mércores, 16 de agosto de 2017

VISITANDO



VISITANDO TRASDEZA


TARDE DE ALDEA

 (Un camiño: conduce a Cóscaros)

Son de aldea, dicía onte Mari Carmen, mentres nos contaba que ten claro que na casa que está refacendo quere unha cociña de leña, de leña auténtica. Son de aldea. Gústame a frase e gústame a substancia que subxace.

 (Casa, Cóscaros)

Aí á baixada do sol collimos cara a Cóscaros. Camiñando. Hai tempo que eu quería ir dando un paseo. Vén sendo un prototipo de lugariño abandonado pero vin desde o coche, desde a estrada, un par de tellados novos e díxenlle a Luís, hai que ir, seguro que ten unha segunda oportunidade... Xa me seducía previamente a eufonía da voz, Cóscaros. Con ese interfixo –ar- (probablemente tamén está presente noutros topónimos como Láncara, Pazo de Lóngara [o que fora o pazo de Marcial del Adalid e que agora é usado, entre outros usos, como lugar de congresos pola UDC], a fonte de Lóuzara, da que fala o egrexio, nunca suficientemente loado,  licenciado Molina, Bartolomé Sagrario de Molina ["Esta fuente que llaman Lóuzara está al nacimiento del río de Lor en la sierra del Cebreiro. Hay una cosa extraña en ella y no vista en ninguna fuente de España, que tiene sus ondas continas como la mar, y su creciente y menguante sin faltar un punto"]), con esa raíz tan vella. Será porque había moitos ‘coscos’? E Luís dixo: non creo, caracois hainos en todas partes e non chaman tanto a atención. Pouco antes de coller o camiño que baixa e se achega a Cóscaros, sinaloume unha curva enfronte: cando eu era neno, e viñamos andando de Cortegada a Silleda, aí había un prado e unha fonte, e agora xa ves... (unha pura silveirada informe: internamente case que deseñei un pequeno pranto polas fontes perdidas, da serie todo o bo que fomos perdendo, camiños, castros, mámoas, autoconciencia de nós, esas cousas).

 (Placa solar que alimenta un pastor torna-vacas; prado en Cóscaros)


Avanzamos. Á nosa dereita, na media distancia, unha muller esperaba pé do prado para que entrasen as vacas, pensei, vai alindar as vacas,  logo poderei falar con ela. Un pouco máis aló, un home maior conducía un tractor que tiraba un carro. Estaba no medio dun milleiral, metade xa baleiro, na outa metade parecía disposto a segar parte do millo e cargalo no carro. Non tiña mazaroca a planta, agora cómenas así  -as plantas- as vacas. Seguimos. Na entrada de Cóscaros saíronnos ao paso tres e logo catro cans. Un era grande. Procuro falarlles impondo respecto –Aparta, can, lisca de aí!- pero máis ben é medo o que me inspiran. Calquera sabe. Desviámonos e fomos cara á dereita, cara ao Marco, no canto de seguirmos recto, e iso que Luís quería ver a paisaxe que se albiscaba ao fondo, sobre o Pazo de Transfontao. Fomos seguido ata ver unha casa grande que tiña un prado no que pacían tres burriños (xa viramos outros tres, negros, bonitiños, no prado xunto a casa de Elías, el será por puro conservacionismo?) e logo regresamos cara a Cóscaros. Había un par de persoas –antes non estaban- que nos observaban, un home e unha muller loira, guapa, mediana idade. Achegámonos e saudamos. Tamos dando unha voltiña, eu quixen coñecer este lugar porque me gusta moito o seu nome, Cóscaros. A muller riu francamente. Falamos un bo anaco. O home tiña parentes de seu nunha casa veciña ao lugar onde naceu Luís. Coñeciámolos. A muller, de Vigo, sorprendeuse de que eu, sendo coruñesa, gustase da aldea. E non pouco, díxenlle, encántame pasar tempo aquí... (penso neste xusto intre en Adrián Solovio: ata que punto somos guiados por arquetipos literarios? Ata que punto tira de nós con forza, como o carro de Faetón era tirado, o arquetipo da infancia-adolescencia feliz nos veráns na aldea da miña nai en Valdeorras? Ata que punto iso importa. Só sabemos que estamos vivos e que amamos a vida, talvez iso sexa suficiente para seguir e punto). Os dous resultaron encantadores: Jesús e Adela, velaquí os seus nomes. Algo se laiaron do abandono do lugar. Proxectaron o pensamento do abandono total o día que eles falten. Os fillos é difícil que queiran vir nin tan sequera no verán... E amosáronos o tesouro da súa casa. A ventá co friso gótico. Elucubramos algo sobre a procedencia, dunha igrexa ben seguro. Nos cambios do barroco ou do XIX aló se foron fragmentos doutrora... 

 (Especie de friso gótico: o anxo da esquerda porta unha cruz, o da dereita un cálice)


Á volta atopamos novos pequenos tesouros. Un lavadoiro nun recanto horaciano. Se saísen voando fadas ou ninfas da fraga non me estrañaría en absoluto... Luís alegrouse moito porque comprendeu axiña que esa auga viña ao dereito de arriba, da fonte que relembraba da infancia. Cando pasamos, xa de regreso, polo Marco, o home con bastón que senta sempre pé da súa casa na pedra, díxonos o nome: Cal de arriba. Eu pregunteille: porque a auga vén de arriba, da montaña? E repetiu: A cal de arriba. A auga pasa agora por debaixo do asfalto da estrada, entubada, non por unha canle de pedra...

 (A "Cal de arriba", verdadeiro locus amoenus)




O home do Marco está casado cunha muller que sabe a benzón contra as pezoñas. Unha destas tardes iremos a que nolo diga. Contaba el, creo que anda por Sobrado -e é un ser falangueiro, amigable e comunicativo, boa xente-, que unha vez, sendo xove, traballaban en Escuadro (recaïamos sempre na panadería, tras o traballo, recaïamos alí sempre, diciámoslle ‘fainos un bolo’, metíalle dentro unhas sardiñas... aquelo era a gloria, eu e fulano eramos moi amigos, aquí alá, sempre xogando, un día botoume contra unha parede, oes, eu veña dicirlle ‘déixame!’, pero nada, ‘se non me deixas non somos amigos’ porque sempre andabamos así, e, era unha pinta, colleume, na parede aquela, unha delor!, e nin médicos nin nada... e mira que se se chega a xuntar a cabeza coa cola, ou a cola coa cabeza, entra a gangrena e xa nada!) e salvou a vida da pezoña da pinta grazas á benzón. A dona que sabe benzoar saíu de dentro da casa, miudiña, ollos que miran claros e directos, moi azuis. Díxonos: pero debedes saber que hai que ter fe, senón non vale de nada.

Polo camiño xa refrescando pola proximidade de lusco fusco comentoume Luís: eu niso non creo moito. Moitas veces compárome con el e digo –se se me permite a simplificación- que a súa mente é máis proclive á ciencia, máis estruturada cá miña... E emporiso, Luís tenlle pánico –coma aquel personaxe do relato pardobazaniano- ás píntegas. Limiteime a contestarlle eu si creo que Deus reparte os seus dons. 



 (Os froitos do loureiro -as lorbagas- caen por riba da estrutura -pedra granito vertical, cemento nas trabes horizontais- da fonte lavadoiro. Todas as fotos son de Charo Soto)


Ningún comentario:

Publicar un comentario