luns, 12 de outubro de 2015

ENTREVISTAS AOS AMIGOS



ENTREVISTA AOS AMIGOS. ENTREVISTA A JUAN MANUEL TRIGO ESPIÑEIRA

Mª R. Soto: -Moitas grazas, Juan Manuel, por dedicarnos unha parte do teu tempo. Sei que traballas a dúas mans, coma o boi do pobre, se me permites a expresión. Necesitabamos moitas veces días de 30 horas: para cumprir coa profesión, coa familia, cos amigos, e no teu caso, para o labor social. Fálanos desa asociación da que formas parte fundacional, INGADA.

- A Fundación INGADA, constitúese para  dar axuda a todas aquelas persoas, tanto nenos, nenas como adultos, así como as súas familias que padezan o trastorno de Déficit de Atención, con ou sen hiperactividade, así como tódolos trastornos asociados aos mesmos. Tratase dun instituto non que converxen diferentes profesionais galegos dá saúde, educación, xuristas, economistas, etc., que se uniron nun equipo para -como dixen antes- axudar a aqueles que estean afectados polo TDAH.

-O tempo que lle estades dedicando é un tempo produtivo. Medrastes a ollos vista. Dicíasme este día, cando vos acompañei a Santiago a asinar o Convenio na Consellería, que xa lograstes comunicar o voso proxecto a non sei cantas familias...

- É certo, constituímonos en xaneiro de 2014 na Coruña, e fómonos expandindo polo resto de Galicia. A día de hoxe, e por poñerche un exemplo, só na provincia da Coruña atendemos a mais de catrocentas familias, e seguimos sumando.

-Concrétanos datos sobre ese Convenio asinado o luns 28.

- O convenio asinado esta mañá, pola Consellería de Educación, a  Fundación María José Jove e a Fundación INGADA, trata de dar formación especifica sobre o TDAH e os trastornos asociados ao mesmo, a tódolos profesores de toda Galicia. É o segundo ano que os estamos realizando e vista a experiencia do pasado ano, volvémonos  xuntar para seguir dando esta cobertura ao profesorado. Hai que ter en conta que os mestres, profesores, educadores dos colexios ou institutos, deberían de ser os primeiros en detectar un posible TDAH nas súas aulas, pasan moitas horas cos alumnos e ven as primeiras alarmas. Se calquera docente está capacitado para poder detectar nas súas aulas estes trastornos, é mais fácil poder traballar co alumno desde pequeno, dándolle recursos para que se poida manexar  perfectamente nun futuro.
Nos cursos trátanse tanto a parte clínica como a pedagóxica, dándolle por suposto máis protagonismo a esta última, e incidindo en todos os problemas asociados ao TDAH nas escolas(exclusión , ansiedade, frustación, agresividade...).



 (Foto tomada na Consellería, en san Caetano, o día da sinatura do convenio aludido na entrevista: vemos dous membros do Goberno Autonómico -o Conselleiro de Cultura, Educación e O. U. e mais o Director Xeral de Educación-, membros da Fundación Ingada, un membro da familia Jove e un noso ex alumno gaiteiro)

-No camiño de volta á Coruña contábasme que a OMS (Organización Mundial da Saúde) está trazando parámetros comúns, digámolo así, aos tres trastornos interrelacionables: autismo, TDA/TDAH e Asperxer. É así?

- En certa medida. Estes tres trastornos teñen certos trazos comúns entre eles . Por exemplo entre un neno con TDAH e outro con trastorno do espectro autista (TEA), sobre todo o Asperger, existen coincidencias como problemas de atención, condutas hiperactivas-impulsivas, dificultade para interpretar os sentimentos, falta de empatía (máis acusada en nenos con Asperger).  Tanto os nenos con TDAH como con Autismo presentan problemas na súa función executiva (falta de planificación, organización). Tamén hai outra gran coincidencia e é que existen marcadores xenéticos comúns entre o TDAH e o TEA.
Como ves hai tantas coincidencias que nalgúns casos é difícil sacar un diagnóstico claro, sobre todo en nenos moi pequenos.

-Todos os que formamos parte dunha Comunidade Educativa actual, nun país do chamado primeiro mundo, europeo e democrático, sabemos que un alumno con TDA, por poñer un exemplo, necesitaría unha ensinanza individualizada nunha medida importante (graduable pero importante). Mais a realidade manda moito: falemos dun caso concreto: supoñamos que eu teño un alumno con TDA en segundo de bacharelato, e teño por lei que dar doce temas de literatura, seis de sociolingüística, varios temas substanciais de lingua e logo a praxe, a práctica nuclear do comentario dun texto. Póñome eu como exemplo, pero cada materia de segundo de bacharelato ten un programa igualmente denso. Está claro que se a este programa lle sumas a cantidade de rapaces por aula (30, 31 este curso), vese que hai algo que non cadra... Ou desviamos a eses alumnos fóra do bacharelato ou necesitamos itinerarios ad hoc. Cal é a túa opinión ao respecto?

- Eu creo que os alumnos con TDA-H poden facer o mesmo que fan todos os demais, porque a súa capacidade non está mermada, e nalgúns aspectos poida que teñan incluso máis.  Son alumnos aos que non lles tes que pedir menos, pero que presentan un trastorno que lles impide demostrar todo o que saben, por iso hai que axudalos precisamente a iso, a demostrar a súa valía.
 Quérese dicir con isto que cada alumno é distinto e coas súas peculiaridades, pero a integración nas aulas é importante. O TDAH é un trastorno de execución, de rendemento, pero non de aprendizaxe. Con todo, os actuais modelos escolares complican bastante o éxito escolar destes alumnos. O sistema educativo tradicional céntrase nos aspectos negativos do trastorno, cando en realidade moitos dos que o padecen teñen un alto coeficiente intelectual e poden mesmo alcanzar mellores cualificacións que os seus compañeiros cun mínimo de atención. Cada neno e adolescente é distinto, coa súa propia historia persoal e, sen dúbida, ten moito máis que ofrecer que unha mera clasificación como paciente con TDAH.
É moi probable que non se poidan adaptar ao sistema educativo:  non será entón que se debe adaptar ese sistema  a eles? Esta é a pregunta que moitos adolescentes poderán estarse a facer nestes momentos.
Xa sabemos que a adaptación metodolóxica e dos exames supón un pequeno traballo extra, xa que ademais como ti dis hai que atender a 25 rapaces máis, e depéndese en moitos casos da propia disposición do profesorado. Tamén se sabe que para algúns a adaptación metodolóxica na aula é suficiente pero  tamén hai outros que requiren unha adaptación curricular, pero en todo caso, ¿especifica? O mellor sen dúbida, serán as medidas o máis individualizadas posibles para dar mellor resposta educativa. Isto faralles subir a súa autoestima, porque os fará sentirse máis útiles, á vez que os demais alumnos os valorarán e respectarán máis.
En definitiva,  as escolas deben ser inclusivas, nunca excluíntes, aínda que iso non impida ter en casos concretos que optar por adaptacións curriculares pero sempre específicas ao alumno.

-Agora gustaríame que os nosos lectores, especialmente aqueles que se están formando, que van pouco a pouco moldeando un ser social, consciente, reflexivo e solidario, se ilustrasen lendo algo adecuado, conforme a este tema, ou vendo películas... Pódesnos aconsellar?

- Respecto dunha película, eu recomendaría  “MOMMY”. Foi galardoada con varios premios en festivais de cinema


.
O argumento xira ao redor de Steve , un adolescente que perdeu ao seu pai de maneira repentina, a partir de entón empeza a ter alteración de conduta, hiperactividade, déficit de atención, falta de control de impulsos e diagnostícanlle TDAH. A súa nai, Diane, trata de saír adiante, pero vese obrigada a internar a Steve nun centro. A película comeza cando a súa nai volve  levar o seu fillo a casa para tratar de darlle outra oportunidade  de faceren a súa vida xuntos.
Un libro: “Atravesando as portas do autismo”, que narra as experiencias de Temple Grandin. Hai tamen unha película sobre a súa vida, “Temple Grandin”

-Moitas grazas polo labor que realizades desde INGADA. A vós e ao mecenado que exercen algunhas boas familias coruñesas. Confiemos tamén en que nas nosas Institucións autonómicas aumente sempre o interese e vontade política para mellorar na integración deste alumnado aludido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario