venres, 30 de xaneiro de 2015

Os nosos poetas: Helena López Pascual (II)


I
IMBATÍBEL

É a miña rabia
é a miña loita contra o mundo
é o desarraigamento
é a sensación de non ser de aquí
de querer fuxir

É a xente que frivoliza
enganos apariencias falsidades
é a xente que non sente
é esta vida sucia dominada pola ira

E neste mundo de amargura
pouca xente nace co don da risa
conservádeo, cabaleiros
é o antídoto para a violencia e a ignorancia

Hai moitas máculas na nosa alma para dar marcha atrás
precisamos alguén que nos salve
nós mesmos en concreto
pero non nos facemos caso
deixamos que o tempo corra
que veña a chuvia como ácido

Non mires cara abaixo, cara a lama
mira cara ás estrelas de mirada ardente
que o teu corazón bote a voar
que o teus pés se liberen do cepo de maldade
que a túa alma se interne no baleiro, no abismo
e a ignorancia xa non poderá atraparte

É todo o que teñen
eles non comprenden
non comprenden os soños, os sorrisos
mirarante cos seus ollos inertes
e a túa risa voará cara ó sol coma unha aguia real
ninguén pode mancarte xa

Comeza a función
mira observa comprende
se ti os ensinas a sentir
eu ensinareinos a soñar



http://lagrimadetinta.blogspot.com.es/



II
BAIXO A TÚA PEL

Baixo terra achégase silandeiramente o teu corazón
silandeiro coma aquel vento fantasma de madrugada
que aloumiñaba as nosas almas núas
demasiado tarde para correr
demasiado cedo para camiñar

Nunca fun quen de enfrontarme á túa mirada
semellaba gardada por dez mil espadas incandescentes
enredada nese blues de bar para almas rotas
embravecidas como os mares nos que naveguei
neses nos que tocar fondo é o primeiro premio

Nos documentais din que só os fortes sobreviven
que é difícil sobrevivir a temperaturas xélidas
ben, eu sobrevivín á túa pel de glaciar
tan transparente que non podía ver o que sentías
aínda que, cando pensaba que te foras
as túas pantasmas voltaban en forma de fume de tabaco

Precipita en forma de sentimentos
soténrranse baixo a miña pel, baixo as miñas veas
onde, profunda nos meus ósos
está esa estraña lucidez

Cada poema que che din
provén dunha profunda ferida de tinta
que case chega até o ceo
que me cega tras un velo de recordos
recordos diluídos nas bágoas das nosas almas
almas pobres, núas, rotas
mais curadas polo vento

http://manchas.org/manchas-de-tinta/
(sección coordinada por Xosé P. Mondelo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario