ENTREVISTA A MANUEL
LOURENZO
PATRICIA PRADA E Mª
ROSARIO SOTO: -Vostede naceu no Valadouro pero estudou aquí na Coruña, onde
concretamente? No Instituto Masculino? Que lembranzas garda desa etapa da súa
vida?
-Estudei na
Academia Galicia. Lembranzas moi boas, por exemplo, dos profesores de
literatura, D. Luís Seoane Rico e D. Miguel González Garcés, e pésimas do
crego, que non mento, por se acaso reaparece con todo o seu odio e violencia...
Tamén fixen, como é natural, algúns amigos para sempre.
-Vostede é un
auténtico home de teatro, un ser nacido para esta arte: fixo de todo, creou
compañías, editou libros, compuxo textos, dirixiu, fixo crítica, traduciu, foi
actor... Que lle queda por facer, señor Lourenzo? E que foi o que máis
satisfacción lle deu, ou que foi de todo o feito aquilo de maior
transcendencia, na súa opinión?
- Eu veño dun tempo
en que os recursos escaseaban. Nesa escola aprendín unha certa moderación no
uso deles que me axuda bastante na briga diaria. Non penso no tempo perdido,
porque o tempo non se perde, xa que non existe. E, se acaso o perdín en pasalo
ben, por exemplo, teño que dicir que non me pesa. Agora, á parte do meu
traballo, fillos e netos, familia e amigos, satisfacen todas as miñas aspiracións.
O que máis satisfacción me deu? A humana resistencia...
-Vaiamos á obra
escrita. En literatura é lícito buscar, centrar, as constantes universais: os
temas nucleares. Se nós lle dixeramos que na súa obra son importantes o amor (Amar é, meu amor, máis que morrer; Amar é un insolente, magnífico, duro,
interminável parto..., de Xoana),
e o poder (cos seus excesos e as súas perversións), vostede que nos
respondería, e que engadiría?
- As miñas
constantes? Aí si que non son nada especial, e si orixinal (que ven de
“orixe”). Os temas que eu chamo únicos, os propios da raza humana, con todas as
súas rarezas, bondades e perversións. Aí non se escolle. Aí a realidade asalta.
Acho que o único que se escolle –ou para o que un é escolleito– son as formas...
-Unha nosa
profesora e colega [Beni Vidal] contounos esta anécdota: Hai un tempo estaba eu no meu super e díxome a caixeira: “está aí
Melgacho”, mirei e díxenlle: “Ah!, Manuel Lourenzo...”, e respondeu rápida:
“Que dis ho!, Melghacho, muller!”. Diante do poder da televisión, e outros
medios, que lugar ocupa nesta sociedade o teatro? Segue sendo A Coruña un lugar
bo para representar (como vostede deixou dito noutrora)?
(Fotos tomadas da Internet)
- Melghacho é un
máis deses que andan por aí, pola cabeza, que un día ocuparon. E aí deben continuar,
abrigadiños... A televisión caeunos enriba de repente. O teatro xa levaba moito
tempo a nos escarpuxar. Non teñen moita relación A imaxe pide consumición
inmediata; o teatro lévanos a pensar e, máis aínda, a optar. Por iso é nu,
directo, un acto público, unha convocatoria para tratar os temas candentes... A
Coruña, un bo lugar para o teatro? Como todos. Se eu incido na Coruña, é porque
aquí ubiquei a maior parte do meu traballo: o teatro independente, nado en
colexios, no edificio da Caixa da Ronda de Nelle, en prazas –na Coruña hainas
marabillosas–. Foi, si, nos sesenta e setenta do século ido, un modelo de
teatro; contributo indispensábel para a recreación do teatro galego e encontro
con numerosos grupos ibéricos, tanto do ámbito do castelán como do catalán e do
euscaldún... Foise todo cando a democracia comezou a se deitar cos negocios,
coa banca, e apareceron alcaldes e outras especies que deixaron nun lugar moi
baixo o analfabetismo...
-Gustaríanos saber
a súa opinión sobre a institucionalización do teatro. Están ben destinadas nese
sentido as subvencións?
- Non quero ouvir
falar de teatro e diñeiro. Neste país, cun só decreto sobre a lingua,
desapareceu todo o que parecía que había... Ollo, que digo neste país, inculto
e caníbal, e nestas circunstancias. No sei se poderá ser noutro momento; mais,
tal e como van as cousas, non creo que eu o vexa...
-Esa riqueza
lingüística dos seus textos, unha riqueza que abraia, innegable, cando lle debe
ás súas orixes, ao Valadouro, terra de artistas, a medio camiño entre a Terra
Chá e a Mariña?
- Todas as linguas
teñen música. E nós temos a sorte de coñecer precedentes absolutamente
maxistrais na súa detectación (existe a palabra?), como Rosalía, Otero,
Cunqueiro... alguén que escriba ou que faga teatro ou que fale nun palco, non
pode ignorar este herdo. O lugar onde naces tamén te marca, con talladas
físicas –a orografía, o clima– e culturais –a historia, as tradicións, a
lingua–. Na terra que aludimos, o Valadouro, hai, ademáis, a pegada de varios
pobos, que configuraron unhas morfoloxía e sintaxe extraodinariamente ricas e
expresivas...
-Trácenos, coma un
personaxe profético, coma un novo bardo da tribo que realmente é, un adianto do
futuro (poético, ou imperfecto...), vostede que ten fillos saberá facelo...
- O futuro é
difícil de previr, dada a extraordinaria implicación de elementos sobre os que
a maior parte dos humanos non ten ningunha dotación... Habería que tocar a
historia de moito antes... Con todo, a resistencia á sumisión é natural na nosa
especie e haberá que escoller os camiños que a viren máis valente e eficaz.
Camiños hainos. Calquera cousa, agás a entrega a un inimigo que nos tolle e nos
silencia.
-Moitísimas grazas
por compracernos. Xa sabe –vostede que confiou neste centro para a educación da
filla- onde nos ten. Desexámoslle o mellor, señor Lourenzo. Longos anos de boa
vida para o teatro galego!
- E que eu vos vexa
felices e cos ollos abertos!
(Patricia Prada é
alumna de 2º de bacharelato no noso Instituto neste curso 2014-15).
Ningún comentario:
Publicar un comentario