AMAN OS LIBROS


ENTREVISTA A FELIPE CRIADO BOADO

Mª Rosario Soto: -Grazas, señor Criado, por atendernos.  Somos conscientes do valor do seu tempo. A primeira pregunta vai ser sobre o seu pai, que en gloria estea. Viña camiñando cara ao Instituto esta mañá e pousáronse os meus ollos na torreta do edificio da praza de Pontevedra onde estaba o café Unión e recordeino. Frecuentaba aquel café onde se xogaba ao xadrez… Do seu pai gardo, como alumna del, varias lembranzas fermosas: adoitaba poñernos alcumes literarios (eu era “Rizos de Berenice”), gustáballe chamarnos ao corredor para contemplar os golfiños brincando na baía, gustáballe abrir as portas corredeiras que comunicaban a súa aula (a aula de debuxo no pavillón novo) coa aula contigua onde daba clase a súa esposa, Mercedes, e para nós era algo extraordinario que falasen brevemente de asuntos cotiás puntuais (porque para moitas daquelas nenas tanto o seu pai coma a súa nai, eran entón auténticas figuras, titáns da sabedoría).  Por favor, señor Criado, podería seleccionar para nós algunha anécdota da infancia que nos axude a ter un retrato máis rico aínda do seu pai? Aprendeulle a debuxar, serviulle aquela aprendizaxe no seu traballo como arqueólogo talvez?
(Felipe Criado Martín: Autorretrato)


-Penso que, ó fío da súa pregunta, o primeiro que teño que dicir é que non é por casualidade que eu gosto de ser nomeado cos dous apelidos: Criado-Boado. Incluso engadín un guión entre eles porque é normal que, fóra de España, confundan o primeiro apelido como parte do nome propio. Reivindico o apelido do meu pai pola influencia que tivo en tódolos fillos. Pero tamén reivindico o apelido da miña nai non só para diferenciarme do meu pai (era moi normal que a xente lle mostrase a súa sorpresa porque non sabía que, ademais de ser pintor e profesor, tamén traballaba na arqueoloxía), senón pola clara influencia que a miña nai tivo en nós. Hai uns poucos anos publiquei un libro que resume o meu pensamento arqueolóxico. A dedicatoria expresa moi ben este senso de débeda común que eu sinto: “Ós meus pais; Mercedes, latinista, e Felipe, pintor, que me deron a verba e a imaxe”. Ser fillo de ámbolos dous foi unha sorte. Ser fillo de artista, un privilexio. Canto maior me fago (coa maior reflexividade que dá a idade),  máis valoro a influencia do meu pai en todo o que fago: meu pai aprendeume a valorar a paisaxe, a analizar as formas, a empregar o debuxo para expresarme e, aínda máis importante, para pensar. Non tería feito o tipo de arqueoloxía que eu fago (unha cousa que chamamos “arqueoloxía da paisaxe”) se non fora polo seu exemplo.


-Vostede actualmente traballa na investigación científica. Está no CSIC, no Instituto de Ciencias do Patrimonio deste organismo radicado en Santiago de Compostela. Pero quixeramos saber se bota a faltar aqueles tempos en que o traballo era traballo de campo, como por exemplo, a campaña do Bocelo, haberá uns quince anos…


-Non son quince anos desde o Bocelo, case que o duplo, vintesete. Non é o traballo de campo o que boto de menos. Porque investigacións de campo, traballo no campo, sigo facendo moito. Sempre que podo. É a tranquilidade o que boto de menos, o traballo polo traballo, polo gosto de investigar e deprender. Hoxe en día tódolos investigador+s, e sobre todo os e as de mediana idade que temos responsabilidades na xestión da investigación, temos moitisimo traballo administrativo e burocrático. Ás veces o máis importante que podemos facer non é adicarnos á nosa propia investigación, senón a facilitar que outros (mais novos o con menos medios de acción) poidan investigar. A investigación hoxe é fundamentalmente traballo en equipo. E iso supón coordinar equipos, obter financiamento, discutir resultados, xustificar os cartos que gastamos, escribir informes. De tódolos xeitos non nos pasa nada que non lle pase a calquera profesional de tipo medio, con obrigas xerenciais, empezando polo profesorado. ¿Acaso non botan os directivos dun centro de menos o puro traballo docente preocupándose só polas súas clases e alumnado?


-Un punto sobranceiro na súa traxectoria profesional foi contribuír  dende  Galicia á creación da Arqueoloxía da Paisaxe. Explíquelle brevemente, se é tan amable, aos nosos alumnos o significado dese concepto importantísimo para un país como Galicia.


-A arqueoloxía da paisaxe é estudar a paisaxe con métodos arqueolóxicos. Como tal, ela permite acceder a unha visión da paisaxe que outras disciplinas (a xeografía, a historia, o urbanismo, a arte, as ciencias da terra, a paleoecoloxía) non poden acadar. A paisaxe é o contorno segundo é producido e pensado polos humanos. A arqueoloxía permite estudar a xénese dos seus elementos formais ou materiais (como se forma, por exempro, unha paisaxe agraria de socalcos e bancais), a súa longa historia (como foi, por exempro, a paisaxe dunha certa zona hai 3000, 4000 ou 15000 anos), e a superposición de elementos das paisaxes vellas en novas formas de paisaxe (vendo, por exempro, qué formas da paisaxe da idade media ou da época romana permanecen na paisaxe fondamente transformada da actualidade).

(Felipe Criado Boado, á dereita, con César González García - astrofísico do Incipit especializado en arqueastronomía-, Bieito Vilas -investigador en astronomía cultural- e Manuel Vicente -director do programa de divulgación científica "Efervescencia" da Radio Galega, na cámara do Dolmen de Dombate durante a gravación deste programa no pasado solsticio de inverno).



-Veñamos un pouquiño á Coruña. Vostede, señor Criado, foi o Coordinador do Plan Director de Elviña. Fálenos do tema, se lle parece ben. Como van as cousas , como ve o futuro dese plan?


- Efectivamente, ó redor do ano 2000 o noso laboratorio fixo (por solicitude do concello da Coruña) o Plan Director para o Castro de Elviña. Foi un traballo que baseamos precisamente na arqueoloxía da paisaxe, procurando poñer en valor o castro como parte dunha paisaxe antiga, que permitira facer esta visíbel e, ó mesmo tempo, creando unha paisaxe contemporánea que funcionase como un parque recreativo-cultural para artellar o desenvolvemente urbanístico desa área da cidade. Pero isto non se chegou a aplicar nunca. As accións ulteriores do concello deron as costas a ese plan; nunca o entendín. En cambio, puxeron en marcha unha serie de actuacións (concurso internacional para deseñar un centro que nunca se quixo construír, escavacións arqueolóxicas do castro) que non tiveron especial tino nin xeito. Afortunadamente, parece que agora se están a retomar os traballos con mellor fortuna. As últimas intervencións arqueolóxicas no castro son modélicas dende o punto de vista da metodoloxía arqueolóxica empregada. E sei que hai proxextos para continuar as escavacións e aplicar un plan de conservación dos restos que permita ó público desfrutar ese patrimonio. Pero, máis aló diso, a situación de Elviña é ó meu entender unha vergoña. Non falo só do castro. Falo dunha zona da cidade na que se puido ter construído un ensanche de século XXI (chá, ben orientada, ben comunicada, ampla) para abeirar unha cidadanía innovadora e un desenvolvemento de dimensións humanas, baseándose nunha transformación progresista do modelo moderno de cidade europea (aínda non superado, por certo). Pero o que agora temos non ten sentidiño ningún. Centros comerciais, malls, infraestruturas dotacionais que se abren unha vez ó mes, mestúranse con vías rápidas que dan voltas e voltas, bloques residenciais afastados, parkings, un campus universitario desagregado, instalacións industriais... Todo iso se puido ter artellado doutro xeito, e aí é onde o castro e o parque ó seu arredor puideron ter xogado unha función que ó tempo que estimulaba e respostaba ás necesidades do lecer cidadán, permitirían ancorar a cidadanía na tradición, no pasado, na paisaxe de sempre, contribuíndo deste xeito a xerar en tódolos veciños un senso do lugar e unha sensación de pertenza. Está claro que non temos políticos axeitados para topografiar estas utopías. Sendo isto que digo un gran problema, aínda é peor decatarnos de que, se cadra, a sociedade mesma non é quen de imaxinar e esixir estas ambicións.


-Que está lendo arestora? Ou que leu recentemente…


-A miña ultimísima lectura vén de ser o libro de Piketty, “O capital no século XXI”. Desolador. Polo atinado e reflexivo que é. Porque descobre tudo o que está a funcionar mal nas relacións economía-política na sociedade da transmodernidade. Porque di claramente qué habería que facer para que a sociedade se apodere da economía (crear un sistema impositivo homoxéneo mundial). Pero mostra que iso é imposíbel de conseguir hoxe en día. Dado que como investigador debo ler moito e, ademais, moi variado (en certa medida o que menos leo é de arqueoloxía puramente, porque leo constantemente temas de historia, historia cultural, arquitectura, xeografía, socioloxía, antropoloxía, filosofía, ciencias cognitivas... –de feito aconsello a todolos mozos que lean ós clásicos da filosofía e do pensamento de tódalas culturas, escomenzando pola europea), as miñas lecturas de lecer seguen a ser a novela negra e a de ciencia-ficción, espellos perfectos de como se ve a si mesma a sociedade en cada momento. Aínda que non lle torzo o bico ós novos autores de novela negra, sigo a pensar que non hai nada como Sam Spade e Philip Marlowe. Sempre dixen que Sherlock Holmes inventou a modernidade e Marlowe a postmodernidade. O que ten mérito, porque as novelas de Marlowe foron escritas entre 1936 e 1953, trinta anos antes de que ningún teórico elucubrara sobre da postmodernidade.


-Algún consello para os docentes do Ensino Medio para colaborarmos entre todos a un mellor coñecemento da nosa cultura, nos ámbitos da súa competencia?


-Non son quen de dar consellos a ninguén que, esforzada e honestamente, pelexa cada día no seu ámbito e coas súas responsabilidades. Só podo dar un consello para todos nós: entusiasmo. Non pido optimismo nin “buenísmo”, o mesmo que se lle criticaba a Zapatero. Pido manter a paixón polo traballo e pola vida, e difundir ó noso arredor emoción por todo o que facemos. Xa que escomenzamos lembrando ó meu pai, remato cunha frase del que a miña irmá Sandra lembrou no seu funeral: “Abre ós ollos a cada novo día, e mírao como un milagre”.


-Moitísimas grazas pola súa xentil e xenerosa dispoñibilidade comunicativa. Desexámoslle desde aquí, desde esta casa que tanto amou o seu pai, unha longa e rica permanencia no mundo da ciencia española.


-Eu son o que vos teño que dar as grazas polo voso interese e afecto.


1 comentario: