xoves, 16 de abril de 2015

Nuccio Ordine: A utilidade do inútil

La utilidad de lo inútil
Nuccio Ordine
Ed. Acantilado. 2013


                             Sabemos que hai palabras-clave, palabras-cume que condensan as nosas ideas, as nosas esperanzas e as nosas decisións, e que deberían brillar como estrelas mentais cada vez que as pronunciemos. Sabemos moi ben cales son esas palabras nas que se centran tantas obrigas e tantos desexos: liberdade, dignidade, dereitos humanos, pobo, xustiza social, democracia, entre outras moitas (…).
                           Mais, pouco a pouco as palabras viciáronse, enfermaron a por de ser violadas polas peores demagoxias da linguaxe dominante. E nós que as amamos porque nelas alenta a nosa verdade, a nosa esperanza e a nosa loita, seguimos decíndoas porque as necesitamos, porque son as que deben expresar e transmitir os nosos valores positivos, as nosas normas de vida e as nosas consignas de combate. Decímolas, sí, e é necesario e fermoso que así sexa.
                                                                                                  (Julio Cortázar: As palabras violadas)

O home necesita en primeiro lugar, como quen bebe auga, beber soños.
                                                                                                   (Álvaro Cunqueiro)





Por un azar, chegou ás nosas mans un ensaio necesario, cun título de seu moi suxerente: A utilidade do inútil, do profesor italiano Nuccio Ordine. Un ensaio de lectura amable, mais de grande profundidade e rigor. Unha lectura moi  grata en canto que o autor combina admirablemente a claridade da súa prosa e a amenidade expositiva coa fondura do seu pensamento, nunha simbiose moi efectiva, algo que o lector sempre agradece.

O capítulo inicial do libro leva por título: “A útil inutilidade da literatura”. Un título revelador. Moito se ten escrito sobre o valor das humanidades, sobre a súa transcendencia na formación humana e sobre a seu rol e a súa consideración curricular no actual sistema educativo. Temos lidas moitas páxinas ao respecto, moitas veces admirables e clarificadoras, mais outras moitas pouco reveladoras. Por iso louvamos tanto a lectura deste libro, pois poucas veces vimos tan ben tratada esta cuestión obxecto de innumerables controversias. Nun tempo social e educativo no que estamos necesitados de pensamento educativo liberador, as palabras de Nuccio Ordine resúltannos vivificadoras e iluminadoras. Botando man do pensamento de diferentes pensadores e creadores, do campo das artes, da literatura, da filosofía e  da ciencia, desde os pensadores e escritores clásicos ata hoxe, en base a citas e a fragmentos de variados escritos destes creadores, imos recoñecendo o sentido profundo que estes saberes teñen para a conformación intelectual e sentimental dos seres humanos ao longo da historia. Semella algo evidente, mais no actual marco de pensamento dominante, son moitas e moi poderosas as ideoloxías que nos queren convencer da inutilidade destes saberes na sociedade actual.

Este pensamento utilitarista e monetarista vai ser cuestionado, dunha maneira clarividente, na segunda parte do ensaio que leva como encabezamento este significativo epígrafe: “A universidade-empresa e os estudantes-clientes”. En efecto, toda unha corrente de pensamento ultraliberal, fundamentalmente desde a década dos oitenta, está percorrendo o mundo económico e educativo, alterando e derrubando os seus alicercerces máis sólidos, os seus máis nobres fins. En nome da calidade, da mellora,  da produtividade, da eficiencia ou da excelencia, palabras enganosas e prostituídas no seu significado primixéneo, trátase de desvirtuar e de pór ao servizo de intereses meramente economicistas, todos aqueles ámbitos de benestar e progreso social construídos con tanto esforzo e sufrimento ao longo dos séculos. E, daquela, cuestionar e desvirtuar, mesmo anular, todo aquel pensamento “inútil”, e toda a tradición educativa crítica e liberadora dos seres humanos. Semella que xa nada tivese valor, só un prezo (que as clases máis desfavorecidas deben pagar). O libro recórdanos que debemos estar preparados para desenmascarar as mensaxes, as prácticas e os fins que se agochan debaixo destas ideoloxías poderosas que se nos presentan enfeitadas tralo engado desas palabras, verdadeiros eufemismos encubridores dun pensamento conservador a ultranza. O profesor Nuccio Ordine recórdanos que a escola non é unha empresa e que o sistema educativo foise construíndo históricamente en base a un pensamento e a uns valores propios de renovación e cambio. É desde ese pensamento propio, desde os propios valores da cultura escolar, desde onde debemos dialogar en pé de igualdade co mundo económico e social, única maneira de non quedarmos aos pés dos cabalos do pensamento neoliberal e de construírmos desde o diálogo e a cooperación un mundo xusto, unha sociedade con verdadeira liberdade e igualdade de oportunidades. Non estamos a falar a mesma linguaxe de certos sectores  que enchen os seus discursos coa palabra liberdade, elección de centro  ou dereitos do individuo: qué liberdade de elección poden ter millóns de cidadáns nun mercado “libre” ao que concorren cos petos baleiros fronte a unha minoría dona da gran riqueza do planeta? A man invisible do mercado ten dono e propósitos moi ben definidos. E a globalización non é tampouco un concepto neutro ou abstracto.

Centrándonos no mundo educativo, non deberiamos esquecer os nosos valores, toda a nosa cultura escolar de calidade e mellora educativas. Habemos de partir das nosas propias prácticas e experiencias, tanto no ámbito docente como no de xestión e organización dos centros educativos, recoñecendo e valorando o traballo de calidade acadado, para a partir da nosa propia tradición docente e de xestión, elaborar desde dentro do sistema público  propostas para seguir perfeccionando o sistema educativo, sempre abertos ás demandas e esixencias sociais dun mundo cambiante, mais, desde unha perspectiva propia de profesionalidade e renovación. Desde unha cultura educativa que debemos coñecer, valorar, difundir e da que sentirnos orgullosos, pois aséntase en alicerces moi sólidos, desde a antigüidade aos nosos días. En definitiva, o pensamento educativo existe, este patrimonio ten un inmenso valor como factor de cambio social e de liberación humana e non pode ser ignorado nin desprezado desde posicións interesadas, desde ámbitos de pensamento que basan o desenvolvemento humano e social en axiomas economicistas, de valores ruíns de cálculo mercantilista e de beneficio a curto prazo.

A terceira parte, que o autor titula: “ Posuír mata: dignitas homini, amor, verdade”, é un novo alegato en favor da dignidade dos seres humanos. E, para ilustrar os camiños dunha nova pedagoxía posible, na cuarta e derradeira parte do libro, o autor inclúe unhas palabras do pedagogo norteamericano Abraham Flexner (1866-1959), un dos creadores do Institute for Advance Study de Princepton, que dirixiu entre 1930 e 1939. Unha reflexión final deste pedogogo norteamericano, ao fronte dunha das institución educativas máis libres e avanzadas, na liña do pensamento libre e liberador de tantos pensadores e creadores que foron ao longo da historia. Un discurso, pronunciado no ano 1939, que titulou: “A utilidade dos coñecementos inútiles”, que é toda unha declaración de intencións.
Por último, non deixa de sorprendernos a disposición tan orixinal e significativa da bibliografía final, tan diversa, tan vasta. Unha disposición bibliográfica en base a núcleos temáticos e á propia ordenación do discurso, que resulta moi atractiva, por eficaz e novidosa.
Para os que nos dedicamos a este vello e delicado oficio, ler este libro é tan necesario como bebermos soños, esa auga que nos permite seguir adiante. Respirar e resistir, nun tempo de confusión. X. PÉREZ MONDELO



Ningún comentario:

Publicar un comentario