luns, 3 de agosto de 2015

ENTREVISTAS A HOMES QUE AMAN O EUSEBIO



ENTREVISTAS A HOMES QUE AMAN O EUSEBIO DA GUARDA.

Entrevista a Elisardo López Varela.



Mª R. S.:  Xa non recordo cantos anos estiveches no Instituto... Fainos partícipes dalgunha grata lembranza, por favor.
-Estiven ao longo de dúas etapas. A primeira como provisional, aló polos anos 1980-81. A segunda, debeu ser un pouco máis tarde, talvez en 1988. Como director, desde 1991 até 2005 (case 14 anos). As anécdotas foron tantas que o seu relatorio non caberia nestas páxinas. O máis satisfactorio foi ter coñecido tantas e tantos compañeiras e compañeiros que se convertirían posteriormente en amigas e amigos e que aínda hoxe conservo.
-Mellor a Inspección cá docencia, ou?
-Son dúas cousas diferentes. Na primeira prevalece máis o carácter burocrático, sempre se bota de menos o contacto coa docencia. Ter a oportunidade de comunicar o pouco ou moito que sabes ás novas xeracións resulta enormemente satisfactorio. O bonito sería poder combinar ambas as actividades.
-E o labor investigador que lugar ocupa na túa vida? Contábasme este día que volverías escribir de boa gana sobre Curros, por que, que achegarías á túa obra mestra sobre a obra do ourensán?
-Si, teño previsto retomar o tema. Achegaría algúns aspectos aínda non coñecidos do grande público, fundamentalmente durantes a súa estadía en Cuba. E acho tamén que resultaría conveniente actualizar algúns aspectos xa publicados.


-Para investigar debidamente sobre o grande poeta do Rexurdimento –Manuel Curros Enríquez- tiveches que viaxar a Cuba: cóntanos algo do vivido alí, da xente, do material achado...
-Viaxei co meu director da tese, Xosé María Dobarro aló polo ano 1995. Teño que lembrar que sempre existiu colaboración dos responsábeis das bibliotecas cubanas connosco. As dificultades que achamos viñeron dadas pola situación que naquela altura estaba atravesando o país. Non dispuña do adecuado material técnico para levar a cabo a recolección da documentación. Por exemplo, desde aqui levamos algunha peza clave para o funcionamento das fotocopiadoras (lámpada, tóner...). Alén diso, os horarios eran sempre matutinos e a calor asfixiante. Víamonos obrigados a madrugar bastante para aproveitarmos o tempo, que pasaba voando.
Como anécdota, podo manifestar que anos despois, a colección completa do xornal de que máis fotocopias fixemos, La Tierra Gallega, foi publicada íntegra aquí no noso país e que chegou a min grazas a Manuel Rico. Aforraríanos moito traballo se puidésemos dispór dela naqueles anos.

-A vida de Curros foi unha aventura, diso non hai dúbida. En moitos sentidos el foi un home exemplar, con aquela fe inmensa no Progreso, na Democracia, na Liberdade. Mais tamén foi un ser humano que tivo que sufrir penas sen fin. Na túa coidada edición publicas a argumentación do seu avogado aquí na Coruña para que o xuíz modifique a dura sentenza anterior. Nesa argumentación lemos que xustifica certas palabras usadas por Curros naqueles seus poemas que resultaran máis ofensivos aos oídos da xerarquía eclesiástica, dicindo que hai que comprender que o dialecto é pobre e que carece do léxico necesario para expresarse mellor... Velaquí un novo cálice cheo de fel que o vate debeu tragar. Que opinas?
-Os avogados, como sabemos, recorren a calquera argumento para tratar de defender o seu cliente. Debemos ter en conta que a palabra dialecto  no século XIX non tiña exactamente o mesmo significado que ten agora. Chamarlle dialecto hoxe ao galego resulta ofensivo. Naquela época, posibelmente non fose así.
-Agora, se mo permites, acabaremos volvendo ao principio, ao noso amado Instituto. Cando eras Director recibiras a promesa duns cincuenta millóns de pesetas para a necesaria reforma do edificio, diñeiro que nunca deu chegado. Desas promesas de reformas integrais saben moito os equipos directivos que seguiron ao teu. Na túa opinión, debemos aínda confiar no progreso e mellora dun Instituto con tanta historia, cun elenco tan grande, de personalidades relevantes na Historia de Galicia e mais de España... Confiamos?
-Sempre hai que confiar. Ese é un edificio emblemático e situado nunha das mellores zonas da Coruña.  A súa restauración integral nunca resultará barata. Entendo, pola miña experiencia, que hai elementos estruturais do edificio que non se poderían obviar: muros, pedras, canalizacións e, sobre todo, as bases, o sustento de todo o edificio. Non hai que esquecer que está construído sobre unha superficie mol, areosa e moi próxima ao mar. Dúas claves terán que se dar para que chegue ese momento: decisión política e investimento económico.
-Grazas pola túa amabilidade e cariño que sempre nos demostraches, aos membros do Claustro do Eusebio da Guarda. Esperamos con ilusión as túas novas contribucións á Literatura Galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario