luns, 13 de xullo de 2015

GALICIA INMORRENTE



O ESCUDO DE GALICIA (I).



(Imaxe do Segar's Roll, armorial inglés de finais do XIII, onde aparecen tres cálices simbolizando o reino de Galicia)
 
Agora que estamos de vacacións e temos o ánimo distendido, é tempo de elucubrar sobre temas fascinantes. No último trimestre, mentes traballabamos con Pondal, dous alumnos de primeiro de bacharelato interrogáronme sobre o porqué da escolla do poema pondaliano para o himno e ampliaron a cuestión interrogando ademais sobre o nacemento do propio himno. Ofrecinlles a posibilidade de aprender investigando e faciliteilles material para un pequeno traballo que máis adiante subiremos a este blog.
Así naceu asemade a vontade de pretender saber da orixe do escudo de Galicia, e especialmente do seu símbolo máximo, o cálice.
Diredes –sobre todo se tendes tendencia á retranca ou escepticismo,  vaia, este si que é un tema de actualidade... E eu direivos, nunca se sabe, hai constantes na humana natureza..., e somos animais simbólicos, creo que a propia escrita ou as matemáticas son boa proba diso.
Para o cálice, por exemplo, hai explicacións míticas: recordo ter lido nun libro do que fora prof. de literatura no noso Instituto, D. Enrique Chao Espina, verbo da copa na que viaxaba o heroe solar –en paralelo á viaxe da barca do faraón- de leste a oeste, así chegaría precisamente Hércules aos nosos lares... , onde, efectivamente, o sol se deita no mar Atlántico coma nun cálice profundo, para pasmo daqueles lexionarios romanos cando o viran por primeira vez, un sol de lume que adoraban os nerios e ao que se lle dedicaran aras ou altares na costa noroccidental ártabra, neria, fisterrá... a divinización do sol é un feito en todas as cuturas que chamamos primitivas, ao sol dedicóuselle en Europa un día da semana, o primeiro, un día que inmediatamente no mundo cristián se converteu no “Día consagrado ao Señor”, máis tarde “Domingo”; no século II o apoloxista san Xustino  describe como celebran os cristiáns a Eucaristía ou Santa Misa e di así: “O día chamado do Sol reúnense todos nun lugar, o mesmo os que habitan na cidade cós que viven no campo (...) e reunímonos todos o día do Sol, primeiro porque este día é o primeiro da creación, cando Deus empezou a obrar sobre as tebras e a materia, e tamén porque é o día en que Xesucristo, o noso Salvador, resucitou de entre os mortos” (tomado de “El Porqué de la Orientación de las Iglesias”, de J. Delgado Gómez, en Lucensia 33,  a tradución ao galego é nosa); este mesmo autor fala logo da simboloxía Cristo-Helios, ou Sol Divino e menta a Orígenes (s. III) quen lle dá a Xesús o atributo Sol de xustiza.


Tocando este enfoque (como arquetipo de fertilidade da nai terra, lonxe, moi lonxe dunha valoración histórica ou científica ao gusto actual) tamén se expresou un dos parlamentarios de Galicia, o señor Antonio Olives,  cando se debatía a Lei de Símbolos que logo callou na versión definitiva en 1984.
Nós persoalmente non dubidamos de que, ao igual que o graal famoso da Demanda medieval galego-portuguesa (do ciclo da Materia de Bretaña) responde a un arquetipo mítico orixinal precristiá, un obxecto tan poderoso que pode facer realidade todo o que ao home lle pasa pola mente, (pénsese noutro obxectos máxicos europeos como o anel dos nibelungos ou o caldeiro de Dagda) posteriormente cristianizado (o prato pasa a ser un cálice que recollería o derradeiro sangue na cruz de Xesucristo) aínda que igualmente poderoso (recordemos que o heroe galego-portugués, Galaaz, é tocado de valores que o aproximan a Cristo: santo, puro de corazón, e intocable polos velenos), así tamén o grial do noso escudo pode responder a unha semellante transformación ou asunción de distintos valores, precristiáns e cristiáns.
Di o Señor Ramón Villares que apenas se inventou nada na escolla do noso Escudo, que é unha escolla fiel á tradición (palabra e concepto tan do gusto dos católicos exemplares do noso galeguismo histórico, eis Cabanillas, Risco ou Pedrayo; eis Castelao cando fiel ao espírito do pobo galego, pinta maxistral, tenramente a peregrinaxe nocturna do cáliz-viático).
Teño xa que engadir aquí que o artigo definitivo, a nivel de cientificidade e rigor histórico é o que escribe, a continuación do mentado de Villares, o señor Eduardo Pardo de Guevara (en:http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/simbolos_de_galicia.pdf). É un artigo que todos os interesados neste tema deberiades ler. Con independencia de que un poida querer variar o enfoque. A saber: o ilustre articulista di que o símbolo máximo (pola carga simbólica que vai adquirir: pola representatividade ininterrumpida de simbolizar o vello reino durante os derradeiros cincocentos anos) ten a orixe fóra, no estranxeiro (Armorial británico datado cara a 1282): de alí chega a nós, e nós (Galicia/os galegos) ímolo asumindo nun proceso que basicamente fai entroncar o grial estranxeiro co Sacramento en perpetua exposición da Igrexa de Lugo. Lugo ocupa neste proceso un papel nuclear.

Nin se nos ocorrería remotamente minimizar a importancia de Lugo na historia de Galicia: capital dun convento xurídico, primeira urbe galaica, sé dun bispado que se opón sistematicamente a canta herexía penetra no territorio galaico, sé en sentido amplo dun dos primeiros símbolos de cristianización hispana (o Crismón de Quiroga), sé metropolitana de bispos que asisten a concilios convocados no período suevo, núcleo de resistencia a certos reis da primitiva monarquía astur-galaico-leonesa (ou astur-cantábrica-galaico-leonesa), sé onde Odoario (de discutida existencia pero validado por Sánchez Albornoz) asume en época de crise (invasión árabe) a metropolitana Braga... En fin, e por se fose pouco, resplandece aí, na súa catedral, Deus sabe con exactitude matemática desde cando, a luz perpetua do Sacramento Eucarístico, que como todos sabemos, é representado cun cálice e unha hostia. Quizais, só quizais, está é unha forma brillante de igualarse a vella Lugo coa nova Santiago (tras a inventio).
A cuestión para nós é máis ben: E logo non se pode pensar nun camiño de ida e volta? O armorial británico está inventado totalmente (por aquilo de que Galice e cálice préstanse a unha irmandade pseudofilolóxica), ou é posible supoñer que alí lles chegou algo que aquí se respiraba, se vivía talvez? Camiño aberto haber habíao (o das peregrinacións xacobeas: xa hai peregrinos desde o ano 1000, se queredes nomes propios fornecidos pola historia ou pola lenda, tendes onde escoller: a condesa  franca dona Arxentina, a esposa do conde García Fernández;  o conde Raimundo de Borgoña en 1105; a alemá santa Paulina en 1112; Matilde de Alemaña, filla do rei Enrique I de Inglaterra en 1125; Sofía de Holanda cara a 1150; Cristina de Noruega, filla de Haakon IV, cara a 1254; a princesa Ingrid de Suecia cara a 1270... Todos anteriores a 1282. Esta xente viña co seu séquito, e todos volvían logo aos seus países).
Imposible, dinme na casa, aquí non se necesitaban escudos nin había rei fóra do de Asturias-León, que xa tiña o seu símbolo (o propio león rampante).
E antes?  Porque a ver se se nos esquece que houbo unha monarquí a sueva...
Pero iso está totalmente esquecido, iso  é a prehistoria... retrúcanme os sabios pensantes que teño cerca. Pois que queredes que vos diga...
Depende: Don Ramón Otero Pedrayo aínda recorda perfectamente a importancia de Ourense cando a conversión de Teodomiro/Carriarico/Charriarico se produce na cidade na que posteriormente se edificará un templo en honra de san Martiño. Iso na metade do VI. Pero antes , cen anos antes, na metade do V, Reckiario –impulsado polo bispo de Braga, Balconio, e pode que tamén polo de Astorga,  e pode incluso que grazas á curación milagreira, na que intervén santo Toribio, dunha irmá, dunha filla de Reckila - convértese ao catolicismo: ser católico neste período é algo tan importante que non se pode perder de vista: ser católico no V neste lugar de Europa é pasar á Historia con letras maiúsculas, porque Reckiario (de quen se conservan doazóns á  ártabra Igrexa de Pastoriza, moi preto por certo da chamada “Silla do rei suevo”) é anterior a Clodoveo, é nin máis nin menos que o primeiro rei católico de Occidente.
Ser católico neste momento é crer no Amor maiusculado, o amor máis grande de todo amor posible: que une a vida, a paixón, a morte e mais a resurrección nun só símbolo, nunha mesa en comuñón, nunha forma redondiña e sagrada: e é situarse, asemade, nun espazo de confrontación total e múltiple: contra o paganismo multipanteísta romano, contra a herexía super estendida na propia Galicia de Prisciliano (que nega o corpo real de carne e sangue de Cristo), contra o arrianismo de suevos e de visigodos hispanos (non cren en Cristo como Deus, logo negan a resurrección) e contra outras herexías que daquela nacían e crecían como cogomelos. Iso sen falar da unión poderosísima que ser católico un rei suevo lle dá a favor do pobo galaico-romano e mais hispano en xeral (ata o punto que as únicas veces en que un rei suevo ten idea de expansión peninsular é cando se une, por ser católico, coa Igrexa e co Pobo).

 (San Martiño de Dumio e/ou de Braga e mais o rei Miro; foto tomada da Internet, procedente dun manuscrito depositado na Biblioteca de Viena; o obxecto que tocan coas mans debe ser un códice)

E isto que ten que ver co noso escudo, co grial?
Quizais nada ou quizais moito: á idea pouco verosímil de que ese símbolo estivese presente xa, senón en pendóns e  estandartes (pensade que reis suevos matrimoniaban con princesas de alén das súas fronteiras, e incluso de alén dos Pirineos, como Reckiario, que casa cunha filla do rei godo e arriano Teodorico I, e pensade en todas as embaixadas que circularon, así como as guerras en que participaron: algún símbolo tiñan por forza que portar), en libros dos mosteiros, nos pazos dos bispos, en pedras desaparecidas como desapareceu todo (pazos dos reis, igrexas, pazos daqueles bispos, lugares físicos de concilios, casas de nobres...), contrepoñédelle a idea moito máis plausíbel e de que si houbese un contexto ideolóxico, un ambiente propicio á asunción do grial como símbolo nacional do (vello) reino.
Seguiremos outro día.
(Mª Rosario Soto Arias).
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Ningún comentario:

Publicar un comentario