martes, 21 de abril de 2015

LENDO A

LENDO A CERVANTES (II)



Cervantes debeu participar na caza do xabaril. Para el é un nobre exercicio e compárao co da guerra. Eran outros tempos sen dúbida (e el, Miguel, brillou con luz propia na etapa guerreira de xuventude). E porén, todos lle debemos moito á caza: desde Altamira, pasando polos frisos romanos, pola arte románica en pedra (pensade e visitade unha vez máis a igrexa de san Francisco en Betanzos, para apreciar a beleza do sartego do señor da casa dos Andrade, que ten como animal totémico o porco bravo ou xabaril), a cerámica, a pintura, e por suposto, a mitoloxía. Se Artur se reencarna en corvo, Merlín transmútase nun xabaril. Poderoso animal.

 (Escena mitolóxica grega da caza do lexendario  xabaril de Calidón, cuxa pel se gardaba no templo de Atenea Alea no territorio espartano de Texea)

Diciamos onte que vos contariamos o que investigaron os cazatesouros (entre os que me inclúo, co voso permiso). Contáronlle a Juan Andrés Justo Armesto parentes de seu do concello de Páramo, Lugo (recordemos a Fole e a súa Terra Brava) isto que segue:


“Caza do xabaril (caza maior).

A seguridade é o máis importante cando se dispoñen os cazadores a facer unha batida de xabaril. Hai que levar sempre chaleco reflectante. Non moverse do lugar asinado a cada un. Cando se asina un lugar para estar cada membro da cuadrilla, non se poden mover del, pois calquera outra posición pode confundir os compañeiros e disparar pensando que se trata do xabaril.

A licencia: é obrigatorio ter licencia para poder cazar xabaril. É un documento oficial que se consegue despois de pasar psicotécnico e varios requisitos.

Períodos de caza do xabaril: Todo o ano por danos nas terras de cultivo, preto das casas, etc..  En xaneiro e metade de febreiro (aínda que son variables). Na metade de agosto ata decembro (variables). Respéctanse as femias do xabaril que esteñan preñadas (que van ter xabatos).

Os cazadores cando van facer unha batida:

Van acompañados de cans xa adestrados que saben que a súa tarefa é sacar o xabaril do escondite, estes cans levan dende os tres meses uns micro chips para telos identificados.

Levan as armas correspondentes con balas (non poden levar metralla de caza menor).

Na caza maior como é o caso do xabaril, hai precintos e só se pode cazar un número limitado de cada vez.

En moitos restaurantes cociñan a carne do xabaril procedente da caza (sempre legal)”. 


Moi ben, se realmente se cumprise así coa lei en todos os casos... Preguntámoslle no Club de Lectura de hoxe martes 21 que significa iso dos precintos. Son coma marcas que se lle espeta nun lugar visible ao xabaril, unha vez cazado.

Isto sería a historia interminable porque tamén se caza no país de Deza, en Valdeorras... Pero seleccionemos un par de casos máis. Tócalle agora á nosa colega e amiga a profesora Rosa Fernández Salmonte:


“Uns meus amigos tiñan parentes que cazaban –de sempre, de toda a vida, eran pequenos os meus fillos, ata hai uns vinte anos- o xabaril a coitelo (a cuchillo), cazaban en Mingorria, a uns 10 quilómetros de Ávila. Cazaban a jauría. Tiñan entre 12 e 20 cans esfameados, esfameados e feros... se cadra tíñanos tantos días sen comer... Lanzábanos contra o xabaril, acantoábano fóra do tobo, e había veces en que o animal mataba algún que outro can... e nesas entraban os homes, o coitelo na man –coitelo de monte-  e rematábano, entraban a matar. Onde? Eran fincas privadas... Preto de Ávila. Amigos meus. Que conste que hoxe, a min persoalmente, estes costumes parécenme crueis, moi crueis... É coma a caza do raposo en Inglaterra, cousas que pasaron á historia. Ah!, logo na cociña da casa a nai desollaba (esfolaba) o xabaril, e todos axudaban a facer os chourizos (previo control da triquina). Debo aclarar que se mesturaba, para facer os chourizos, a carne do xabaril con touciño de porco porque esa carne é moi seca, así co touciño era máis jugosa”.


(A caza do xabaril en terras de Arzúa, santo Estevo, aló polos anos corenta; as fotos son unha xentileza de Rosa Fernández Salmonte e da súa filla Elena Miranda)


Non é mala estampa. Digna dunha comedia bárbara valleinclanesca.

 (Tessera de hospitalidade en forma de xabaril. É unha reprodución en cobre da orixinal atopada en Uxama Argaela, actual Burgo de Osma, provincia de Soria, territorio comunmente chamado celtibérico)


Remato: outro meu coñecido, contertuliano dos xoves, dime:


“Na miña terra –Aragón: Albarracín-, os meus tíos avós cazaban o xabaril noutrora, pero eu recórdoo ben, non me gustaba moito a min a caza, cazaban cun método pouco legal mais efectivo: levaban un bidón de gasoil, furaban algo na terra, deitaban o líquido e alí viñan envorcarse os xabarís, porque claro, esa mestura de gasoil e terra éralles boa para desinfectarse, desparasitarse... E daquela, pimba!, disparaban os cazadores e mataban os que querían...”


Non nos iremos sen ter unha lembranza de nenos: recordades o Xabaril-Club da TVG? Os meus alumnos de segundo de bacharelato si que relembran ese magnífico programa, con debuxos de Miguelanxo Prado, con aquela espléndida música... Hai que pedirlle a Pepe Mondelo que nola traia de novo... Herdeiros da Crus, por exemplo.

Que tempos! E todo grazas a Miguel de Cervantes Saavedra. Gloria a el, el estea na gloria.

 (Kálathos decorado con xabarís, de La Guardia (Alcorisa, Teruel), está no Museo de Teruel. Pertence á esfera cultural dos íberos; a foto está tomada do libro de B. Collado Hinarejos, Los íberos y su mundo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario