ENTREVISTA AOS AMIGOS. ENTREVISTA A
JUAN MANUEL TRIGO ESPIÑEIRA
Mª R. Soto: -Moitas grazas, Juan Manuel, por
dedicarnos unha parte do teu tempo. Sei que traballas a dúas mans, coma o boi
do pobre, se me permites a expresión. Necesitabamos moitas veces días de 30
horas: para cumprir coa profesión, coa familia, cos amigos, e no teu caso, para
o labor social. Fálanos desa asociación da que formas parte fundacional,
INGADA.
- A Fundación INGADA, constitúese para dar axuda a todas aquelas persoas, tanto nenos,
nenas como adultos, así como as súas familias que padezan o trastorno de Déficit
de Atención, con ou sen hiperactividade, así como tódolos trastornos asociados
aos mesmos. Tratase dun instituto non que converxen diferentes profesionais
galegos dá saúde, educación, xuristas, economistas, etc., que se uniron nun
equipo para -como dixen antes- axudar a aqueles que estean afectados polo TDAH.
-O tempo que lle estades dedicando é un tempo
produtivo. Medrastes a ollos vista. Dicíasme este día, cando vos acompañei a
Santiago a asinar o Convenio na Consellería, que xa lograstes comunicar o voso
proxecto a non sei cantas familias...
- É certo, constituímonos en xaneiro de 2014
na Coruña, e fómonos expandindo polo resto de Galicia. A día de hoxe, e por
poñerche un exemplo, só na provincia da Coruña atendemos a mais de catrocentas
familias, e seguimos sumando.
-Concrétanos datos sobre ese Convenio asinado
o luns 28.
- O convenio asinado esta mañá, pola
Consellería de Educación, a Fundación
María José Jove e a Fundación INGADA, trata de dar formación especifica sobre o
TDAH e os trastornos asociados ao mesmo, a tódolos profesores de toda Galicia.
É o segundo ano que os estamos realizando e vista a experiencia do pasado ano,
volvémonos xuntar para seguir dando esta
cobertura ao profesorado. Hai que ter en conta que os mestres, profesores,
educadores dos colexios ou institutos, deberían de ser os primeiros en detectar
un posible TDAH nas súas aulas, pasan moitas horas cos alumnos e ven as
primeiras alarmas. Se calquera docente está capacitado para poder detectar nas
súas aulas estes trastornos, é mais fácil poder traballar co alumno desde
pequeno, dándolle recursos para que se poida manexar perfectamente nun futuro.
Nos cursos trátanse tanto a parte clínica como
a pedagóxica, dándolle por suposto máis protagonismo a esta última, e incidindo
en todos os problemas asociados ao TDAH nas escolas(exclusión , ansiedade,
frustación, agresividade...).
(Foto tomada na Consellería, en san Caetano, o día da sinatura do convenio aludido na entrevista: vemos dous membros do Goberno Autonómico -o Conselleiro de Cultura, Educación e O. U. e mais o Director Xeral de Educación-, membros da Fundación Ingada, un membro da familia Jove e un noso ex alumno gaiteiro)
-No camiño de volta á Coruña contábasme que a
OMS (Organización Mundial da Saúde) está trazando parámetros comúns, digámolo
así, aos tres trastornos interrelacionables: autismo, TDA/TDAH e Asperxer. É
así?
- En certa medida. Estes tres trastornos teñen
certos trazos comúns entre eles . Por exemplo entre un neno con TDAH e outro
con trastorno do espectro autista (TEA), sobre todo o Asperger, existen
coincidencias como problemas de atención, condutas hiperactivas-impulsivas,
dificultade para interpretar os sentimentos, falta de empatía (máis acusada en
nenos con Asperger). Tanto os nenos con
TDAH como con Autismo presentan problemas na súa función executiva (falta de
planificación, organización). Tamén hai outra gran coincidencia e é que existen
marcadores xenéticos comúns entre o TDAH e o TEA.
Como ves hai tantas coincidencias que nalgúns
casos é difícil sacar un diagnóstico claro, sobre todo en nenos moi pequenos.
-Todos os que formamos parte dunha Comunidade
Educativa actual, nun país do chamado primeiro mundo, europeo e democrático,
sabemos que un alumno con TDA, por poñer un exemplo, necesitaría unha ensinanza
individualizada nunha medida importante (graduable pero importante). Mais a
realidade manda moito: falemos dun caso concreto: supoñamos que eu teño un
alumno con TDA en segundo de bacharelato, e teño por lei que dar doce temas de
literatura, seis de sociolingüística, varios temas substanciais de lingua e
logo a praxe, a práctica nuclear do comentario dun texto. Póñome eu como
exemplo, pero cada materia de segundo de bacharelato ten un programa igualmente
denso. Está claro que se a este programa lle sumas a cantidade de rapaces por
aula (30, 31 este curso), vese que hai algo que non cadra... Ou desviamos a
eses alumnos fóra do bacharelato ou necesitamos itinerarios ad hoc. Cal é a túa
opinión ao respecto?
- Eu creo que os alumnos con TDA-H poden facer
o mesmo que fan todos os demais, porque a súa capacidade non está mermada, e
nalgúns aspectos poida que teñan incluso máis.
Son alumnos aos que non lles tes que pedir menos, pero que presentan un
trastorno que lles impide demostrar todo o que saben, por iso hai que axudalos
precisamente a iso, a demostrar a súa valía.
Quérese
dicir con isto que cada alumno é distinto e coas súas peculiaridades, pero a
integración nas aulas é importante. O TDAH é un trastorno de execución, de
rendemento, pero non de aprendizaxe. Con todo, os actuais modelos escolares
complican bastante o éxito escolar destes alumnos. O sistema educativo
tradicional céntrase nos aspectos negativos do trastorno, cando en realidade
moitos dos que o padecen teñen un alto coeficiente intelectual e poden mesmo
alcanzar mellores cualificacións que os seus compañeiros cun mínimo de
atención. Cada neno e adolescente é distinto, coa súa propia historia persoal
e, sen dúbida, ten moito máis que ofrecer que unha mera clasificación como
paciente con TDAH.
É moi probable que non se poidan adaptar ao
sistema educativo: non será entón que se
debe adaptar ese sistema a eles? Esta é
a pregunta que moitos adolescentes poderán estarse a facer nestes momentos.
Xa sabemos que a adaptación metodolóxica e dos
exames supón un pequeno traballo extra, xa que ademais como ti dis hai que
atender a 25 rapaces máis, e depéndese en moitos casos da propia disposición do
profesorado. Tamén se sabe que para algúns a adaptación metodolóxica na aula é
suficiente pero tamén hai outros que
requiren unha adaptación curricular, pero en todo caso, ¿especifica? O mellor
sen dúbida, serán as medidas o máis individualizadas posibles para dar mellor
resposta educativa. Isto faralles subir a súa autoestima, porque os fará
sentirse máis útiles, á vez que os demais alumnos os valorarán e respectarán máis.
En definitiva, as escolas deben ser inclusivas, nunca
excluíntes, aínda que iso non impida ter en casos concretos que optar por
adaptacións curriculares pero sempre específicas ao alumno.
-Agora gustaríame que os nosos lectores,
especialmente aqueles que se están formando, que van pouco a pouco moldeando un
ser social, consciente, reflexivo e solidario, se ilustrasen lendo algo
adecuado, conforme a este tema, ou vendo películas... Pódesnos aconsellar?
- Respecto dunha película, eu
recomendaría “MOMMY”. Foi galardoada con
varios premios en festivais de cinema
.
O argumento xira ao redor de Steve , un
adolescente que perdeu ao seu pai de maneira repentina, a partir de entón
empeza a ter alteración de conduta, hiperactividade, déficit de atención, falta
de control de impulsos e diagnostícanlle TDAH. A súa nai, Diane, trata de saír
adiante, pero vese obrigada a internar a Steve nun centro. A película comeza
cando a súa nai volve levar o seu fillo
a casa para tratar de darlle outra oportunidade de faceren a súa vida xuntos.
Un libro: “Atravesando as portas do autismo”,
que narra as experiencias de Temple Grandin. Hai tamen unha película sobre a
súa vida, “Temple Grandin”
-Moitas grazas polo labor que realizades desde
INGADA. A vós e ao mecenado que exercen algunhas boas familias coruñesas.
Confiemos tamén en que nas nosas Institucións autonómicas aumente sempre o
interese e vontade política para mellorar na integración deste alumnado
aludido.