domingo, 19 de xuño de 2016

ENTREVISTAS FINAL DE CURSO



ENTREVISTAS DA MAN DOS ALUMNOS 


A semana pasada subimos unha entrevista feita por un dos nosos alumnos de ‘Oratoria Aplicada’. Non sei se vos dixen que é a primeira vez na vida que impartía esta materia optativa. E quizais sexa a derradeira porque se aproxima o tempo xubiloso e as novas experiencias hai que llas deixar aos que veñen detrás, aos novos. En calquera caso, deixádeme que vos explique minimamente como foi o conto. No primeiro trimestre traballamos especialmente a oralidade, o plano da expresión , discursiva, argumentativa e tamén literaria, poética sobre todo; no segundo traballamos máis coa comprensión de textos escritos (facendo fincapé na linguaxe xornalística e cinematográfica) e no terceiro trimestre dedicámonos á tipoloxía textual. Como exercicio final de curso escollimos a produción dun texto dialogado, e como modelo a entrevista. Eles escolleron o entrevistado (eu só puxen unha limitación: tres profesores como máximo, porque do contrario, todos escollían profesores, ou case todos...). Teño xa unhas dez entrevistas avaliadas.  É a miña intención –sempre con permiso dos entrevistados- dárvolas a ler. Esperemos que algo saquemos en limpo. De min só podo dicir que tiven en xeral uns alumnos (14 entre rapazas e rapaces) estupendos, auténticos, críticos, apaixonados do debate, duros ao axuizarme ás veces, fieis na asistencia. Deséxolles bo futuro a todos. Naturalmente que si.

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::


 (Entrevistador e entrevistado)


Entrevista a D. Diego Calvo Pouso (actual presidente do PP A Coruña)



Preguntas:



1-Que foi o que lle impulsou a entrar na política?

Cando era un neno, o alcalde do meu pobo, San Sadurniño, era un home moi traballador e sempre buscaba a colaboración dos mozos para facer cousas. Lembro que nos chamaba para axudarlle a colocar as sillas no salón de actos, ou a repartir calquera tipo de información polas casas… Así, pouco a pouco, vin que me gustaba a política, que entón e agora a concibo como un traballo para axudar á xente. En canto puiden anoteime en Novas Xeracións do Partido Popular, primeiro en Ferrol e logo en Santiago… e ata agora. Sempre conto que cando eu me afiliei ao PP foi nun momento en que o que estaba de moda era pertencer ao BNG, ser nacionalista, porque era o que facían boa parte dos mozos naquel momento. Pero eu quixen ser revolucionario e afilieime ao PP, porque era o partido do meu alcalde e tamén o partido no que eu me tiña formado. Creo, estou seguro, de que non me equivoquei.





2- Que cousas bota de menos na súa vida e das cales lle priva a súa profesión?

Clara e definitivamente, o tempo libre e o tempo para un mesmo. Cando estás nisto da política, pasas a ser escravo do pouco tempo libre que tes, porque nós non sabemos de horarios nin de entrada nin de salida. Por iso ás veces é duro escoitar esa frase de que “os políticos non fan nada”. Porque non é certo. Primeiro, porque non todos somos iguales e, segundo, porque traballamos moito, tanto cando a xente nos está a ver como cando non se nos ve tanto. Iso é probablemente porque estamos nos nosos despachos ao fronte dalgunha administración, facendo xestión… Pero volvendo ao que me preguntabas, boto en falta máis tempo libre para pasar coa miña familia e, sobre todo, co meu fillo.





3- Como político, cales son as accións das que máis orgulloso se sente?

Hai moitas cousas que lembro, a maioría que pasan desapercibidas pero que para min foron moi importantes. Porque cando traballas nisto, e tes un cargo público, podes axudar a moita xente en pequenas cousas que para eles son importantísimas e que para nós, desde a administración, son sinxelas de resolver. Esas pequenas accións que ves que son tan importantes para as persoas son as que te animan cada día a seguir traballando. Pero tamén me sinto orgulloso doutro tipo de cousas, como pode ser ter participado na que foi na primeira fusión de municipios que tivo lugar en Galicia, e en España, nos últimos 35 anos, a de Oza-Cesuras. E tamén de ser quen de xestionar a Deputación da Coruña para deixala moito mellor do que a atopamos. Porque cando nós, o Partido Popular, collimos o goberno da Deputación no ano 2011, atopamos unha administración saneada, pero que aínda arrastraba unha débeda bancaria importante. Traballamos en anos moi difíciles económicamente, pero nos propuxemos facer máis con menos e conseguimos deixar a débeda en cero, devolver unha administración completamente saneada, mellor que a que collimos, libre de cargas e que demostra, ao meu entender, un compromiso co futuro e co bo facer que debe imperar en política.





4- No que respecta á educación, cal é a súa opinión sobre a lei actual e a súa revalida de bacharelato?

A Educación é un tema moi complexo, importantísimo, fundamental nas nosas vidas e que nos afecta a todos. Por tanto, é lóxico que haxa moitas opinións e moitas formas de pensar. De tódolos xeitos, eu creo que non se interpretou moi ben a aplicación da Lomce, xa que o que se fixo este ano en terceiro de Primaria e en sexto de Primaria non foron reválidas: foron probas de avaliación sen ningún valor académico. O obxectivo destas probas non é outro que obter datos estadísticos do funcionamento da ensinanza na nosa comunidade autónoma. Eu persoalmente creo que é unha cousa boa, porque nos dá datos que nos poden axudar a mellorar a calidade da ensinanza, que é o que todos buscamos. De tódolos xeitos, tamén creo que houbo moita desinformación e nalgúns casos moita manipulación interesada. En canto á chamada reválida de Bacharelato, aínda queda por definir como será a súa implantación, pero está pensada tamén como unha avaliación para comprobar os coñecementos adquiridos polos alumnos. A min todo o que sexa mellorar a calidade do ensino dos nosos mozos paréceme ben.



5- Cal é para vostede a persoa que máis admira no ámbito da política? Por que?

Admiro ao concelleiro que se levanta todos os días pensando en que será o mellor para os seus veciños. A esa persoa que, sen recibir ningún salario nin máis recompensa que a satisfacción persoal, dedícase á política por vocación, para ofrecer un servizo público e tratar de facer deste mundo un lugar mellor para os seus fillos ou os seus netos. A maioría das persoas que nos adicamos á política pensamos así.  E esas persoas son as que realmente admiro.



6- Que opina sobre as redes sociais e que influencia cre que poden chegar a ter nunha campaña política?

Gústanme moito as redes sociais porque son unha forma única de poder chegar á xente, de poder comunicarte coas persoas que o desexen e, sobre todo, de poder escoitar o que te queren preguntar. Sei dos sus perigos, porque cando estás nas redes sociais estás moi exposto ás mentiras e ás críticas gratuítas, pero aínda así creo que é unha canle de comunicación moi importante e que temos que aproveitar. En campaña electoral a súa importancia pasa pola posibilidade de explicar as nosas propostas, que no caso do PP van sempre en positivo porque non buscamos a confrontación pola confrontación. Eu persoalmente só estou por agora en twitter (@DiegoCalvoPouso) porque leva moito tempo atender a todos as mensaxes ou comentarios que recibes, pero pronto me animarei tamén ao facebook.





7- Xa para rematar: Se nun futuro próximo tivese intención de presentarse á alcaldía da Coruña,  en que aspectos pensa que podería vostede contribuír para a mellora da nosa cidade?

Non se me pasou pola cabeza esa idea, pero supoño que se chegara o caso, aínda que xa che digo que non teño pensado nada semellante neste momento, creo que o primeiro que faría é tratar de sacar á cidade desta situación de parálise que sofre desde hai un ano. Desde que a Marea goberna no Concello de Coruña non se fixo nada, ningún proxecto novo, e o único que temos visto os cidadáns é como pretendían adiantarnos o cobro da contribución ou como gastaban recursos no cambio de nomes das rúas. Botamos en falta algo máis de xestión, de avance, de consolidar esta cidade como polo industrial e de servizos de Galicia e como unha cidade na que dá gusto vivir porque ofrece todas as comodidades aos seus veciños. O que tamén me preocupa é como se está a retrasar a tramitación da concesión de licencias de obra ou de apertura de novos locais. Iso é malo para a cidade, malo para a economía da cidade e, polo tanto, malo para todos os veciños.



Moitísimas grazas, señor Calvo, por dedicarnos parte do seu tempo.

Moitísimas grazas a ti por interesarte polo meu traballo. Encantado!



(Entrevistador: Adrián Méndez B. Alumno de 1º de bacharelato).



Ningún comentario:

Publicar un comentario