domingo, 29 de novembro de 2015

ENTREVISTAS A HOMES QUE AMAN CORUÑA



ENTREVISTAS A HOMES QUE AMAN CORUÑA.


ENTREVISTA A ISMAEL VELO PENSADO.


Mª Rosario Soto:- Moitas grazas, señor  Velo, por concedernos unha parte do seu ocupado tempo. É moi de agradecer a súa amabilidade para connosco. Por favor, dígalle aos nosos alumnos quen é vostede, preséntese vostede mesmo, se lle parece ben.


-Son un crego, que tivo e teño interese pola formación na súa especialidade. Actualmente son capelán das Irmáns Clarisas Capuchinas e cóengo arquiveiro e bibliotecario na Colexiata.




-Recórdelle aos nosos mozos (demasiado novos, quizais algo desinteresados, ou pouco conscientes de como podemos viaxar gratis na máquina do tempo grazas a un bo mapa ou grazas ás palabras xustas dun experto no tema) como era a Coruña daquel tempo, cando se bautizou a igrexa de santa María co engadido do campo.


-A igrexa de Santa María foi primeiro unha ermida situada nun dos altos da xeografía da illa na antigüidade e posterior península. A poboación estaba ao abrigo do vento norte con caída ao mediodía. Por tanto a ermida podía ser vista polos mariñeiros dende o mar. Nela estaba a imaxe da Virxe da Estrela. As estrelas eran guías dos mariñeiros nas noites claras e pola luz da torre de Hércules. A cidade tivo as primeiras murallas nesa pendente de terreo cara ó sol de mediodía; a cidade romana, de comerciantes coloniais, Brigantium, presenta aínda o cardo maximus na actual rúa de Damas en dirección norte sur; pola parte de arriba quedaba un amplo campo, no que estaba situada no sitio posible dunha ara romana ao deus Neptuno. Por iso se chama Santa María do Campo. No Museo Arqueolóxico hai depositada unha ara romana a Neptuno.


-Unha das cousas que máis me gustou oírlle este día atrás no seu despacho foi a súa hipótese sobre o étimo da Coruña. Podería repetilo aquí e agora?


-O prefixo Cor, moi común na península ibérica, fai pensar en un nome prelatino.  Pero a similitude con unha poboación romana Clunium, que se converteu en Coruña del Conde, fai pensar algo semellante na Coruña. Os monxes cistercienses, que en 1140 estaban en Galicia, puidese ser que estivesen aquí e tratarían de converter aos xudeus, que vivían no entorno dese espazo libre da torre de Hércules e mais cerca da cidade dende a antiga diáspora. De feito nese espazo estaba a primitiva igrexa parroquial de San Xoán Bautista, formada por cristiáns inmigrantes e convertidos de entre os indíxenas. Os monxes pensarían no lugar da súa orixe Clunium de Francia. Un capítulo de monxes estaría representado no tímpano da porta sur da Colexiata.

(Fragmento dun mapa feito por Pedro Teixeira no ano 1634, tomado da Internet; a foto de arriba, na que vemos o sabio señor Velo Pensado no seu despacho, foi feita por Charo Soto)


-Vostede tivo a xentileza de agasallarme cun apeo, transcrito por vostede,  sobre a coruñesa parroquia de Ferreira feito en 1555. Os apeos son útiles para os historiadores, claro, mais tamén para os lingüistas e afeccionados á toponimia. Sen ir máis lonxe, e con perdón, leo que nesa parroquia había unha pedra sacapeidos: todos sabemos de pedras boas para o reuma, os cadrís, incluso teño oído falar das benzoares, pero esta  especie de pedra terapéutica é unha total novidade para o meu saber.  Díganos, eran frecuentes estes apeos?


-Os apeos  non son moi correntes, pero tamén os hai e son interesantes. Un apeo é un inventario, con autorización xudicial, de bens inmobles.


-Recordaba vostede na conversa que hai un personaxe nunha obra de Lope de Vega que cita á Coruña... E tamén me falara dun galego amigo de san Francisco Javier por eses mundos distantes de Asia...


-Lope de Vega estivo aquí,  chegou á Coruña o 23 de xuño de 1588 na Armada chamada Invencible. Debeu pasar cerca da Colexiata e viu saír e entrar na Cátedra de Gramática. Pensou nunha universidade. No Caballero de Olmedo un personaxe preséntase como que estudara na Coruña.

Un cóengo da Colexiata, chamado Xoán de Veira, uniuse a uns xesuítas flamencos, que chegaron ao porto da Coruña e despois foron a pé camiño de Santiago; aportou unha mula que tiña. Despois foron ata Coimbra en Portugal. Dende Lisboa navegaron ata a India e o Pacífico. Xoán de Veira seguramente pensaba en obter noticias sobre navegantes, que saíron da Coruña en ruta para as illas Molucas e non se soubo máis deles. Alí foi compañeiro de Francisco Javier.


-Segue acudindo ao Arquivo do Vello Reino de Galicia polas tardes? Que é o que investiga agora, se pode saberse?


 -No ano 1980 repasei tódalas fichas do Arquivo do Reino de Galicia para encontrar a documentación sobre A Coruña no século XVI. De paso anotei as que pertencían ás parroquias do entorno da ría do Burgo na idade moderna. Lin a documentación da Coruña no século XVI e agora leo a das parroquias.


-Fálenos do paraíso, para rematar, se é posible... Imaxine que vai ao paraíso (como aqueles navegantes medievais) e ten necesariamente que cambiar alí de oficio. Cal outro escollería? Ou díganos simplemente, como imaxina vostede o paraíso?


-Me gustaría ser médico ou músico, non sei se chegaría a ser. O paraíso paréceme que é coñecer a verdade. Se se pode ver en visión intuitiva, sería o paraíso.


-Moitas grazas pola súa paciencia, señor Velo. Desexámoslle o mellor no futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario