mércores, 11 de xaneiro de 2017

VISITANDO



VISITANDO A CASA DO INSTITUTO DA LINGUA



Visitei este día Santiago de Compostela, cidade propicia e capital do Vello Reino. Propicia porque aí coñecín o meu caro esposo;  asistindo ás clases de galego do inesquecible Chao Rego empezamos a quedar diante do Rosalía, a carón da fonte.  Vedes que na vida de cada un de nós hai moito de literatura e de cando en vez podemos deixar que aflore.  Normalmente non fai dano. 


Era a mesma tarde en que os fillos dos meus amigos actuaban (grupo Gelría) no Teatro Principal,  acompañados da excelsa poeta e académica acabada de nomear, Dona María Xesús Pato Díaz, ou se gustades, Chus Pato. Pero eu asistía á reunión da Asociación Galega de Onomástica, na súa derradeira sesión do ano 2016. A xuntanza celebrábase na sé do Instituto da Lingua Galega, na Praza da Universidade. Preciosísimo contexto. Antes fomos ver a limpeza da fachada do Obradoiro (reafirmeime polo meu interese cada vez maior polo tema das campás e dos campanarios, prometinme a min mesma que lle preguntaría a Ferro de onde tirou a lenda fermosa da raíña Berenguela...) e logo de escoitar brevemente a arte incuestionable dun par de gaiteiros alí no arco que comunica co pazo de Xelmírez, subimos á praza de Cervantes, ollei moi de esguello acibeches neutralizando a gana de comprar algo (unha Virxe talvez, unha Virxe negra medieval e galaica asemade, para poñer na parede da casa..., ou se non un colar de doas facetadas en vinte caras, pequenos icosaedros perfectos, pesaría moito e agora que xa estamos no 17 un meu propósito da emenda é gastar menos, fixen ben non querer determe naqueles escaparates) e fomos devagariño polo Preguntoiro mentres eu me preguntaba onde lin dun ruso dacabalo, un enviado do zar,  que pateaba Preguntoiro arriba na procura de quen? Sería nese libro que me recomendaron e lin xa, ese titulado Tierra sin hombres,  de Inma Chacón? Que fraca memoria, abofé!

 (Carolina Beis, Ana Isabel Boullón, Gonzalo Hermo, Carolina Pérez, na xuntanza derradeira do 2016 da Asociación Galega de Onomástica, en Santiago de Compostela)

E chegamos á casa do ILG. A Asociación Galega de Onomástica (AGÓN) preocúpase –entre outras cousas-  de salvar topónimos, microtopónimos, e de influír na medida do posible na conciencia cultural da nosa sociedade, e das Institucións representativas. Ten unha páxina propia na Internet, por se tedes curiosidade (http://ilg.usc.es/agon/: verdadeiramente deberiades ter un mínimo desa curiosidade: lede da carta que lle mandou a RAG ao Congreso dos Deputados, con bastante éxito; lede o artigo do Estado mexicano de Morelos, e non leades o artigo de Gonzalo Navaza porque quero tratalo eu aquí no blog...). Hónrome en ser membro desta Asociación. Non é que faga moito,  pero procurarei facer algo máis no futuro e en todo caso paréceme un labor encomiable e necesario. De feito,  era  a primeira vez que ía. Tiven a sorte de coñecer en persoa a Fernando Cabeza Quiles, autor dalgún libro dos que manexo con certa frecuencia na casa. Está xa xubilado mais vino novo de corpo e de espírito. Cheo de joie de vivre, diría incluso. Tamén estaban: Sandra Beis, Ana Isabel Boullón, Mª Dolores Ferro, Gonzalo Hermo,  Mª Luz Méndez, Gonzalo Navaza,  Antón Palacio, Carolina Pérez e Pere Tobaruela   (no que eu podo relembrar, polo menos tres deles,  María Luz Méndez, Gonzalo Navaza e X.  Antón Palacio, foran no seu día nomeados vogais da Comisión de Toponimia; e xa que estamos, permitídeme a confianza: dous docentes xa xubilados do noso Instituto colaboraron dentro desa histórica Comisión: Carme López Taboada e Jaime Pita Varela).

 (En primeiro plano vemos a Mª Dolores Ferro e a Gonzalo Navaza; ao fondo X. Antón Palacio e Pere Tobaruela)


Entre os temas que se trataron na xuntanza do  AGON, quixera centrarme en tres, deixando a un lado cousas máis burocráticas e quizais para vós aburridas como a renovación dos cargos (cómpre renovalos cada 4 anos).

1º. Topónimos recobrados e/ou salvados: comunicóusenos o caso da praza PENICHE , en Vigo (grazas ao labor conxunto do Concello, da RAG e de AGÓN). Palabra ben bonita, por certo. Hai outro Peniche en Portugal e vendo as fotos das súas paisaxes, dá que pensar na raíz de pena ‘pedra’, se ben cómpre recoñecer que o sufixo é atípico en galego, non así en francés.

2º. Falouse da colección de estudos toponímicos titulada Terra nomeada. Outra beleza de nome. Terra nomeada: a nosa, amada, cultivada, transformada, habitada, esmagada, invadida, recuperada, amada de novo e agora nomeada. Quedei un tanto abraiada. Un pouco coa mente suspensa, nomear a terra é sentirte descubridora, (re)creadora... Non lles faltan mans nin mentes para ese traballo, faltan cartos. Dependen das subvencións das Deputacións, por exemplo. Percibín que hai Deputacións amables e xenerosas con este tema e outras que brillan pola súa ausencia. Así puiden saber que Xulia Marqués Valea traballa sobre a toponimia de Agolada, Fernando Cabeza Quiles sobre a da Estrada (tamén Gonzalo Hermo ten moitos topónimos da Estrada recollidos na súa tese), Xesús Fernández Acevedo estuda a de Silleda etc.



3º. Aquí quero vervos a todos, meus amables alumnos e amigos. Un dos puntos fortes do día, enunciado en  boca do profesor da Universidade de Vigo, Antón Palacios,  tocaba a Clubs de Fútbol e Toponimia. Hai moitos equipos importantes deste país que non galeguizaron aínda o seu topónimo. Outros si. E como exemplo dos que non, adiviñades a quen citaron? Entre parénteses: preguntei isto hoxe na clase de 4º A e todos ao unísono responderon : O Deportivo. Pois si, acertaron. Citáronse  outros dous pero a min doer doeume o da miña cidade querida. Algúns rapaces comentaron rapidamente: Pero están en tratos, están nesas, profe. E outro engadiu: están empezando polo Estadio... Non lle deixei acabar: Oe, o estadio non é do Depor, é do Concello; distingamos...

Tamén comentei en voz alta que as cousas do palacio van por despacio, como dicía a miña avoa coruñesa (por certo, grande siareira do dépor, ela e o meu pai, que en gloria estean).  Relembrei que a Academia era gallega ata ben pasada a metade do XX. Para iso a fundaron en Cuba, podiades dicir... 

Pero en serio, pouco a pouco imos entrando na dinámica democrática de seguir ou tomar como modelo os ditados que emanan da Lei de Normalización Lingüística (a través  -no caso concreto que nos ocupa- da Comisión de Toponimia): as cartas que se reciben na miña casa dos grandes bancos xa traen A Coruña hai anos. As botellas de Estrella Galicia hai tempo que teñen escrito A Coruña. O Concello acata a lei. Na páxina web da Fundación Barrié lemos:  “Rúa Cantón Grande, 9, 15003 A Coruña”. E na páxina de Inditex (http://www.inditex.com/es/our_group) tamén lemos: Un repaso a la historia del Grupo desde que abrió la primera tienda de Zara en A Coruña desde 1975”. Así que, como di o outro, eppur si muove.

A min sorprenderíame que o Dépor non teña socios galegos galeguistas, que defendan con paixón o seu equipo e a súa lingua e as nosas boas leis autonómicas. Teño un amigo que entra dentro desa categoría e pedinlle a súa opinión. Velaquí o que me dixo:

Este tema leva no candeeiro varios anos. Xa na época de Lendoiro se lle solicitara tanto nas asembleas de accionistas como a nivel privado, a mudanza do topónimo no nome do Clube [así que os meus dilectos alumnos da ESO tiñan razón, que ben informados...].

Así mesmo, nas asembleas de accionistas baixo o mandato de Tino Fernández, tamén se lle pediu que adaptase o nome do Clube ao topónimo oficial da cidade. En ambos os casos nunca houbo unha negativa rotunda. Mais nunha das últimas, o presidente veu  dicir (non sei en que momento, se na asemblea ou a nivel privado) que había outros accionistas maioritarios que non opinaban o mesmo.A miña percepción é que non existe ningunha guerra interna, non hai sangue neste tema entre nós. Nin tampouco penso que os grandes accionistas se opoñan con firmeza. O tema, entendo eu, haberia que tratalo con prudencia, diálogo e unha certa "presión" social. Ocorreríaseme que os maiores accionistas do Dépor  fosen concienciados neste tema. Se alguén os coñecese poderiase chegar a dialogar con eles para que non se opuxesen e pemitisen que a directiva accedese á mudanza, sen guerras fratricidas (tamén algúns directivos teñen un importante paquete de accións). Entón con ese beneplácito e con certa difusión mediática, o tema acabaría normalizado, sen grandes sobresaltos e oposicións.

O que hai que pensar sempre é que se comezamos unha loita pública e aberta polo nome do Dépor, os poderes fáticos da cidade que non están moito polo labor poden chegar a se oporen e logo custar máis o cambio.

[Di outras cousas, todas prudentes e cautas, que vos aforro,  e remata relembrándome que] o directivo responsable da área económica do Dépor (Calvete) é un concienciado "galeguista". E desde que eles chegaron avanzouse no tema da nosa lingua: site tamén en galego, megafonia no campo en galego, documentación diversa bilingüe.....

En conclusión, carísimos, se queremos avanzar neste polo que parece, delicado tema,  debemos sumar esforzos e  traballar a coro. Só un clamor popular conmoverá a conciencia deses socios capitalistas remisos a ver A Coruña no nome do Deportivo.  

 (Aquí podemos ver tamén a Mª Luz Méndez e a Fernando Cabeza).


Rematamos. Non esquezades que a toponimia (e microtoponimia) é un vaso de vida coma o Graal: dá memoria do vivido. Des que eu era nena, e vou relembrar só o paseo case diario entre a casa dos meus pais ata a dos meus avós paternos (e espazos próximos), mirade cantos microtopónimos se perderon: a praia das Cañas, a fonte do Mirador/do Picho/de san Diego, o Montiño, a Gaiteira de Arriba, A Gaiteira de Abaixo, o Corgo, a Fonte do Corgo, a Cubela, o paseo da Granxa, Pedra Furada (moi próxima á igrexa de Oza, onde nacera o meu pai, e onde, hai pouco que mo contaron de boa fonte, nacera o derradeiro Alcalde de Oza) etc.

Ningún comentario:

Publicar un comentario