domingo, 17 de abril de 2016

LENDO A



LENDO A CERVANTES

Aí atrás oín en ‘Saber y ganar’ unha pregunta sobre unha das novelas chamadas exemplares de Cervantes, a titulada La fuerza de la sangre. Decontado pensei que sería moi interesante traballar con ela na clase de ‘Oratoria aplicada’ (impártoa este ano por primeira vez, un pouco a título experimental, e entre outras actividades varias, cómprenos moito aprendérmonos a debater). Aproveitando, ademais, que estamos de celebración cervantina (400 anos transcorridos des que morrera o afamado autor en Madrid), debatemos tamén no grupo do Club de Lectura dos martes (4º ESO e 1º de bach).


Non sei se estades ao tanto de que vai o conto: Rodolfo rapta, acompañado dos amigos e compañeiros de troula da mocidade,  nos fociños dos pais a Leocadia cando esta ten  16 anos, fórzaa con  aleivosía no silencio da noite toledana dentro dun rico apousento da súa casa e logo devólvea a unha hora en que ninguén frecuenta as rúas para que regrese a casa. Diralle logo aos amigos que non houbo nada porque se arrepentiu a tempo. Ela, que non sabe que casa é esa, leva consigo, a furto,  un crucifixo como sinal. Na súa familia deciden calar a boca: se non se sabe é case coma se non sucedese, tal é o razoamento. Mais ela queda encinta: van á aldea e cando volven finxen que o rapaz é sobriño do pai, curmán de Leocadia. O neno medra coma un sol de bonito, un allo de listo e moi inquedo; nunha festa-carreira de cabalos sofre un accidente en plena rúa e fende a cabeza: o sangue flúe a cachón. E niso que pasa o avó paterno e veo. De inmediato recólleo, dándolle un pálpito o corazón , e lévao á casa. Chaman á nai e cando Leocadia entra na casa, ve o fatídico apousento, cae na conta, fala coa nai e logo confésalle á avoa paterna do fillo quen é e o que pasou, mostrándolle como proba o crucifixo. A señora manda vir de Italia o fillo, organiza un xantar arredor dunha mesa en que estará Leocadia, sen identificala. Eles míranse e gústanse (digamos que caen ambos os dous asaetados polo amor). A nai del dille que ten pensado casalo cunha muller de tales prendas pero fea e pídelle opinión: el responde sen quitar ollo a Leocadia que podendo escoller, xa que a fortuna lle deu facenda, honra, bo nome e tal e tal, prefire que a súa muller sexa fermosa. Antes de dar a benzón final á parella, a nai del chama os amigos e nun aparte rógalles que lle digan a verdade do que houbo 7 anos atrás. Eles confesan e ela por fin está certa de que Leocadia dicía a verdade. Casan e todos felices. As frases finais xustifican o título (porque o avó ao ver o sangue do rapaz sentiu latexante a forza do sangue do seu sangue).
Máis ou menos. Escuso dicirvos que o relato é áxil, os feitos sobre todo ao inicio están narrados cun ritmo prodixioso, en fin, lese moi ben. A cuestión-núcleo do debate é esta: E que me dicides, casariades vós co voso violador?

 
Antes de chegar ao núcleo, tratamos outras cuestións quizais periféricas coma, por exemplo, as diferenzas entre aquela sociedade e esta. Os rapaces viron claramente algunhas: aquela sociedade era moi clasista, dixeron. E acaso esta non?  Tras argumentar e sopesar certos indicadores de profundas brechas sociais, concluímos que as diferenzas eran máis acusadas daquela. Procuramos outros trazos diferenciadores . Daquela tiñan sentido da honra, dixo unha das rapazas. E agora non? Non vos importa que digan de vós que tal e que tumba, ou que falen mal da vosa familia, ou que digan de nós, como país, que isto e o de máis alá? Tamén aquí chegamos a unha especie de síntese: si que temos sentido da honra na sociedade do século XXI pero non depende da integridade física da muller naquela medida: entran en xogo outros parámetros (a honestidade no cumprimento dos nosos deberes familiares, cívicos, laborais etc.).

 (No Toboso. Excursión 'Ruta do Quijote' ano 2016)
 
Pero afórrovos discurso. Imos ao gran. Volvamos á pregunta: casariades vós co voso violador? Unanimemente rapaces e rapazas dixéronme que de ningunha maneira. É máis, non entendían a resolución de Leocadia. Había un certo ton de indignación xeneralizada. Igual vós mesmos, lectores meus agora, vos preguntades por que escollín este tema... Podía dicirvos e non mentiría que o Tema vén ás veces a un (a casualidade de estar vendo aquel programa da 2). É un tema importante: as mulleres violadas están aí, no planeta en guerra. Son parte dos danos colaterais. Son unha realidade viva. Un é parte dela. Eu son parte igual ca ti.
En calquera caso, veñamos ao bo. A Cervantes neste caso. Mirade –díxenlles_, imos procurar poñernos na pel de Leocadia, mellor, na pel do autor: Cervantes cultiva, ama, a verosimilitude. Como fai verosímil a decisión da muller? Esa é a gran pregunta literaria.  A ver...
Custoulles un montón dar coa resposta. A razón primeira, amor á primeira vista, saltou en boca dun rapaz. Gustáronse: houbo unha especie de frechazo entre Rodolfo e Leocadia. Marta protestaba, pero como pode ser, sabendo ela quen era el... Entón relembreilles uns versos do Edipo de Manuel María (a quen lle dedicaremos o mes de maio). Cito de memoria, O amor ten algo de milagre, rompe coas leis da lóxica... Non houbo réplica. Máis, máis argumentos... Quen é Rodolfo? O pai do seu fillo. Hai que poñerse na pel dunha muller “deshonrada” do século de ouro español. Non hai moitas posibilidades nin moito futuro. Converterá ao fillo bastardo nun lexítimo herdeiro dunha das primeiras fortunas da cidade de Toledo. Non é costal de palla (ou ‘moco de pavo’, en castelán). Queda inda na man un terceiro argumento. Leocadia podía calar e non darse a coñecer, pero faino: móvese, actúa, di quen é, comunícalle todo á nai e logo á futura sogra. Por que o fai? Quen lle manda? Faino libremente. Un argumento fundamental, complementario do primeiro. Cara e cruz dunha mesma moeda. O amor é amor se é libre. Coméntolle na sala de profesores estas cousiñas a Gundín (colega cervantista) e dime, tomade nota, boas palabras: As mulleres de Cervantes son as únicas mulleres realmente libres en toda a literatura española da época.
Ata aquí chegamos. Sería interesante criticar o carácter da nai de Rodolfo... Moi criticable,  colabora na mala educación do fillo (aparece coma un consentido, caprichoso, acostumado a telo todo moi doado só con triscar os dedos) e logo aínda necesita que os amigos lle confirmen todo aquilo: co fillo era con que tiña que encararse. Directamente. 


Máis gustoso desde o punto de vista histórico-literario sería elucubrar sobre se Cervantes pasou parte da súa vida en Toledo ou non. No artigo de Madroñal citado o domingo pasado dísenos que si (en varias ocasións: en 1587 e 1595, segundo documentos notariais publicados por Rodríguez de Gracia; en 1601 e 1602, segundo Canavaggio, e tamén entre 1604 a 1610 [San Román 1935]; de paso cómpre que relembremos que D. Miguel, con 37 anos, casou cunha muller de Esquivias, Toledo, de nome Catalina). Na novela exemplar que comentamos hai, ademais, datos precisos sobre o tempo que leva viaxar de Barcelona a Toledo (cando Rodolfo volve de Italia e desembarca en Barcelona): ábrese así un subtema non desprezable. Estivo Cervantes en Barcelona? Non sabemos con exactitude matemática que fixo os anos en que serviu de militar en Italia: é posible que viñese e desembarcase en Barcelona e que logo volvese a Italia antes da viaxe fatídica aquela en que o fan prisioneiro os arxelinos? Ou só estivo en Barcelona cando xa era un home maior, tal como di Riquer? El, o ilustre catalán, sabe ben o que di e afirma sen dúbida ningunha que Cervantes estivo na cidade condal (se trasladó a la ciudad catalana y allí del 5 al 10 de junio de 1610 intentó vanamente entrevistarse con el de Lemos, en “Cervantes: vida y literatura”, en Para leer a Cervantes). Dicíalle aos seus alumnos mirando o mar barcelonés: Aí, nesa ribeira, nesas praias, estivo don Quijote, ollou ese mar noso... Don Quijote e Don Miguel: “E miraremó-las ondas”. Descansen en paz todos tres, ai amigos. Martín Codax, Miguel de Cervantes, Martín de Riquer.


Ningún comentario:

Publicar un comentario