xoves, 28 de setembro de 2017

A CORUÑA



A CORUÑA

SALVADOR DE MADARIAGA: UN CORUÑÉS UNIVERSAL


 (Acto do día 21 de setembro, de esquerda a dereita, Director do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, Alcalde da Coruña, o autor do libro. Foto tomada de Internet)
 
Este día, exactamente o día 21 deste mes, asistimos no salón de plenos do Concello da Coruña á presentación dun libro sobre a traxectoria vital do coruñés universal Salvador de Madariaga. Alí estaba o señor Rexedor da cidade, o Director do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses e o autor do libro, o prof. Emilio Grandío Seoane, tamén coruñés, docente da USC. Do que se dixo a título de prolegómenos e como colofón, dúas cousas nos chamaron especialmente a atención: unha, a chamada á conciliación, ao diálogo –un trazo esencial da idiosincrasia do personaxe e unha necesidade esencial en todos os tempos, neste tamén desde logo...- e dúas, a importancia que naquel momento histórico –primeiras décadas do século XX- tivo o noso Instituto: lugar e ámbito cultural onde se forma a burguesía con ansia rexeneradora que logo xogará un papel importante en España e en Europa: Casares Quiroga, Novoa Santos, Madariaga... Unha burguesía ben pensante, con posibles, si, pero preocupada polo poder social dos máis, capaz de mirar alén da propia clase, do clan.

 (Casa onde naceu S. Madariaga y Rojo, nº 16 da rúa do Orzán, xa desaparecida. Esta e as fotos seguintes están tomadas do libro do prof. Grandío)

 (M. na época de París, ano 1910; ela no ano 1905. Ela é Constance Archibald, a primeira esposa de Madariaga)

Lemos o libro dun tirón, dun pulo. A medida que liamos subliñabamos determinadas frases ou parágrafos. Recupero agora algunas para vós.
Era a e expresión personalizada da loita interna do rexeneracionismo cultural por intentar insertarse nunha Europa que se afastaba [...]. Demándase especialmente máis cultura, máis educación, mellor formación da sociedade en todos os ámbitos: unha renovación total que permitiría saír da esclerose progresiva en que se entontraba instalada a política do Estado de principios de século [...] [O sistema aparece] repleto de prexuízos culturais propios da evolución histórica das relacións entre a sociedade e o Estado en España. Iso non sucede onde el se formou [Francia]. A mestura de intelectualidade e política sera algo consubstancial e natural en  Madariaga (na primeira etapa, arredor de 1915). En 1926 publica un escrito titulado Ingleses, Franceses, Españoles, onde verque estas ideas:
                Ninguén que coñeza España deixaría de observar a impoñente suma de esforzos individuais que se perden en actividades sen cohesión ou, o que quizais é peor, no baleiro. Caso típico, que merece mención á marxe, é o da chamada minoría intelectual. España parece incapaz de proporcionar aos seus intelectuais un cadro axeitado á súa actividade. A maioría deles non atopa no seu país a resistencia necesaria na masa para aborber os seus esforzos e facerlles render traballo útil, de tal xeito que, ao traballar no baleiro, numerosos intelectuais van perdendo de modo gradual o seu equilibrio interno e se decantan por un individualismo extremo, cada vez menos útil á colectividade e a eles mesmos.

Relevante é o impacto da I Guerra Mundial [...]. O pacifismo revélase xa aquí como unha necesidade para Madariaga. É curioso observar como neses momentos tan complicados os compañeiros da Coruña do Eusebio da Guarda se encontran tamén do lado do bando aliadófilo. A algúns deles, como Casares Quiroga, cómpre recoñecerlles a súa participación neste conflito coa Lexión de Honor francesa. En organizacións vinculadas á paz. Tamén a Madariaga.

 (En Paris, en 1932)

Pouco a pouco Salvador vai ascendendo no escalafón da acabada de crear Sociedade de Nacións en Suíza: en 1922 é nomeado Subsecretario de Desarme; mantén excelentes relacións co Goberno británico; en Xenebra faise amigo dun alto responsable da intelixencia dos EEUU. E cultiva tamén o xornalismo: publica en El Sol baixo pseudónimos; o seu favorito é Sancho Quijano. Ofrécenlle e desempeñá un tempo unha cátedra en Oxford e na súa prestixiosa editorial universitaria publica varios libros. En 1930 publica un dos seus textos máis tanscendentes: España. Ensayo de Historia Contemporánea. Dinos o prof. Grandío que Gregorio Marañón consideraba que España... fora fundamental para captar a certas elites a favor da República. Madariaga é elixido deputado a Cortes pola Coruña nos comicios do 28 de xuño do 31. Casares integrárao nas listas da Federación Republicana Galega.
A súa actividade nas Cortes será recoñecida por unha postura centrada e defensora do parlamentarismo liberal:
                Como liberal que son, dou unha importancia mínima ao económico, unha mediana ao político, e unha máxima ao humano.

Cando é nomeado nesta lexislatura constituínte Vicepresidente Cuarto das Cortes, nos debates da Constitución empéñase en colocar dentro da Carta Magna de 1931 unha cláusula expresa de renuncia á guerra como instrumento político.
O un de xaneiro de 1932 é nomeado Embaixador en París e Delegado de España na Sociedade de Nacións. Madariaga amósase, ademais, coma un excelente enlace entre a Sociedade e os países latinoamericanos. O papel de España como ponte con América consolídase con Madariaga [...]. E especialmente relevante o seu protagonismo para formar unha ampla fronte de rexeitamento contra a invasión de Manchuria por parte de Xapón. De aí o seu alcume Don Quijote de Manchuria.

Madariaga tamén tivo as súas tentacións: algunha vez foi tentado pola dereita máis reaccionaria. En 1935 reúnese por única vez co Xeneral Franco, Xefe do Estado Maior do Exército nomeado polo Ministro de Guerra Gil Robles, no hotel Nacional de Madrid. E entrégalle o seu libro [“Anarquía y Jerarquía”]. En comentarios posteriores Madariaga non tivo un especial nin positivo recordo deste encontro, pero Franco soubo aproveitalo. Nos tempos en que Madariaga se converteu nun dos homes a difamar polo réxime franquista, a propaganda da Ditadura difundiu esta obra coma un anticipo da democracia orgánica que desenvolvía o réxime.

Tras fuxir de España no 36, Madariaga formula un plan de paz baixo a dirección dun comite de tres potencias: un plan de intervención humanitaria e un goberno de personalidades que non estean comprometidas nin coa Monarquía, nin coa República nin coa Xunta sublevada. Para garantir este plan de paz entrarían en España forzas armadas ás ordes de oficiais británicos, mexicanos e arxentinos. Á parte do trauma brutal do enfrontamento entre irmáns no seu país, Madariaga ten que asumir fracasos, como todo ser humano, pero fracasos –como ese plan de paz, ou como a loita fallida para que a España de Franco non entre na ONU, cousa que sucede o 4 nov. 1950, coa abstención de Gran Bretaña e Francia- que nunca o frean. En xullo do 37 envíalle unha carta a Franco: “liquide esta guerra canto antes. Achégase unha negociación”.



(Homenaxe en París en 1956, cando cumpre 70 anos. Xunto aos líderes do europeísmo e Xefes de Estado, Camus, Bertrand Rusell, Marcel Bataillon, André Maurois, Gregorio Marañón, Paul Casals, María Casares... Velaquí algunhas das cousas fermosas que dixo precisamente a dama coruñesa da escena francesa: “Apreciamos en el Señor de Madariaga sus virtudes ejemplares de hombre libre y entero que no inclinó jamás la cabeza, ni humilló su inteligencia ante ninguna tiranía triunfante, ni en su patria ni en el extranjero, ni de oriente ni de occidente”)

 

 (No xardín da casa en Oxford, ano 1966)

En 1947 é nomeado primeiro Presidente da Internacional Liberal, viaxa a EEUU, alí coñece e conversa con Einstein e é proclamado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Princeton.
Volve a España morto o ditador. O 3 de maio de 1976, por fin, Madariaga leu o seu discurso de ingreso na Real Academia de la Lengua, ante máis de 800 persoas. Cun enorme simbolismo de reconciliación [...], ao seu discurso [...] contestoulle Julián Marías.
Tamén no 76 chega á Coruña. O Instituto Cornide de Estudos Coruñeses e mais o Concello prepáranlle unha sentida e merecida homenaxe. No citado Instituto deixou este noso coruñés universal un importante fondo documental e fotográfico. As súas cinzas foron esparexidas no mar da Coruña.
Foi un grande conversador, unha persoa que valorou o amor, un home leal ás orixes, un ser pragmático. Un perfil complexo no que o pensamento político se compón basicamente de dúas pezas: antitotalitarismo de calquera tendencia e democracia liberal. Pero tamén o proxecto europeo federal...


 (Esta foto e mais as seguintes foron feitas por Charo Soto no expediente escolar de Salvador de Madariaga que custodia o Instituto histórico coruñés que leva o seu nome. Madariaga estudou no noso Instituto -o Instituto da Guarda- pero os expedientes académicos dos alumnos varóns foron trasladados na década dos 40 ao novo edificio, o situado na chamada Cidade Escolar. Agradecemos á Dirección do IES 'Salvador de Madariaga' a súa total dispoñibilidade á hora de permitirnos acceder aos seus arquivos)








 
:::::::::::::::::
(NOTA:
Todos os textos, en cursiva, atirados do libro do prof. Grandío Seoane, foron traducidos por nós ao galego).

Ningún comentario:

Publicar un comentario