A CORUÑA.
O TEMA DAS AUGAS (II).
Volvemos ao tema das augas que abastecían á
cidade en tempos pretéritos. Isabel Martínez Barbeito –arquiveira do Concello
xa falecida, alma e conservadora do Instituto José Cornide de Estudos
Coruñeses, alumna que fora do noso Instituto- publicou un artigo titulado:
“Algo más sobre acueductos y el gran arquitecto Casas y Novoa”, en Notas de un archivo (2004). Na
descrición da obra que fai Francisco
Monteagudo (ou Montaigú), enxeñeiro xefe, asistido polo enxeñeiro Diego
Montojo, di que as augas que baixaban de san Pedro terían ao seu servizo un
depósito xeral, unha construción de arcos que a conducirían ata “el arca de los
Cristales”, continuando o seu camiño por el Arenal hasta Capuchinas.
Volvemos topar coa arca “de los Cristales”. Xa
vimos no mapa do outro día ese nome (Fuente
Nueva de los Cristales). Hai aquí un
enigma para min: non acabo de ver claramente que fonte é nin onde estaba. Alucando
aquí e acolá atopei nunha desas ilustradoras charlas de ‘Celtiberia’ que un tertuliano dá Cristales como sinónimo
de Payomouro (ambos microtopónimos coruñeses doutrora; este internauta sitúao
na actual rúa de Pérez Cepeda), pero non é de todo exacto, no mapa que adxunto
vense como lugares próximos pero distintos:
(Planos históricos [1879-1900] tomados da
páxina web de libre disposición do Concello da Coruña: á esquerda, nunha
disposición irregular –inclúe o perímetro dunha fábrica de gaseosas o lugar de Paiomouro; debaixo, onde se ven as
árbores da esqda, indica “Lugar de Santa
Margarita; á dereita, o polígono irregular máis próximo ás árbores da
dereita, reza “Lugar de Cristales”.
Vese ben o trazado do acueduto).
O catedrático da USC, Alfredo Vigo Trasancos,
no libro que citamos abaixo, reproduce un texto de 1748 (fala da necesidade de
revisar todos los meses del año las
arquetas y cañerías de las dos fuentes de San Andrés y de los Cristales) e
explica que a dos Cristales quedaba fóra da liña defensiva (das murallas), muy cerca del campo llamado del Carballo.
De novo xulgámolo impreciso, inda que –efectivamente- preto si que tiña que
estar. Mirade de novo o mapa:
(Neste mapa –que xa reproducimos a semana
pasada- lese á esquerda ben Fuente nueva de los cristales; vese polo
menos o trazado, o acueduto, mais non resolvemos onde está a fonte: por riba
percibimos o alto de santa Margarida –macizo de árbores- e as hortas da Agra do
Orzán; o rectángulo de árbores con disposición xeomética case no centro da
imaxe ten que ser o chamado ‘Campo do Carballo’, que coincide en parte coa
igrexa de sta. Lucía actual, en parte coa Praza de Lugo).
Agora ben: se observamos no mapa de Felipe
Gianzo de 1819 a zona en cuestión, vemos que o acueduto se nutre da Fonte de
santa Margarita:
(Fragmentos do mapa de Felipe Gianzo, 1819. A
estrada ou camiño que corre en diagonal é o “Camiño de Bergantiños”, actual
avda. Fisterra; cos nn. 53 vemos os muíños de vento-monte de sta. Margarita; co
nº 43 a capela de sta. Margarita; e co nº 42, pegada á estrada, a Fonte de
santa Margarita [a famosa fonte, con grandes escalóns que se conservan en fotos
de principios de s. XX, hoxe trasladada
do outro lado da estrada no interior do
recinto do parque, da que aínda declamaba a miña avoa coruñesa, falecida con 95
anos no 2004, Miña santa Margarita/miña Margarita santa, /a auga da túa
fonte/curou a miña garganta]. Rodean a fonte unhas hortas numeradas co 54, dun
tal Mato, e vese por riba o acueduto, que vén nutrirse á fonte; a construción
acarón desas hortas, baixando á esquina inferior dereita da imaxe, sen número,
ten que ser o “Lugar de Cristales”; é posible pensar que “Fonte dos Cristales”
e “Fonte de santa Margarida/Margarita” ou son a mesma fonte ou se confunden).
(Fragmento ampliado: se vos fixades ben,
apreciaredes dúas cousas sobre o acueduto: que baixa ao areal para topar coas
murallas; e veredes tamén como empalma un brazo de acueduto que vén,
verosimilemente, de Nelle, da fonte de
Nelle, pretiño do ángulo inferior esquerda da imaxe; as fontes de Nelle e de Vioño quedan para outro día).
A fonte dos Cristais e a de santa Margarita ou
son a mesma ou estaban moi próximas. De nena, cando subía desde o Instituto á casa dos meus
avós, que vivían na Praza do Comercio recordo que ao chegar ás ruínas da
Imprenta Roel (distante uns metros máis arriba, seguindo a liña da estrada, da
recolocada igrexa de san Francisco), había un par de enormes eucaliptos e xusto
aí había unha fonte-lavadoiro. Quen sabe se non sería a dos cristais...
Tocante á presenza de Casas Novoa entre nós, é
interesante o que di Isabel Martínez
Barbeito: “O rango deste excepcional artista explica mal a súa intervención como
construtor dun acueduto planeado por outro, que se ben require categoría
técnica non precisa de dotes artísticas tan fóra do común. Quizais a causa se
ache no feito de que por tales datas debería estar na Coruña dirixindo a obra
do convento e igresa das MM. Capuchinas, que el ideou e executou” (tradución ao
galego nosa).
Posiblemente ese é un factor pero hai outros:
a obra non é tan desprezable, ao contrario, é unha obra moi grande, con tres
puntos de onde toma a auga –A Fonte dos Frades, Nelle e un terceiro punto que
talvez sexa a Fonte dos Cristais/Fonte de santa Margarita-; vimos que non carece de monumentalidade e a
cuestión económica vai parella, fálase
na documentación manexada pola ilustre arquiveira coruñesa dun orzamento que
supera os 300.000 reais; e a iso sumémoslle un par de datos máis a ter en
conta: para empezar digamos que Fernando de Casas e Novoa está na flor da vida
–arredor dos corenta anos-, con enerxías como para acometer varias obras ao
tempo; doutra banda, no ano 1923 moi posiblemente non ten a aureola de
prestixio que o rodea hoxe en día, aínda tardará quince anos para chegar ao
cume da súa traxectoria, a fachada do Obradoiro, e ata o de agora –as
Capuchinas da Coruña- sempre traballaba con alguén, indicador de que debe
compartir (gloria e pecunio). Incluso aquí na Coruña, na documentación que
manexa Alfredo Vigo Trasancos (en La
Coruña y el siglo de las luces. La construcción de una Ciudad de Comercio (1700-1808)) figura traballando no
acueduto (ou na viaxe de Visma/de san
Pedro) con outro mestre, Francisco Velasco (o doutor Vigo Trasancos achega
un documento de 1730 que di literalmente: “En este Ayuntamiento se ha visto un
memorial del Sr. Francisco Velasco y Fernando de Casas maestros a cuio cargo
estuvo la grande obra de la fuente
de los Cristales por que piden la satisfacción de 7142 reales y 10 maravedís de
vellón, resto de la obra que hicieron y la ciudad acordó...” (negriña nosa). Está claro que non pode permitirse o luxo de
traballar en balde ou por motivos espirituais (cita neste sentido o señor Vigo a
Domingo de Andrade, quen traballou no convento das capuchinas uns 55 anos antes “por su devoción y sin interés ninguno”). Non, non é o caso do
escultor Casas e Nóvoa, quen –á marxe das comúns motivacións- ten moitas bocas
que alimentar: tivo cinco fillos e a algún sabemos que lle deu carreira (pasou
á historia un licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago).
Descubrín onte o teu blog e gustoume moito. Sobretodo este artículo. Sabes onde se pode consultar o mapa de Felipe Gianzo?
ResponderEliminarPonte en contacto comigo. Mándame unha carta ao IES 'Eusebio da Guarda'. Son Charo Soto Arias. Sinto tardar tanto en ver o teu comentario.
ResponderEliminarBoas!
ResponderEliminarEstou investigando sobre a toponimia da Coruña e levo tempo detrás da pista do mapa de Felipe Gianzo, mais non o atopo por ningures en formato dixital no tamaño que ti empregas nesta entrada. Como podería conseguilo?
Grazas!