domingo, 1 de novembro de 2015

A CORUÑA



125 ANIVERSARIO (I)


Como sabedes, celebramos que se cumpren 125 anos des que se inaugurara o primeiro curso académico, o día 1 de outubro de 1890, no edificio no que hoxe está o Instituto ‘Eusebio da Guarda’, un edificio sito na Praza de Pontevedra, case no corazón da Coruña, que fora feito mercé –entre outros factores claves-  ao mecenado do coruñés D. Eusebio da Guarda González.  Son cento vinte e cinco anos de docencia nesta histórica sé.  Este día, antes de comezar a reunión do Club de Lectura, varios de nós baixamos á Praza de Pontevedra para facer unha foto diante da estatua do mecenas.

 (Foto tomada da Internet. A estatua do mecenas aparece no medio e medio da praza. Non sabemos exactamente a data, mais si sabemos que nese ángulo do fondo houbo un hospital, El Pilar, nos anos 50, e onde se ve o toldo nós coñecimos o café Unión,onde se xogaba ao xadrez)


E limos logo un fragmento dun libro vello, escrito no ano 1930, onde o señor Félix Estrada Catoyra, autor dunha Contribución a la Historia de La Coruña, relembra daqueles días pasados en que os coruñeses lle tributaron homenaxe ao filántropo.

 (Foto tomada da Internet, esta é de primeiros anos do XX, a estatua do mecenas Eusebio da Guarda está diante da fachada principal; fixádevos en que o edificio está exento; tardará aínda máis de 50 anos en construírse o chamado pavillón novo hoxe en día)

No mes de Xuño [ano 1891] inaugurouse a estatua que A Coruña dedicou ao filántropo D. Eusebio da Guarda, asistindo a Directiva a este acto, ao que concorreron os centros docentes e numeroso público, amenizando o orfeón “El Eco” este festival. O Alcalde don José Marchessi Dalmau, pronunciou o discurso de inauguración, ao que seguiu outro do Director do Instituto don José Pérez Ballesteros, encomiando ambos os dous o desprendimento e xenerosidade do señor Da Guarda. O Gobernador civil, don Aureliano Linares Rivas, resumiu ambos os dous discursos coa súa habitual elocuencia. Seguidamente descubriu a estatua o señor Marchessi, Presidente da Comisión encargada da execución do monumento, e o Secretario da mesma don Ricardo Caruncho pronunciou un fermoso discurso.

O monumento foi obra do artista don Elías Martín e do arquitecto don Faustino Domínguez, reservándonos a crítica do sinxelo e pobre monumento, en relación coa xenerosidade de don Eusebio Da Guarda, o grande filántropo, que cremos merecía algo máis en proba da gratitude da súa cidade natal (pp. 145-6 da citada obra, tradución ao galego nosa).

 (Foto tomada da Internet)

Cando Estrada Catoira fala de Directiva, refírese á do Circo de Artesanos, nome co que era daquela coñecida a Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña, unha sociedade da que el  foi Director e está sendo cronista cando escribe o libro. A verdade é que nos seus 83 anos de existencia (ata o momento de tomar F. Estrada a pluma), esa sociedade fixo moitas cousas: celebrou festas de antroido, enterros estupendos da sardiña, honrou as celebridades patrias (Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, María Barbeito, Curros Enríquez, Daniel Carballo, Miguel de Unamuno...);  foi o espazo onde se deron interesantes conferencias, onde celebraran importantes xuntanzas os académicos da RAG; axudou cando houbo pestes, vítimas das guerras, incendios tremendos... E contribuíu a erguer estatuas e poñer placas conmemorativas. Este libro, unha pequena parte do cal damos a coñecer, non deixa de ser curioso e moi rico para sabermos máis da ártabra cidade.

 (Foto feita por Pedro Rodríguez Porca. A estatua na súa situación actual, rodeada dunha columnata que non chegou a ver Estrada Catoira; os alumnos son de bacharelato; a rapaza é da nova fornada do Club de Lectura, de primeiro da ESO. Falta unha foto doutra colocación da que nós fomos testemuñas: no medio e medio do lado que forma L coa fachada do Instituto, preto da rúa do santo André)

(Circo de Artesáns, sito na rúa do santo André, a foto -tomada da Internet- foi feita no ano 1938, pouco despois da publicación do libro do académico Félix Estrada, quen chegou a ser Director desta sociedade)


Ningún comentario:

Publicar un comentario