sábado, 23 de xullo de 2016

ENTREVISTAS



ENTREVISTAS A MULLERES QUE AMAN GALICIA

ENTREVISTA A Dª CARMEN PRIETO RAMOS, DIRECTORA DO ARQUIVO DO REINO DE GALICIA.


- Como se sente ao ser a primeira muller neste cargo?
-Considero que o feito de ser a primeira muller que accede á Dirección do Arquivo do Reino de Galicia é casual. No eido dos arquivos a presenza feminina é abundante e en consecuencia tamén en postos de responsabilidade. Ata agora o Arquivo do Reino de Galicia non contara con directoras, pero os Arquivos históricos provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra si estiveron dirixidos por mulleres con anterioridade.
É certo que a nivel xeral as mulleres tardaron bastante en acceder á dirección dos grandes arquivos, a pesar de que como técnicas e auxiliares  formaban parte do cadro de persoal de todos os centros arquivísticos. Así cando Rosario Parra pasou a ocupar o posto de directora do Arquivo Xeral de Indias en 1968 representou algo tan novidoso que ata o diario ABC se fixo eco desta nova.

- Díganos, por favor, onde estudou o bacharelato? Recorda con especial afecto a algunha profesora ou a algún profesor?
-Realicei os curso de bacharelato (o antigo BUP)  e COU no Instituto Martaguisela do Barco de Valdeorras (Ourense) e teño moi bo recordo tanto do centro coma dos compañeiros e profesores. En setembro do ano pasado organizouse  unha xornada de reencontro á que asistimos máis de 80 ex-alumnos e 12 profesores. Resultou unha experiencia tan agradable para todos que xa se está falando de repetila.
Non obstante,  de todos eles teño un recordo especial da profesora de Bioloxía de 1º de BUP, a profesora de Matemáticas de 3º de BUP e COU e do profesor de Historia da Arte de COU, xa que nestes casos confluíron en maior medida un alto nivel de aprendizaxe e boa sintonía a nivel humano.

 (Fachada do edificio sé do Arquivo do Reino de Galicia, con parte do Xardín de san Carlos diante, rodeado este á súa vez pola vella muralla que cinxía a Coruña antiga; todas as fotos foron tomadas da Internet)

- Como inflúe na súa vida ter este posto de responsabilidade?
É grato formar parte dun centro con unha traxectoria tan ampla e que dende o século XVIII constitúe unha presenza permanente na cidade da Coruña e ten representatividade en toda Galicia;  polo que pasaron persoeiros tan destacados como Manuel Murguía (director do Arquivo ) e Vicente Álvarez de Neira (director do Arquivo e un dos fundadores do Colexio de Avogados da Coruña).
Xestionar e representar este centro é unha gran reponsabilidade pero tamén unha honra: seguir a traballar por manter e difundir o patrimonio documental de Galicia, así como prestar un  bo servizo á cidadanía. Para isto por sorte o Arquivo do Reino de Galicia conta  cunha traxectoria longa e consolidada,  un persoal  moi profesional ao que lle gusta o seu traballo e ilusión por seguir facendo cousas novas.

- Agora mesmo, que está lendo?
Estou alternando tres libros, todos eles relativos a persoas que conseguiron realizar os seus soños a base de perseveranza e que están relacionados con expedicións:
-A biografía de Mary Kingsley, a denominada raíña de África, que en 1893 marchou soa a África e realizou importantes estudos etnolóxicos e científicos, e que ademais foi a primeira muller en subir ao Monte Camerún.
-“A flor de piel”, de Javier Moro, relato novelado da expedición de Francisco de Balmis para levar a vacina da varíola ás colonias españolas en América e Filipinas, que partiu do porto da Coruña en 1803.
-“Vilcabamba. El refugio sagrado de los Incas”, de Santiago del Valle. Relato da investigación ao longo de moitos anos (dirixiu máis de dezaseis expedicións con arqueólogos, historiadores e voluntarios) ata conseguir identificar o emprazamento de Vilcabamba la Grande e o recoñecemento oficial do Ministerio de Cultura do Perú deste feito. 



- Que lugar ocupa o arquivo que dirixe a nivel español ou europeo?
O Arquivo é un centro de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia.
Isto supón que custodia fondos tanto da administración central como da autonómica, ademais de aqueles arquivos privados e coleccións que se depositen no mesmo.
Antes da transferencia tiña a consideración de “rexional”, xa que a documentación que custodia abrangue toda Galicia. Na actualidade xa non inclúe na súa denominación nin o termo xeral nin rexional, pero podía simplificarse do seguinte xeito:
-a nivel nacional estaría no segundo estadio, despois dos grandes arquivos xerais como o Arquivo Histórico Nacional, Arquivo xeral de Indias, ......, que teñen documentos que abranguen todo o territorio de España ou polo menos o de dúas comunidades autónomas;
-a nivel autonómico, forma parte do Sistema de Arquivos de Galicia. Na Lei de arquivos e documentos de Galicia aparece singularizado e poderíase dicir que estaría no primeiro nivel, tanto pola súa antigüidade coma polos fondos que contén;
-a nivel internacional, e dentro do Consello Internacional de Arquivos –ICA-  (organización profesional da comunidade de arquivos dedicada a promover a conservación, desenvolvemento e utilización do patrimonio mundial dos arquivos, e que reúne aos responsables de arquivos nacionais, todo tipo de arquivos e asociacións profesionais)  estaría encadrado dentro da Categoría C, que corresponde ás institucións que se ocupan da administración ou conservación de documentos e arquivos ou da formación de arquiveiros.
Á marxe das consideracións administrativas, o Arquivo do Reino de Galicia é un centro coñecido e recoñecido tanto a nivel nacional como internacional. Proba disto é que recibimos consultas de todo o mundo, e hai anos sucedeunos un feito curioso: Na Biblioteca da Universidade de Wisconsin-Milwaukee (UWM), atoparon uns libros diarios de fareiros do semáforo de Estaca de Vares de 1887 a 1909 facendo inventario e acordaron devolvelos ao seu pais de orixe. Despois de informarse en internet decidiron que o centro máis axeitado para envialos era o Arquivo do Reino de Galicia. Contactaron con este centro por correo electrónico, e despois de varias comunicacións e trámites cos responsables da Universidade, finalmente recibimos os libros en 2009.

-Podería falarnos minimamente dalgunha das xoias custodiadas neste arquivo?
-Partindo da premisa de que todos os documentos de conservación permanente dun arquivo son importantes (xa que son testemuños de dereitos e obrigas tanto da administración como dos cidadáns), hai algúns documentos singulares e/ou valiosos por varias razóns : antigüidade, información contida, etc. ata  incluso polo seu valor artístico unido ao informativo.
Pola antigüidade citarei os pergamiños medievais, especialmente os de procedencia real (Coroa de León e Castela); polo seu contido e valor como fonte para historia hai que indicar por ex. moitos expedientes xudiciais, especialmente os da Real Audiencia de Galicia e a súa continuadora a Audiencia Territorial , o catastro do Marqués de la Ensenada, os documentos das xuntas e deputacións da época da Guerra da Independencia e anos posteriores,..; e no terceiro caso planos manuscritos incluídos en expedientes da Real Audiencia de Galicia, así  imaxes  da Colección fotográfica e de postais.

M. Carmen Prieto Ramos
Directora do Arquivo do Reino de Galicia
Xuño 2016
(Entrevistadora: Estela González Pardo, alumna de 1º de bacharelato).

Ningún comentario:

Publicar un comentario