mércores, 28 de xuño de 2017

LENDO A

LENDO A BERNARDINO GRAÑA



Toponimia e microtoponimia en "Oda aos mariñeiros de Cangas" de Bernardino Graña.
Polo escuro do mar que vos contruba
ainda hai peixes de lus nos seus abrigos,
mariñeiros de Cangas, meus amigos,
meus irmáns de salitre e sol e chuva.

Solte a ría un exército de naves,
mariñeiros de Cangas, traede as liñas,
que, anunciando o fumazo das sardiñas
polos cons e cabezos cantan aves.

Polas ondas sin muros e sin diques,   
polo lombo do Atlántico azulado,
 brinca e bufa o arruás todo apurado
perseguindo os banitos i os alcriques.

Máis alá de Sobrido ti me guíes,
 mariñeiro de Cangas, ti me leves
pra ver os espumallos i os percebos
e mirar dende a popa as illas Cies.

Máis alá do Cabalo e Cabo de Home
da Negra e deses baixos de Biduído,
 mariñeiro de Cangas, vas perdido
e o mar é un gran misterio que te come.

Coma horribles fantasmas aparecen
dende o fondo, xurdindo, nos sorríos,
 estranas ardentias e navios
e tristes afogados que amolecen.

Pero rompe, que podes, contra o medo,
 dalle avante con forza, anque che doa,
contra noites e néboas, pon a proa,
mariñeiro de Cangas, e ven cedo.

Ven loguiño a vender o peixe a Vigo
 e trae unha canción do son dos mares
 pra beber e cantar xuntos nos bares
mariñeiro de Cangas, meu amigo.
Toponimia:
-Cangas: vila costeira onde naceu o autor, localízase na ría de Vigo. O topónimo completo é Cangas do Morrazo.
-Vigo: cidade costeira da ría de Vigo, situada enfronte de Cangas.
-Illas Cíes: conxunto de illas atopadas no exterior da ría de Vigo. Estas son: a illa de Monteagudo, a illa do Faro e a illa de San Martiño. As dúas primeiras están lixeiramente separadas pero unidas por una liña de area chamada Praia de Rodas. Foron nomeadas parque natural en 1980 e incluídas no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, creado en 2002.


Microtoponimia: corresponde á zona situada entre as illas Cíes e a Costa da Vela.
-Sobrido ou Subrido: pequena punta rochosa ao sur da praia de Melide e onde se sitúa o faro de Punta Subrido. O topónimo de Sobrido tamén aparece nun lugar entre a ría de Arousa e a ría de Muros e Noia, preto da praia de Corrubedo.
-Punta Cabalo: situada no estremo norte da illa de Monteagudo. Este topónimo tamén aparece noutros lugares da costa galega: na cidade da Coruña e no norte da illa de Arousa, onde existe un faro e un cabo co mesmo nome.
-Cabo Home (da Negra): sitúase preto da praia de Melide, onde existe un faro, un sendeiro e un cabo con este nome. O resto do nome ("da Negra") pode proceder dunha poboación próxima chamada Nerga.
-Baixos de Biduído ou os Biduídos: baixos rochosos a dous quilómetros da costa norte das illas Cíes. O topónimo de Biduído tamén aparece nun lugar na costa Ártabra, preto de San Andrés de Teixido.




                  
                   O poema fala de que se deixas atrás todos estes lugares, "vas perdido" pois atoparíaste moi lonxe da costa. B. Graña relaciona isto cos naufraxios en alta mar de barcos pesqueiros ou mercantes, é dicir, o obxectivo dos mariños de Cangas é ir a pescar cara ao mar aberto.

Fontes:   
                    -Imaxes de Google Maps.
                   -Topónimos e microtopónimos: colección de cartas náuticas da "Guía Náutica de           Galicia" Liber Editorial.
                                                                                                                

                                                           Alfredo Chavert Sancho,  4ºC no curso 2016-17.


[NOTAS:

Chamo a vosa atención sobre o feito de elucubrar o noso alumno, sen que unha servidora lle mandara, sobre o étimo de Negra. Malia non estar demasiado “cotizada” nesta sociedade mercantilista a filoloxía, algo se pega, por dicilo coloquialmente. Nós sempre falamos en voz alta na aula da importancia da palabra, do valor do filólogo, do poder da palabra. Congratulámonos de termos discípulos que nos escoitan. “Sementa, que algo queda”, dicía a nosa amiga e colega Uxía López Meirama. Gran verdade.
Con respecto ao Cabalo que Alfredo Chavert cita como microtopónimo coruñés, digamos que se atopa ese saínte, esa rocha que imita a cabeza do nobre animal, no camiño que parte do novo Milenium e vai cara ao Portiño, vémolo se miramos abaixo un pouco antes de chegar ao ascensor que sobe ao Monte de san Pedro.

(Foto do saínte coñecido como 'O Cabalo', no paseo cara ao Portiño, na Coruña. Foto de Charo Soto)

O topónimo Sobrido ou Subrido, presente no poema “Oda aos mariñeiros de Cangas”, do libro Profecía do mar (poema que figura no libro de texto de 4º da ESO escollido polo departamento de Lingua Galega e Literatura do Instituto), debe analizarse como formado dun sufixo abundancial de sobreiras. Algunha habería nesas puntas rochosas… Non nos gusta moito a semántica para un relevo mariño pero non temos a man outra opción. Ese mesmo sufixo abundancial, -ido, aparece en Biduídos, tamén rochosos, e aí si que non caben outras interpretacións: tivo q           ue haber (ou hai) bidos e punto.
Fica aínda unha voz común interesante a nivel filolóxico no poema: a voz común sorrío. No DdD (que dirixe Antón Santamarina, tantas veces citado por nós) figura esta acepción: “parte rugosa das pedras que están na auga”. A nosa intuición dinos que a voz hai que emparentala con zorregar/zorra ‘especie de carro que se arrastra…’/a sorro ‘arrastrando’, e posiblemente co topónimo arteixán Sorrizo (lugar moi batido ou zorregado polo bravo mar ártabro). Verbo desa raíz, zorr-/sorr- , se acudimos á entrada ZURRAR na magna obra de Corominas, lemos que algún ilustre sabio pensou nunha orixe onomatopeica, mentres que Corominas parece decantarse por voz prerromana: conste que unha cousa e mais a outra non son incompatibles. Outra hipótese sería vincular a voz co sarrizo ‘cerrizo, espiñazo’. Di  Eligio Rivas (Toponimia de Marín) que hai varios microtopónimos na Ría de Arousa que se chaman precisamente cerro, pero habería que xustificar a caída da fricativa final… Que sei eu… Prefiro a primeira opción. A título de elucubración. (Charo Soto)].


Ningún comentario:

Publicar un comentario