xoves, 23 de xuño de 2016

A CORUÑA

125 ANOS DE INSTITUTO DA GUARDA

Este ano celebramos 125 anos de Instituto da Guarda. Un acontecemento que ten un certo significado para a nosa cidade. Dedicarémoslle un par de capítulos no blog.
Con ese gallo a festa de final de curso foi especial. Faremos un breve percorrido con fotos. Todo ocorreu un mércores 22 de xuño do ano 2016...

(A xeira comeza con teatro de Manuel María: varios alumnos da ESO e de 1º bach. representan unha parte da Farsa de Bululú. No escenario -dadaísta, vede o trono- aparece a criada; trátase de Martina Roel Tomé, quen logo tamén fará de Ministro de Facenda; nun recanto pódese ver ao virtuoso do trombón de varas, Néstor Bolaños Acuña, soberbio; Martina leva na masa do sangue o teatro, é filla de actor e mais escenografista)

(Actuaron tamén: Lucía Vaamonde López, Marcos Fernández Martínez, Julia López de la Osa, Adrián Caridad Villar, Lidia López Campoamor -Clara Campoamor foi a súa tía-bisavoa-, Michelle Budiño Regueira, Paula Fiaño, Manuel Rioboo Otero e Ada Morlán Alcobre).

(Actores e profesores: Iria Otero e Eduardo Varela foron os artífices; ambos os dous son profesores de ética. Gustounos moito o alegato final: fixeron, ao xeito unamuniano, intervir ao final ao autor, e este -fai de Manuel María o rapaz de camisa branca- lanzou por aire os papeis do discurso teatral e dixo que de todas as filosofías posibles quedaramos coa vida: "vivide... vivide agora, denantes e mais despois". Non está nada mal. A vida por riba de todas as tiranías)

(E logo a festa. Festa rachada. Houbo postos de venda de doces, bebidas, caricaturas -parabéns a Martín, unha promesa da arte gráfica-, pulseiras, colares... o diñeiro era de época, moitos alumnos e profes viñeron de época...)

(Estrela de cinco puntas: no medio a Concelleira de Servizos Sociais e Educación do Concello da Coruña, Dª Silvia Cameán: esta institución brindounos axuda, tras a petición cursada por unha das organizadoras máximas da festa, Dª Mª Jesús Quintáns; estruturas coma o palco da música e os aparellos de son foron imprescindibles para termos unha boa festa; xunto á  concelleira vemos á nosa directora, Dª Isabel Ruso)

(Outras xoves promesas: tocaron varios temas de ACDC)

(Hai que felicitar tamén aos profesores-titores: o grao de colaboración foi exemplar)
(A vicedirectora, a concelleira e a directora)



(Estupenda a caracterización anos 50 da profesora Dª Ana Sierra)

(Mirade o xogo da ra... Aproveitei a ocasión para recordarlle á señora concelleira que non estaría mal recuperar ou revitalizar o xogo da chave, tan coruñés, tan popular... É unha mágoa que se perdan esas tradicións ancestrais; en Nova York, a un paso da biblioteca pública máis importante da metrópole, creo que se chamaba Bryan Park, vimos xogar a petanca...)

Ningún comentario:

Publicar un comentario