domingo, 20 de decembro de 2015

CLUB DE LECTURA



CLUB DE LECTURA

 (As catro rapazas do Club de Lectura dos xoves, todas de 2º da ESO, arredor de Ana, a profesora de Lingua castelá que ese día nos honrara coa súa presenza)
 
As rapazas, todas boas lectoras, do Club de Lectura dos xoves –as derradeiras en entrar a formar parte dun club baixo a miña éxida-, leron o cómic de Miguelanxo Prado A casa dos Pampín.

-E que? Gustouvos?

Uxía: -Gustoume, si. Ten así un aspecto crítico... Un pouco sobre a sociedade de consumo...

Michelle: -Adianto unha conclusión: “As herdanzas sempre dan problemas”.

Son alumnas moi reflexivas. Falamos un pouco sobre o tema principal do libro. Unha delas dinos que o apelido Pampín está na súa familia; teno unha avoa súa, do lugar da Bandeira, próximo a Silleda (Pontevedra). Eu sei do pimpín, o nome dunha bonita ave, pero non creo que teña nada que ver. Como antropónimo, máis ben relacionaría este Pampín coa vella Pampilona, con nomes coma Pomponio ou topónimos coma Pompeia, incluso. Hai que mirar no libro de Nicandro Ares.

 (Imaxe final do cómic. Unha das rapazas do Club identifica perfectamente o noso Instituto)

Logo falamos dos personaxes, comentan que a muller lles resultou graciosa, quizais pola situación que vive. Di Michelle que o home quere sacar o máximo proveito pero que ás veces é un inocente ou un parvo.

 (Presenza da Coruña na obra: estadio de Riazor)

Interrógolles sobre os valores etnográficos: no libro fálase dun castro... Relembran perfectamente que o home da Xunta dilles aos protagonistas que se esperan encontrar tesouros, van dados. Como moito atoparán un anaco de cerámica. Entón vénme á mente o relato de Delibes (“El tesoro”), pequena peza case mestra, sobre castros e cobizas e outros vicios tan humanos e recoméndolles a súa lectura.
Falamos daquela do contexto:

-Que cidade pensades que aparece reflictida?

Non se fixaran. Cando se decatan de que aparece Coruña debuxada, quero que me digan por que Miguelanxo a escollería. Non caían na conta de que o autor é coruñés: nacido e criado nos Mallos, dígolles.

 (A Coruña na obra: o vello Garás? Sería a actual av. de Linares Rivas)
 
[O que non lles dixen, pero dígovolo eu a todos vós agora, é que o ano pasado, prevendo que podiamos ler esta súa obra –hai exemplares largos na nosa Biblioteca- puxémonos desde o Club de Lectura en contacto co autor e este confesounos dous pequenos segredos: un, que o nome Pampín viñéralle por un sistema de Corte e Confección que noutrora fora moi publicitado entre nós, aquí na Coruña, e segundo pequeno segredo: que a casa da portada do cómic relembraba un pouquichiño a súa propia casa, a fermosa casa estiño Mariñas do lugar con nome de bosque celta sagrado onde Miguelanxo vive cos seus].



Ningún comentario:

Publicar un comentario