xoves, 1 de decembro de 2016

LENDO A...



LENDO A CASTELAO II


 (Velaquí os autores dos microrrelatos seleccionados na aula, 4º ESO A. Curso 2016-7)

No libro de texto que manexamos en cuarto da ESO hai un par de páxinas dedicadas á arte (e técnica) do microrrelato. Como exemplo ou posible modelo ao remate do tema aparece unha das Cousas de Castelao. Coincide, ademais, que é precisamente esa obra xa clásica da nosa literatura a que estamos lendo os venres deste trimestre en voz alta na aula. Os clásicos, entre outras virtudes, téñenvos esta: fornecen sempre temas e subtemas de felices comentarios. Son coma o raio que non cesa.
O caso é que lles pedín a todos e cada un do grupo (4º A) que elaboraran un microrrelato. O máximo de extensión tiña necesariamente que coincidir co máximo castelaniano da Cousa correspondente, “A Marquesiña” (por certo que debatimos un bocado sobre a idea vertida polos autores do libro de texto, verbo do porque dese alcume: só por “mala baba” ou mala uva, só por amolar ou por crueldade do pobo alcumador? Acaso non cabe un punto de tenrura ou de carga positiva sen máis? Acaso non podía ser a rapaza –descalza e todo tal como a debuxou o autor- unha persoa chea de graza, de natural elegancia e corpo delgado e lanzal? Preguntámonos en voz alta...). E todos me trouxeron un microrrelato. Algún fíxonos rir, coma o de G. Alonso-Jáudenes; noutros, con cambiar só un verbo mellorarían moito... Hainos sumamente poéticos... Tamén os hai un punto gore (explicábame Pablo a ese respecto que en Literatura Castelá están vendo o romanticismo). A ver que vos parecen estes que seleccionamos.

Velaí estás, sorrindo sen ningún motivo. Vivindo as sorrisas falsas.
                                                                              Cristina Alonso de la Fuente, 4º A

-Ola, querería un ataúde tamaño neno
                                                                              Guillermo Alonso-Jáudenes Paz, 4º A

Arrincada do seu fogar agardaba o seu final. A metade do seu corpo sumerxida na auga, e anacos da súa antiga beleza espallados arredor do seu cárcere de cristal. A fermosa rosa agardaba o final.
                                                                              Ariadna Díaz Terrazo, 4º A

E ao verse reflectida nesas pupilas azuis, unha bala atravesou o seu corazón. Ela quíxolle chamar amor.
                                                                              Ana García Lestón, 4º A

Encerráranme nunha esquina e só podía facer unha cousa.
                                                                              Manuel González Balayo, 4º A


Escravitude”
Ata que chegou aquel barco, os meus dereitos eran iguais aos de todo o mundo.
                                                                              Sergio Marcos Vázquez, 4º A

Unha enorme porta, de cor carbón, ergueuse en fronte de min. Todo o demais, arredor meu, era branco, era frío, era un espazo baleiro, coma unha noite de inverno sen estrelas. Abrín a porta: desde que pechei os ollos, non tiven outra opción. Aquel debía ser o lugar ó que se ía despois da morte.
                                                                              Sara Martínez Iglesias, 4º A

O pintor, xa tranquilo na súa casa, decidiu terminar o seu cadro para o cal se dispuxo a dar pinceladas nunha cor vermella moi intensa, era a cor do seu sangue. Minutos despois o cadáver do pintor repousaba fronte á creación que lle custara toda a súa vida e mais a súa morte.
                                                                              Pablo Eduardo Menéndez-Valdés Pérez, 4º A

Entre a penumbra e o arrepiante silencio loitei por esquivar os dentes afiados e por ignorar o renxido da morte rebentando os chanzos das escaleiras. Tentei non escoitar as voces estrañas que falaban do revés e pechei os ollos ante as aparicións das caras representantes do horror das infancias. Tratei de esconderme pero a escuridade era densa e a ameaza empanaba os cristais coa súa macabra vontade insomne.
                Xa estaba todo o meu corpo esvaecéndose entre milleiros de ollos cando cesou o espectáculo: comezou a amencer.
                                                                              Estela Novo Vázquez, 4º A

Soou o espertador e volveu ilusionarse. Hoxe podería ser o día.
                                                                              Paula Santalla Estévez, 4º A

(Imos pedirlles aos compañeiros que sexan xurado: darémoslle un pequeno premio ao autor do microrrelato máis votado)

 (Parte da vista que se pode contemplar desde a mesa da profesora ou do profesor de 4º A)

 (A vella varanda de pedra do que fora o observatorio meteorolóxico ameazaba ruína: agora acabamos de estrear unha nova de cristal resistente. Ou iso esperamos, que lles dure aos nosos netos e bisnetos outros 125 anos máis; esta foto fíxonola Marta Roibás)

Ningún comentario:

Publicar un comentario