mércores, 1 de febreiro de 2017

ENTREVISTAS A MULLERES QUE AMAN O EUSEBIO

ENTREVISTA A SUSANA PIENSOS LINARES



Mª Rosario Soto: - Desde cando estás no instituto?


 -Levo case toda a vida…primeiro, como alumna: cheguei,  primeira promoción de BUP,  instituto feminino, con catorce aniños recén cumpridos, para facer bacharelato e COU e retornei, no ano 87, acabadas de aprobar as oposicións, como profesora xa, á miña primeira, e última, praza en propiedade. Así que esta é a miña casa, son case case tan antiga no insti como as estatuas das exipcias que nos reciben á entrada…e conforme vou cumprindo anos, esa sensación de pertenza ao instituto vai medrando. Teño que dicir que sempre tentei  dar o mellor de min, honrar co meu traballo este centro de ensino polo que pasou tanta xente  boa, e procurar que os meus alumnos/as teñan un bo recordo do seu paso por aquí. Espero telo conseguido.   

 (Foto do centenario -ano 1990-: claustro de profesores do noso Instituto. A profesora Susana Piensos é a segunda pola esquerda, na primeira fila)

- Que profesores lembras con máis cariño do instituto? E da universidade?


 -Aínda que na miña época, o trato co profesorado o recordo como máis distante, -cambiaron moitísimo as cousas no ensino  de cando eu eu era alumna a agora-,  e, ademais, eu era moi tímida, co cal non me atrevía a dirixirme a un profe a non ser que fose indispensable, hai un profesor que me marcou, na súa maneira de dar clase (tiven a sorte de telo como profesor tres dos catro anos que pasei no insti como alumna), até o punto de que creo que sempre, aínda hoxe,  tentei imitalo nas miñas clases; díxenllo xa a el cando de profesor   pasou a compañeiro. Trátase de Raimundo Pereiro, que xuntaba o rigor e a sabedoría  coa amenidade; creo que en realidade, todo o que sei, especialmente  de Lingua, o aprendín del …Outra cousa é o medo que lle tiñamos, porque tiña moito xenio e daquela o respecto ao profesor eran palabras maiores.

    Tamén debo mencionar a María Teresa Taboada, que me deu clase en COU e, entre outras cousas me abriu os ollos á narrativa do século XX…e que nos fixo coñecer o melloriño da literatura galega (recordo un traballo sobre Xente ao lonxe, obra que lin enteiriña, con grande dificultade, todo hai que dicilo, porque daquela o galego aínda non se estudaba no ensino medio). En xeral, todos os profesores/as de Letras me deixaron bos recordos porque eu son de letras puras-puras, así que desfrutaba nas súas clases.

  Na Universidade,  eu estudei no Colexio Universitario da Coruña os tres primeiros anos de carreira,  e tiven profesores excelentes en xeral; algúns deles, por certo, profesores tamén de instituto (era posible esa circunstancia). Teño un recordo de afecto especial por Jose Ángel Fernández Roca, que, ademais de ser un profesor moi sabio, provocaba, aínda que aparentemnte era moi serio, unha grande tenrura….quizais, porque faleceu  demasiado cedo, acórdome frecuentemente del…Despois, en Santiago, aínda que tiven oportunidade de desfrutar do seu maxisterio só un trimestre, Guillermo Rojo tamén me marcou profundamente e é outro dos meus profesores  máis recordados.


- Cando decidiches que a túa vocación era a Filoloxía?


   -Como dixen antes, eu son de Letras puras, purísimas, así que sempre me tiraron a Lingua, que era unha das miñas materias preferidas, e a Literatura, xa que sempre fun un pouco ratiño de biblioteca…así que, aínda que inicialmente a miña idea era facer Historia, finalmente as circunstancias me levaron á Filoloxía, o cal creo que foi unha decisión moi acertada.


-Ás veces xa pensas en xubilarte. A que dedicarás o teu tempo daquela?


 - Pois sí, xa levo 32 anos, ininterrompidos, neste oficio e vou cansa. Aínda falta un pouquiño, así que non fago grandes plans, só vivir un pouco máis tranquila, que eu son moi nerviosa e bastante esixente comigo mesma, e ás veces non dou feito. Pero tamén  penso nalgunhas posibilidades, quizais voluntariado, quizais matricularme na universidade sénior, viaxar tranquilamente   xustamente nas épocas en que agora non podo facelo, coidar dos meus…e, sobre todo,  ser cada vez máis eu mesma, que é algo que non sempre podes conseguir mentres estás en activo. A vida dirá…


-Cando empezou o teu amor polo portugués e en que se traduciu na túa vida profesional?


  -Pois o meu amor polo portugués contaxioumo, hai xa moitos anos, o que daquela era o meu amor na vida; despois, foi medrando e madurando, como todos os amores, até formar xa parte da miña natureza. Creo que Portugal, e todo o mundo da lusofonía, é un luxo que os galegos podemos desfrutar de xeito privilexiado, sen esquencer nunca que a nosa lingua é, como dixo Castelao, pai (nai, diría eu) do portugués… Hai uns anos, tiven a oportunidade, no instituto, de impartir a materia a uns alumnos marabillosos, na que foi unha das experiencias máis gratificantes da miña vida profesional.

 (No Departamento de lingua galega e literatura do Instituto arquívanse desde hai anos os números da espléndida revista portuguesa Jornal de Letras, grazas á xenerosidade e interese da profesora Susana Piensos)


- Que les arestora? Cales son os teus autores favoritos?


  -Difícil falar de favoritos, hai tantos…algúns, (Cervantes, Baroja, Castelao, Chéjov, Twain, Stevenson, Steinbeck…) perduran no tempo; outros, que te impresionaron nun momento da vida, deixan de interesarte… Neste momento estou con Jardiel Poncela, La tournée de Dios, os humoristas sempre me gustaron, aínda que a literatura humorística non goce de moito prestixio.


-De que te sentes máis satisfeita en relación á túa participación na vida cultural do insti?


 - Sinceramente, gustaríame ter una participación maior, creo que é bastante reducida, pero o tempo non dá para máis… Naturalmente, que o meu  queridísimo alumnado de PDC-PMAR, e espero que agora tamén algún de Nocturno (máis complicado polos condicionantes deste tipo de alumnado)se sinta parte substancial da vida cultural do centro é para min moi gratificante, porque creo, espero,  que é unha semente de  desfrute, do bo, para eles, e ademais, están colaborando para que a bibloteca se transforme, cada vez máis, nun espazo de encontro para todos nós… A sección “Un libro/filme cada semana” do blog ‘O faro de Sofía’, que iniciou  a nosa entón vicedirectora Charo Soto  hai xa dous ou tres anos, é agora, para os meus pequenos de PMAR,  o “pretexto” para poder  amosar que son uns rapaces moito máis maduros  nos seus gustos,  e formados, do que a súa idade podería facer pensar, compróboo día a día na aula.



   

Ningún comentario:

Publicar un comentario