luns, 23 de marzo de 2015

LENDO A

LENDO A ANDREA MACEIRAS


A  tertulia facémola entre dúas das rapazas –Ana Fernández e Rita Buxéns- do Club de Lectura e mais unha servidora. Outros membros do Club tamén leron o libro, Nubes de evolución, pero non houbo a oportunidade de xuntármonos para falarmos do tema.
-Ben, aquí estamos. E que me dicides, o libro gustouvos?
Óllanse mentres nos acomodamos. Fai frío esta mañá marcelina ou marzá. Son unánimes:
-Si, gustounos, aínda que se soluciona todo moi rápido…
-Queredes dicir que o libro vos resultou curto?
-Ela só ten que mudar de casa, empezar a carreira, e xa está.
-Nunha páxina ou dúas, todo amañado.
-Pero si que nos gustou.
-Tedes un personaxe favorito?
-Ela, como se chamaba?
-Amanda?
-Si, Amanda.
-Tamén Ángela. Por certo, iso de chamarlle á nena Ánxela, polo tema dos Rolling, Angie, é un puntazo.
-E pola outra muller…, pola de Luis.
-Pero non a coñecía, ou si?
-Xa se coñecían, non recordas, cando Ánxela traballaba nunha cafetería, eu creo  que é de maneira inconsciente, a lembranza da outra Ánxela é inconsciente…
(…)
-Amanda débelle moito ao seu traballo, por duro que sexa…
-Si, pero reincorporarse á súa antiga casa, e sobre todo, aos estudos, está  moi ben.
-Pero perdeu autonomía.
-Tampouco era vida… non tiña tempo para nada, e vía moi pouco á filla.
-O que eu me pregunto é por que desde o principio non buscou a forma de seguir estudando… Non sei se estaredes de acordo comigo: acaso non podía buscar axuda…?
-Supoño que si: estaba a familia dela, os amigos…
-E ninguén máis? Pensade.
-O pai.
-E a familia do pai.
-Por non falar da sociedade, do Estado: non hai bolsas de estudo para persoas tan necesitadas coma ela. Ou non merecía…?
Pensan. Di Ana:
-Si, tiña boas notas na Selectividade
Engade Rita:
-É intelixente. Pero quixo romper con todo. Rompeu coa irmá, cos amigos, rompeu con todo.
-A nai nunca rompeu os vínculos con ela.
-Deixou de contactar coas redes sociais. Rompeu co seu mundo, coa súa base de estabilidade…
Engade Ana, matizando máis:
-Coma se tivese rancor, por ter ela que pasar por iso, e eles non. A min deume esa impresión.
-Coma se estivese “enfadada co mundo”.
-O cal é mal para ela, paga ela mesma.
-E a filla, que se cría nun círculo moi restrinxido.
-Nesta novela, o contexto é moi importante. Aí coñece, na Estación de autobuses, os outros dous personaxes. Como fora…? Porque inicialmente Uxío non merecía que ela lle dirixise a palabra…
Rita rememora:
-Son eles dous os que se unen, e ela a que lles entra, porque ten curiosidade, porque a ela esa parécelle unha relación moi curiosa…
Quedamos pensativas. As relación humanas son sempre unha materia fascinante.
Segue Rita dicindo:
-E a frase when will those clouds disappear…?  É preciosa, de onde a sacaría? E por que decidiría poñela en inglés?
Rimos.
-Porque é da letra da canción dos Rolling.
-O que non sei eu é quen a compuxo. Sería Mike Jagger?
Digo eu:
-Funciona coma un leit motiv. Sabedes o que é, non si?
Descoñecen o concepto.
-Coma un motivo recorrente:  repítese ao longo da narración, e une, dálle cohesión á materia narrada. E que me dicides do final?
-É un final aberto: aínda pode ter unha relación con Uxío, rematará ou non a carreira, non sabemos tampouco que carreira escolleu…,  é un final aberto.
-A autora veu falarnos da obra unha tarde en que vós non estabades, e díxonos que ela se encariñara moito con Luís, case que era o seu personaxe favorito. Que opinades?
Non responden inmediatamente.
-Ben... -fala Ana-, é moi propio, quero dicir que o fan moito as persoas maiores ás que lle morre un ser querido, afastarse, illarse… Como se non tivesen futuro.
-Volveu ao Instituto e retomou doutra maneira a relación cos alumnos…  Mellor así…
-E vós, se tivésedes oportunidade, volveriades ler outro libro de Andrea Maceiras?
De novo vexo unanimidade.
-Si, leriamos máis desa autora.
Espero que seña verdade. Aos novos é a quen hai que apoiar. Aos novos vivos.
(Rita Buxéns, Ana Fernández -alumnas de 3º da ESO-, e Charo Soto).

 (A escritora coruñesa Andrea Maceiras no Salón de Actos do noso Instituto, o día 16 de marzo do 2015. Foto de Charo Soto)

Ningún comentario:

Publicar un comentario