O PICO
SACRO.
Abrimos esta
primavera un novo capítulo, esperemos que con futuro –con certo éxito, que vos
guste-, e de futuro –que abra, nunha mínima parte, futuro-: Galicia
Inmorrente.
(Foto tomada da Internet)
E dentro dese
capítulo subamos ao Pico Sacro (la cumbre
más bella y simbólica de Galicia (...),
de entraña de cuarzo branco, di D. Ramón Otero Pedrayo en Guía de Galicia en 1926, cando todo el
estaba vestido polas catro bandas de mestas fragas magníficas), unha das tres
montañas sagradas de Galicia. Son tres: unha a oriente, O Cebreiro do milagre
eucarístico, onde Cabanillas situou o Grial; o Pindo a occidente, e case no
centro, O Pico Sacro ou Pico Sagro. O Pindo e mais o Pico Sacro teñen polo
menos tres cousas en común: unha, pertenceren administrativamente á provincia
da Coruña; dúas, estaren miticamente vinculados á Raíña Lupa, e tres, estaren
os seus territorios próximos explotados economicamente por un mesmo señor (a
enerxía hidráulica, ou parte dela, no Xallas, o cuarzo branco acarón mesmo do
Pico Sacro). A montaña sagrada do Ulla está en pé de miragre, penso eu ás
veces, vendo a mordedela (a langradura, a ferida) enorme da mina de cuarzo que
tan pretiño está: fixádevos na foto que adxuntamos. Claro que hai que confiar
nas leis que protexen a montaña: son dúas as barreiras protectoras, a Lei de
Patrimonio e a Lei Paixasística (valores naturais). Confiamos, pero o medo aos
intereses crematísticos (para Galicia poucos, salvando os postos de traballo
contados [36 traballadores, leo na Internet], porque aquí non se transforma o
cuarzo –o cuarzo ullán é dunha alta pureza, do cuarzo sacan sílice, básico
polas súas propiedades semicondutoras para a industria informática e
electrónica, ata o punto de darlle nome ao val do silicio norteamericano, onde
abundan esas industrias-, a parte de león nas ganancias non sei eu se queda
aquí ou vai fóra, aínda que non é difícil apostar polo segundo) é libre, digo o
medo. Dirédesme que os postos de traballo tamén son sagrados: si,
innegablemente, pero a Tradición, a posibilidade de unir –como no pasado, como
na historia de Galicia sempre estivo unido- o Pico Sacro e as súas riquezas
inmateriais, culturais, a Santiago, ao ciclo turístico compostelán, son
factores reais que tamén están aí. En fin, conclúo este preámbulo antes de que me
declaren persoa non grata os traballadores da fábrica de Cee (aí chégalles
material extraído da mina), de Ézaro e de Serrabal: debemos convivirmos en
harmonía, pero o Pico Sacro que siga sendo el, morada de deuses, ónfalo
arcaico, punto simbólico da
cristianización da Nosa Terra (onde Santiago coa cruz desfai o dragón:
recordade o ciclo da raíña Lupa, cando manda aos discípulos do apóstolo que
vaian ao seu Monte Ilicino: ese era
outro nome do Pico Sacro [Monte Ilicino
aparece en documentos dos s. IX e X, no “Tumbo
de Santiago”, doazón feita por Alfonso III no 833], suponse que por estar
poboado de aciñeiras, latín Ilex ilices,
unha árbore que tiña tal importancia para os druídas que dela vén o nome que
lles deron os gregos aos sacerdotes celtas ou galos: homes das aciñeiras, porque habitaban mestas fragas de ilices, así que é verosímil ver no dragón do Monte Ilicino-Pico Sacro de
Lupa, un símbolo do druidismo=paganismo).
“Non hai dúbida que
o Pico Sagro é un dos lugares máis cheos de misterio que hai na nosa Terra. O
máis seguro é que sea o Mons Sacer de
Justino, protexido de profanaciós por un tabú
qu’ ainda somella qu’ o arrodeia hoxe (...). Todo lugar ond’ o misterio se
manifesta, é sen dúbida unha fenestra aberta sobr’ o outro mundo; mais o que
sea precisamente a porta d’ il é o
que nno podo enxergar craramente, visto sobre todo, que eiquí non coñezo leenda
ningunha na qu’iste feito apareza. En troques, na Bretaña, atopa a do Yeun Elez, nunha turbeira ó pé do Mont
Saint-Michel, ond’ hai un burato fondo, polo que se oyen berrar os condenados.
Non se pode negar que hai certas coincidenzas leendarias antr’ o Mont
Saint-Michel e o Pico Sagro; mais se cadra esta é unha das cousas nas que se
non imitan” (Vicente Risco, revista Nós, nº
34).
Burato ao inferno
non sei se haberá, pero burato haino, e polas lendas documentadas é infernal
dabondo: “A tradición oral da Ulla sinala que os dous túneles que existen na
cima do Pico Sacro, chamados buratos dos mouros e que comunican entre si baixo
terra, estarían unidos coa cova que lle daba nome ó mosteiro de San Xoán da
Cova. Por ese camiño, di a lenda, levaban os mouros a beber os seus cabalos ó
río da Ulla” (p. 21, Gundián. Un
achegamento a unha paisaxe natural e humana, Asociación Raiceiros).
(Pico Sacro á dereita; vese ben a explotación mineira de Serrabal; a foto é de J. Manuel Vilas 2008, tomada do libro "Gundián. Un achegamento a unha paisaxe natural e humana").
A montaña era en
época precristiá territorio da deusa-raíña Lupa, e indicadores da súa
sacralidade son as lendas da galiña e os pitos de ouro, a grade de ouro, a
aparición da vella-muller vestida de branco que se baña en noites máxicas no
río, etc. O burato é bastante infernal: nun artigo publicado no ano 2003 (“Da
raíña Lupa e da tradición xacobea”, en Garoza 3, p. 210, nota 22, de consulta
libre na rede) referíame a un material da oralidade recollido da avoa de
Cacheiras, Teo, dunha nosa brillante alumna coruñesa, Cristina Campos. A avoa
relataba que no burato, no reino subterráneo existente no Pico Sacro existe un
señor misterioso e negativo (unha especie de demo: masculinización talvez da
raíña Lupa, máis arcaica, respondendo a unha dinámica prototípica de cambio de
xénero nos panteóns de deuses arcaicos, tal como estudan autores como Graves,
por exemplo, en Europa). O Señor do Pico Sacro rapta mulleres novas - dálles a
beber o famoso viño do Pico Sacro- e
tenas con el no fondo (como nos relatos orais populares tipo Rei Lagarto, A Bela e a Besta) da terra e logo cando estas mulleres reaparecen
son vellas e tiveron del fillos...
A pregunta
literaria do millón é esta: influíu esta tradición mítico-lexendaria en Marcial
Valladares e na xénese da súa novela
Maxina, ou a filla espúrea?
R. Carballo Calero,
na súa Historia da literatura galega
contemporánea, integra a Marcial Valladares Núñez no Romantismo
(Precursores de Rosalía). Valladares naceu no lugar de Vilancosta, san Vicente
de Berres, A Estrada; desde 1866 viviu retirado na súa aldea. Como poeta ten
unha composición titulada “A fonte do Pico Sagro”. Sobre a primeira novela en
lingua galega, Maxina, ou a filla espúrea,
de 1880, di Carballo que en parte quere ser de costumes; o tema (embarazo
misterioso) tiña xa sido tratada literariamente polo escritor alemán Heinrich
von Kleist (1777-1811), na súa obra A
marquesa de O. A novela do alemán nós non a limos, e non hai datos para
pensar que si o fixera o estradense; o que si vimos é a versión cinematográfica
de Eric Rohmer –A marquesa de O, 1976-.
A Otilia, o personaxe de Valladares, danlle a beber algo antes de forzala,
igual que o Señor do Pico lle dá o viño á moza Marica do Roxo. O final tráxico
de Otilia (nunca chega a unirse ao violador arrepentido, o pai de Maxina, e á
diferenza da marquesa de von Kleist, porque se volve tola) recorda máis o destino
cruel da Marica do relato tradicional galaico (volve do fondo do Pico vella, repudiada...). Sobre o tabú ou
prohibición de non iren as mozas pola Calle do Pico Sacro de noite aínda na
nosa última visita a Lestedo (0 26 de xaneiro do 2003, día de san Sebastían, en
cuxa honra fora cristianizado o Pico, hai famosa romaría que cantou Valladares,
romaría que pervive), dixéronos que se
pasa unha muller casadeira tras as doce da noite polo calexón, é seguro que
desaparece (informante duns 40 anos, muller).
Hipótese peregrina
ou posibilidade verosímil, o que si é certo é que as lendas e tradicións do
Pico Sacro aparecen na obra de máis escritores, como Alfredo Vicenti, ou Juan
Rodríguez del Padrón. Este último, na súa famosa noveliña Siervo libre de amor, describe como o príncipe Ardanlier, con
mestres canteiros vindos de Venera –trasunto
de Santiago- a cousa dunha legua desa cidade fai construír un pazo marabilloso
e segredo no interior dunha montaña que está en las partes de Yria, unha montaña que os navegantes –tede en
conta que desde o Pico Sacro se ve en días claros a ría de Arousa- chaman a Montaña Cristalina (de novo o cuarzo
branco como atributo esencial do noso Pico inmorrente). É Martínez Barbeito o
erudito a quen cita Antonio Prieto na súa edición de Siervo libre de amor nesa identificación Montaña Cristalina = Pico Sacro (Clásicos Castalia, 1976). Chega
por hoxe. Outro día abondaremos no tema, queda na man aínda unha outra hipótese
ousada, da que nos falaron dúas mulleres sabias, sobre posibles cultos lunares
nos dominios de Lupa.
(Mª Rosario Soto Arias)
(Mª Rosario Soto Arias)
Ningún comentario:
Publicar un comentario