luns, 26 de xaneiro de 2015

VISITANDO



VISITANDO ELVIÑA


Hoxe día 26 de xaneiro visitamos o castro de Elviña, nunha visita previamente concertada, xa desde principio de curso, co Concello da Coruña e mais co Museo Arqueolóxico de san Antón. Queda moito por facer nese espazo marabilloso. Moito aínda para que os turistas e os nativos que viven no século XXI o visiten con gusto e masivamente. A parte escavada é mínima, malia o traballo feito, que non é pouco.
 (A primeira muralla, a máis interna. Ao fondo, o novo Mesoiro)

Ás dez en punto comezou a visita. O noso Virxilio (guía polos círculos castrexos, hai tres murallas, tres) era Estefanía, provista dunhas fotografías ampliadas e plastificadas que lles ía amosando aos rapaces e utilizaba tamén para facerlles de cando en vez preguntas. Os alumnos, de 1º F de bacharelato, puideron portarse mellor, esa é a verdade pura e dura..., pero en fin, tratábase dunha saída en luns, coa mente posta talvez na movida do sábado, con moitas cousas que contárense entre eles, e a vida dos devanceiros hai dous mil anos e pico quédalles moi moi atrás e lonxe dos seus intereses presentes. 


E porén a paisaxe era espléndida. A néboa abaixo no val de Elviña, a masa verde da Zapateira, o vermello dos fentos por onde queira, a pedra inmorrente do granito noso... Coruña-Brigantia ao fondo, co faro indicador de aventuras transoceánicas: todo podía moi ben convocar a orixe, o camiño ao punto iniciático, o berce único dunha especie viaxeira, innovadora, cambiante e sempre a mesma.

Catalina Romero acompañábanos cheíña de curiosidade e de preguntas intelixentes. Tres graos e medio de temperatura ambiente. Estefanía ben calzada con catiuskas, os rapaces con tenis e algunha gorxas desprotexidas. E así iniciamos o periplo. Con que nos quedamos?  Co tremendo edificio rectangular dentro do cal os arqueólogos contaron tres ou catro espazos redondos, delimitados por pedras, en cuxo interior descubriron múltiples restos de escouras, de fundición de ferro (en relación co concepto ‘Idade do Ferro’; pregunou Estefanía que é o que farían con el e varios contestaron –Antón, Francisco José- “ferramentas”; claro, traballaban a terra, botaban centeo entre outros cereais, e traballaban o ouro, e o coiro..., e moían; Alejandro tomou nota do nome das dúas pedras do muíño de man, a de abaixo soleira e a de arriba volanteira, a que viraba); quedamos co grandor dos muros (o máis homoxéneo, o terceiro, feito xa en época de romanización, cunha máis lograda selección das pedras), coas torres, co dato de que a terra e o acedo granito “comeron” todo vestixio orgánico (apenas nada se atopou de madeira, xa non digamos de ósos humanos...). Retemos tamén na memoria a existencia da casa chamada do “Ídolo” (fálico, con valor protector, apotropaico que se di: rían aquí coma parvos os rapaces: relembramos en voz alta Pompeia, onde eran frecuentes os falos protectores). Arriba  de todo, onde a inaceptable torre do tendido eléctrico (chamada nun futuro máis civilizado a desaparecer: non é lugar a croa da maior citania da Coruña-Briganita para ela), a vista se espalla por todo o fermoso arredor e nomeamos os outros castros circundantes noutrora: os do Castrillón-Eirís-Os Castros, o de Nostián, os desaparecidos (en nome do progreso) de Punta Lagosteira...
 (Manancial dentro do castro)



Baixando queriamos  xa ver o alxibe. Tamén preguntamos pola auga. Había catro ou cinco ríos cerca de Elviña: o de Monelos, o de Mesoiro, o de Feáns...  E chegamos, si, ao alxibe. Espléndido. Cheo de auga con certas plantas á vista, con escaleiras á esquerda e mais á dereita, de dimensións únicas: polo de agora é o alxibe máis monumental de todas as citanias castrexas de Galicia e de España. Un orgullo. Abrazándoo, un murete exterior con dous especie de contrafortes. Pregunta Ainoha: “Para que constuír aquelas escaleiras de aló se por alí o muro exterior non ten acceso?”. Unha pregunta que chama a atención de Estefanía, “Moi ben preguntado. Porque, efectivamente, o valado exterior é moderno, probablemente feito no XVIII ou quizais máis tarde por pastores da zona para evitar que o gando caese á auga”.
 (O Alxibe. Dentro atopáronse restos de ánforas: de aquí collían a auga que necesitaban)


Agasállanos Estefanía con dúas lendas do castro de Elviña (pero debo dicirvos que no Plan Director de Elviña hai máis, no capítulo do folclore: capítulo básico: hai unha íntima unión entre etnografía-folclore-arqueoloxía e historia;  da serie ‘Os complementarios’; e tamén se recolle un saco de fermosas historias na caixiña de cartón-libro-mapa que a UDC lle ten dedicado a este espazo mítico coruñés). Unha fala precisamente do estanque-alxibe: Se te mergullas nel , no fondo da auga poderás ver a trabe de ouro (xa falaremos deste mito outro día); a outra lenda di que en determinadas noites (de luar?) aparecen na croa dous mouros (seres míticos) que bailan e acenan e/ou protexen o seu tesouro de ouro (perdón pola redundancia): se ti lles ofreces unha pella de manteiga (amarela coma o ouro), eles danche a cambio unha moeda do seu tesouro.

Rematamos na casa así chamada, do tesouro. O penúltimo día da escavación do ano 1954 (debeu ser a primeira que se saiba), alí, nesa casa, atoparon os afortunados arqueólogos o “Tesouro do Castro de Elviña” (a miña avoa coruñesa, vox populi, sen estudos universitarios, sabía e contábanos aos netos, e visitabamos da súa man, sabía –digo- que esa parte do noso espazo era rica en tesouros...). Un diadema-cinto cun parruliño, o deseño do tríscele con catro aspas –“tetráscele”-, o colar... Agora teremos que programar a visita ao Museo Arqueolóxico para ver mellor esas xoias.

 (Foto de grupo na casa do tesouro)

Ningún comentario:

Publicar un comentario