- Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Máis ca do
primeiro que lin, tería que falar do primeiro que escoitei. Foi
cando eu tiña oito anos. Unha tarde, o
meu pai chegou á casa con dous libros nas mans. Sentada a familia
enteira á mesa da cociña,
papá amosounos a marabilla que traía: dous libros escritos en
galego, Merlín
e familia
e Á
lus do candil, un préstamo dun
encadernador do que era moi amigo.
O meu
pai leunos algunhas páxinas en voz alta, que escoitamos cunha
emoción semellante á do primeiro europeo que viu cisnes negros en
terras australianas. Había
libros de verdade escritos en
galego!
Deses títulos, que estiveron varios días na casa, lin pola miña
conta algúns dos relatos de Ánxel Fole. Esa foi a miña primeira
lectura en galego.
O primeiro libro completo tardei ben máis tempo
en lelo. Foi
Cantares
gallegos,
sendo eu xa adolescente, nunha edición perdida na biblioteca da
Universidade Laboral de Xixón. A gran Rosalía, sen intermediarios,
desvelándome o seu xenio e sinalándome o camiño!
- E en castelán?
Se non
conto a grande cantidade de tebeos
que
lin, tanto de humor como de aventuras, o primeiro libro que lembro
ler enteiro foi La
isla misteriosa,
de Jules Verne. Formaba parte da reducida "biblioteca" do
meu pai, un lector voraz. Foi el quen me meteu as ganas de lelo,
contándome entusiasmado o que ía encontrar nel. Desde aquela
primeira lectura, é un libro mítico para min, ao que volvo cada
certo tempo.
- Un libro que fose especialmente importante na túa vida?
É difícil
limitarse a un só título, mais non teño dúbida: Punto
cero,
de José Ángel Valente. Foi un libro que merquei na Coruña, na
libraría Ágora. Era o ano 1972, acababa de publicarse. Nel Valente
reunía toda a poesía que publicara ata aquel momento.
Foi estraño
o que me sucedeu con ese libro, que lin e relín ata acabar sabendo
de memoria a maioría dos poemas. Sentíame reflectido neles, alí
estaban as palabras que explicaban a miña concepción da vida. Sigo
volvendo a el, así como aos libros que Valente publicou
posteriormente. Valente é, sen dúbida, o poeta da miña vida.
- Que libro che prestaría ler agora en galego?
Algúns que aínda non
existen, mais que poderían existir. Coma tal, un novo libro de
relatos de Méndez Ferrín. Ou unha novela inédita de Blanco Amor,
escrita nos meses derradeiros da súa vida. E, xaora, os libros que
Cunqueiro declarou estar a piques de rematar , aínda que nunca
chegou a escribilos.
- E en castelán?
Encantaríame
que se descubrise unha novela inédita de Juan Rulfo, aínda máis
fermosa ca o seu Pedro
Páramo.
- Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler á xente nova?
Hai tantos! O listado podería
ser interminable. Ademais, pola miña experiencia, sei que un título
que a alguén lle parece marabilloso pode non gustarlle a outro. Non
todos mozos teñen os mesmos gustos nin o mesmo nivel de lectura.
Citemos
algúns títulos: Narración
de Arthur Gordon Pym,
de Edgar Allan Poe; unha selección dos contos de Julio Cortázar;
Arnoia,
Arnoia,
de Méndez Ferrín; A
metamorfose,
de Franz Kafka; As
uvas da ira,
de John Steimbeck...
- Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
Se é amiga
ou amigo, seguro que xa leu moitos dos que eu agasallaría con gusto.
Tería que buscar unha delicatessen,
como Ardalén
de
Miguelanxo Prado. E, se xa o leu, a Antología
de Spoon River,
de Edgar Lee Masters ou os Crímenes
ejemplares,
de Max Aub.
- Que libro tés neste momento enriba da mesiña de noite ou no e-book?
Teño
varios, non son persoa de ter un só. Estes días ando con Olympia
Ring, 1934,
de Xabier López; con American
Noir,
unha selección de relatos dos mellores autores do xénero negro en
USA; e cos Días
de Nevada,
de Bernardo Atxaga.
- Que libro leva agardando moitos anos por ti?
Houbo un
tempo en que non tiña cartos para libros, debía conformarme con
velos nos andeis. Por algúns agardei anos, como Cartas
a Felice,
de Franz Kafka.
Agora é ao revés: hai
títulos na miña biblioteca que non sei se chegarei a ler algún
día. Tócalles agardar.
- Houbo algún textos ou autores que che quedasen na memoria para sempre?
Xaora que
houbo! Son eses libros, ou eses autores, que te marcan, sabes que xa
nunca os esquecerás. Velaquí algúns: Follas
novas,
de Rosalía de Castro; Rayuela,
de Julio Cortázar; todo Franz Kafka; Arraianos,
de Méndez Ferrín; todo José Ángel Valente; varias novelas de
Roald Dahl; boa parte dos relatos de H. P. Lovecraft; Merlín
e familia,
de Álvaro Cunqueiro; os álbums de Miguelanxo Prado; a poesía de
Wislawa Szymborska; varias novelas de Robert Louis Stevenson...
- Uns versos dun dos teus poemas favoritos?
O poema
chámase "Sé tú mi límite", pertence ao libro La
memoria y los signos,
de José Ángel Valente. Velaquí os primeiros versos:
Tu cuerpo puede
llenar mi vida,
como puede tu risa
volar el muro opaco
de la tristeza.
Una sola palabra tuya
quiebra
la ciega
soledad en mil pedazos.
(...)
Agustín
Fernández Paz, escritor
(Sección Coordinada por Xosé P. Mondelo)
(Sección Coordinada por Xosé P. Mondelo)